Que pasaría se puidésemos coñecer a orixe da contaminación en tempos pasados? Isto é posible grazas ao proxecto PollutedPast do grupo EcoPast, dirixido pola investigadora do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago (CRETUS) Olalla López Costas. Con xa dous anos de traballo, os seus membros tratan de comprender como a contaminación ambiental por metais pesados afectou ás poboacións que habitaron Europa nos períodos romano e medieval a través da paleocontaminación.
Para obter un corpus amplo de mostras, analízanse restos humanos e animais da Península Ibérica, Portugal, o sur de Suecia e, máis recentemente, de Grecia e Francia. No caso de Galicia, o equipo céntrase en xacementos como A Lanzada, as necrópoles da Pontevedra medieval e os esqueletos da Catedral de Lugo. Tamén estudan turbeiras e lagos, co fin de obter unha perspectiva ambiental máis ampla.
O seu método de análise baséase na medición do contido dos metais e nos seus isótopos. “As turbeiras e os lagos falan da contaminación ambiental, mentres que os seres humanos reflicten a contaminación sufrida ao longo da súa vida”, explica a investigadora. Pero a investigación non se limita ás escavacións: tamén analizan textos, epigrafía e documentos antigos. A finalidade do grupo EcoPast é integrar disciplinas tan diversas como arqueoloxía, xeoloxía, historia da arte, química ou bioloxía.
No primeiro ano de proxecto construíron un laboratorio único de Europa para analizar trazas de metais. Todos os produtos son de cero ou baixa concentración destes materiais, e mesmo a auga que sae da billa non inclúe restos. Grazas a axudas como o programa Oportunius son capaces de manter os niveis controlados, o que permite procesar mostras dende contextos forenses e obter resultados interesantes sobre o noso pasado.
Contaminación por mercurio: de onde vén?
Segundo os resultados iniciais desta investigación, o mercurio era unha das principais vías de contaminación hai miles de anos. Maniféstase sobre todo en Suecia e en varios puntos da península, aínda que Olalla López sinala especialmente a Galicia. Pero por que? O mercurio aparece como un dos tratamentos médicos utilizados fronte a sífilis. Pero non era o único metal que empregaban con este fin, pois tamén identificaron dous casos de tratamentos por cobre.
Non só ten que ver coa sanidade. Na maioría de casos tamén está asociado coa contaminación ambiental: “O metal está na atmosfera, no caso do mercurio vinculado á minería e a metalurxia”, sinala. O cinabrio, un mineral composto principalmente por sulfuro de mercurio, tamén era moi utilizado nas épocas estudadas.
Así, tanto o mercurio como o cinabrio empregábanse a nivel cultural para construír obxectos de gran valor a causa da súa cor vermella brillante. Deste xeito, pódense observar as diferenzas por clase social: “Nalgunhas sociedades onde os metais estaban máis dispoñibles hai unha contaminación ambiental máis igualitaria, pero nas que eran un recurso escaso, as altas clases sociais sufrían máis contaminación”, explica López Costas.
O chumbo na era romana
O chumbo é outro dos elementos analizados dende PollutedPast. Neste caso, remontámonos aos romanos: había un sistema de explotación de minería e metalúrxico moi complexo no Imperio. “En Roma existía unha regulación e estabilidade no comercio e transacción de metais que permitía a explotación das grandes minas”, explica a investigadora. As Medulas, por exemplo, eran unha grande explotación mineira de onde se extraía unha gran cantidade de metais, e en consecuencia, producía unha contaminación por chumbo.
“Os romanos tiñan un uso do chumbo moi masivo, dende os canos ata as monecas para os nenos”, sinala. De feito, Olalla López explica que en Roma empregaban “táboas de maldicir”, feitas deste material, onde se escribían frases para desexar o mal a outras persoas. Así, o chumbo era moi importante neste período histórico, cunha explotación masiva do metal e unha maior contaminación.
Na actualidade, os niveis de contaminación xerados por Roma están só un pouco máis baixos que no pasado, e nalgúns casos case iguala ás cifras dos últimos anos, segundo explica a investigadora do CRETUS. “Para os romanos, o chumbo tiña un vínculo co permanente“, explica López Costas.
Orixe en actividades antrópicas
Así, a meirande parte da contaminación producida polos metais pesados tiña unha orixe antrópica: “Dende finais da Idade de Ferro ata o mundo medieval, a contaminación que estamos a observar é sempre por actividades humanas”, explica a investigadora da USC. A minería e a medicina son dous dos sectores que xeran unha maior contaminación.
Por exemplo, no mundo viquingo empregábase o dourado de mercurio para imitar a cor deste metal precioso, elaborado a partir de amalgama de mercurio. Como en Suecia non tiñan minas, trasladaban este metal dende España ou Turquía para destinalo á creación do dourado. O seu uso non só aparece en obxectos que están atopando nos xacementos da investigación, senón que se reflicten tamén nos arquivos ambientais: “Temos unha curva de contaminación de mercurio para o sur de Suecia bastante interesante que cadra moi ben cos períodos culturais”, explica.
Entre os achados máis relevantes do estudo, Olalla López Costas sinala que os restos de bebés presentan niveis de contaminación moito máis elevados, derivados destas actividades humanas. Isto se debe a que a maioría dos ósos se forman a través da nai: o chumbo e o mercurio acumúlanse, sobre todo o mercurio, e pasan ao organismo do feto. Este último é un elemento especialmente grave para os nenos, pois afecta ao desenvolvemento do cerebro.
Segundo Ollala López, nos restos da Pontevedra medieval hai adultos dotados de niveis altos de contaminación. “Pensamos que pode estar relacionado con que a xente traballara en hospitais e tivera relación con tratamentos vinculados ao mercurio”, explica. Ademais, en primeira instancia, en Galicia non hai minas de mercurio, polo que é complicado que exista esa fonte de contaminación. Todo o contrario acontece en Asturias, onde se atoparon individuos prehistóricos con niveis de mercurio máis elevados do que deberían. Mentres, a contaminación por chumbo vén representada dende A Lanzada, onde os poucos individuos do mundo romano que analizaron dende PollutedPast amosaron máis contaminación que os doutros períodos históricos.
O impacto dos metais pesados
Así, a contaminación por metais pesados vén de lonxe, pero que efectos tiña na poboación? Para obter resposta, o equipo EcoPast ten que traballar xunto a estudos de contaminación de saúde ambiental: “Cando hai unha contaminación moi grave pode producir a morte, pero estamos empezando a entender que en baixo grao producen efectos crónicos”, explica Olalla López.
Polo de agora, os profesionais traballan con persoas vivas e non tratan con restos humanos como o fan dende PollutedPast. Con todo, serve para contextualizar: os estudos determinan que a contaminación acrecenta case todo tipo de enfermidades, dende neuronais ata infartos, aínda que sobre todo aumentan a probabilidade de patoloxías respiratorias.
De feito, seguramente hai miles de anos xa sabían que se estaban a contaminar a raíz dos metais. Para iso, os investigadores consultan textos do pasado. “Parece que eran conscientes de que todos estes metais tiñan consecuencias para a saúde, pero eran cos que eles traballaban”, explica López Costas. Con todo, hai epígrafes nos que os autores sinalan que o mercurio era tóxico, a pesar de seguir utilizándoo. A investigadora compara esta situación co plástico hoxe en día.
Así, Olalla López sinala que era a xente máis ilustrada a máis consciente da súa toxicidade, mais eran os únicos materiais que permitían construír a monumentalidade do mundo romano, por exemplo, no caso do chumbo. Pola súa banda, o cinabrio contaminaba menos que o mercurio, e eran as persoas con maior poder económico aqueles que empregaban o sulfuro de mercurio mentres o resto da sociedade empregaba ocres, non tan contaminantes.
O futuro da paleocontaminación
“Facemos un estudo do noso pasado para coñecer como vivían as persoas e observar o cambio que sucede a través da arqueoloxía”, explica. Así, a paleocontaminación convértese nunha futura subdisciplina que lle gustaría promocionar a Olalla López, a fin de integrar unha nova perspectiva á análise de esqueletos humanos, unificando ambas as perspectivas.
Ademais de servir para coñecer ás sociedades pasadas, tamén permite concienciar á actual. As regulacións en contra do uso de metais pesados funcionan, e en consecuencia, agora hai niveis de contaminación moi baixos. Pero non queda aí: “Coa externalización de produtos e a explotación de novas áreas, as regulacións contra os metais pesados son menos estritas fóra de Europa”, advirte López Costas.
Así, por unha banda, serve para concienciar das consecuencias sobre a saúde tan graves que poden provocar os metais pesados e, por outra, sinala que no momento no que deixa de contaminar o ambiente, os corpos comezan a recuperarse mellor ante a exposición. “É unha esperanza para manter eses niveis baixos de contaminación por metais por e para a xente”, conclúe Olalla López.













