Na actualidade o consumo de produtos como a copa menstrual ou as compresas reutilizables están a experimentar un incremento moi notable no seu uso. Aínda así, son moitas as persoas que recorren cada mes ao emprego dos tampóns. Por iso, se cadra, sorprende que nunca antes se analizara a presencia de metais potencialmente tóxicos no produto, ata o de agora. Investigadores de distintas universidades estadounidenses acaban de publicar un artigo na revista científica Environment International no cal se demostra a presenza, en diferentes proporcións, de ata 16 metais en distintas marcas que están á venda nos Estados Unidos, Europa e Inglaterra. O estudo é moi preliminar, e os propios autores do traballo falan da necesidade de seguir investigando para ver se a presencia destes materiais no producto de hixiene menstrual podería implicar un risco para a saúde.
A orixe dos metais, unha incógnita
Arsénico, bario, calcio, cadmio, cobalto, cromo, cobre, ferro, manganeso, mercurio, níquel, chumbo (plomo), selenio, estroncio, vanadio e cinc. Ata 16 metais foron atopados nas mostras analizadas por estes investigadores grazas ao emprego dun espectrógrafo de masas, o cal permite identificar os distintos componentes dun material diferenciándoos pola súa masa e a súa carga eléctrica. De onde saen todos eles?
Ata o momento, descoñécese a orixe. Os autores especulan no estudo sobre unha posible “contaminación” no proceso de produción dos tampóns, xa que as materias primas que se empregan, como o algodón, poderían estar expostas a distintos pesticidas, fertilizantes ou augas residuais. Doutra banda, o emprego destes metais no produto final tamén podería ser intencionado: non é estraño que se usen como axentes antimicrobianos ou, no caso do calcio e o cinc, para o control do olor. Outros metais poderían usarse como pigmentos, ou como lubricantes para facilitar o proceso de inserción do tampón. Porén, esta cuestión non era o obxectivo do estudo, que só se limitou a analizar as mostras e identificar os metais presentes.
Os resultados amosan unha tendencia moi clara: algúns tampóns tiñan presentes unha serie de metais e outros tiñan unha maior concentración doutros. Iso si: ningún dos tampóns analizado estaba exento de metais, e iso que os investigadores estudaron ata 30 tampóns, pertencentes a 14 marcas distintas.
Blanca Laffon, catedrática da Universidade da Coruña e investigadora principal do grupo Dicomosa no CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), onde dirixe unha liña centrada toxicoloxía xenética, explica: “A investigación é moi interesante, mais é o primeiro paso nunha cadea de estudos que dende logo merecería a pena facer a partir do que agora se sabe”.
Os seguintes pasos
Segundo Laffon, o feito de que os metais estean presentes no tampón non quere dicir que sexan capaces de abandonar o tecido e, por tanto, ser absorbidos pola mucosa vaxinal. Este ten que ser o primeiro paso a seguir de cara a estudar a posible toxicidade dos tampóns: “Despois teríase que demostrar se, efectivamente, estes metais son absorbidos a través da mucosa presente na vaxina, e ver se as usuarias frecuentes deste produto de hixiene teñen no seu organismo niveis superiores dos mesmos metais”.
Outro tema a investigar é o vencellado á orixe dos metais presentes nos tampóns. Se fora algo intencionado, di a científica, o ideal sería ver se é posible suprimir esta presenza. “Se é algo máis asociado ao proceso de produción, o interesante sería ver que parte desa cadea se podería mudar dimiuíndo así a presenza destes metais”.
Un feito sorprendente é que os investigadores só atoparon un artigo sobre a absorción de metais a través da mucosa vaxinal: analizouse para o caso do chumo, e fíxose só en ratos. Ademais, no estudo irrigaban o metal directamente, sen atoparse dentro doutro material, co cal é imposible extrapolar os resultados. O feito de que nunca se pensara na posible toxicidade dos tampóns deixa unha evidencia: o pouco, por non dicir nada, que importa a hixiene menstrual, malia ser unha cuestión que normalmente afecta durante un período moi longo da vida á metade da poboación mundial.
Sospeitosos habituais
Hai metais e metais, e a súa toxicidade no corpo humano está máis estudada nalgúns casos que noutros. Sabemos que, no relativo ao chumbo, non hai un nivel de exposición seguro: “O chumbo é acumulativo. Isto quere dicir que é moi complicado eliminalo do corpo unha vez está no organismo. Ademais, deposítase nos ósos en lugar do calcio, co cal podería estar presente durante un tempo moi longo”. Outros metais que se recoñecen como perigosos para a saúde son o arsénico, que ademais é canceríxeno, e o cadmio, o cal causa danos no ril e no sistema cardiovascular.
Referencia: Tampons as a source of exposure to metal(loid)s (Publicado en Environment International)














