Amante do sol e resistente ás rozas: a planta invasora que coloniza os cantís de Galicia

Chegada como especie ornamental nos anos 70, a súa expansión acelerouse na última década pola falta de xestión e o abandono do territorio

No norte de Galicia, á beira dos cantís da costa de Mera (Oleiros, A Coruña), vive unha planta surafricana coñecida en galego como semprenoiva das floristas ou perpetua peciolada, coñecida cientificamente como Helichrysum petiolare. Con porte de mato, ten unhas follas redondeadas dunha cor gris prateada (ou verde variegado nalgúns casos), e textura aveludada. Con todo, aínda que poida parecer inofensiva, é unha especie que, segundo as primeiras citas, chegou a Galicia nos anos setenta, a pesar de que as consecuencias da súa aparición maniféstanse nos últimos dez anos.

Jaime Fagúndez, doutor en Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC), explica que esta especie está distribuída principalmente polas Rías Altas, aínda que aparece de forma illada noutros enclaves: a Illa de Tambo, o norte da ría de Ribadeo, e esténdese mesmo pola costa de Vegadeo, en Asturias. “Na Coruña e Ferrol, a Helichrysum petiolare ten o comportamento máis invasor”, sinala o investigador.

Publicidade

A falta de xestión desta invasión por parte das administracións é unha das principais denuncias do ecólogo e investigador da UDC Alejandro Martínez Abraín, quen explica que as estratexias dos concellos non son apropiadas. As semprenoivas forman un grande aparato radicular, con talos subterráneos que medran de xeito horizontal e son moi difíciles de eliminar. Aí aparece o problema. As administracións adoitan eliminar a parte aérea da Helichrysum coa boa intención de loitar contra ela, pero trátase dunha planta amante da luz, característica propia daquelas plantas en estadios iniciais da sucesión ecolóxica. Por iso, a súa tendencia é invadir terreos completamente despexados, polo que a mellor solución sería deixar avanzar o crecemento das plantas veciñas para que compitan pola luz e fagan sombra.

Non obstante, como aclara Fagúndez, “non hai evidencias de que a Helichrysum non poda vivir nunha zona de cobertura arbórea”.

Publicidade

Como se expande polo territorio?

Dende a ecoloxía, unha das principais causas da invasión da perpetua peciolada é a irresponsabilidade dos propietarios de casas con xardíns e as empresas de xardinaría. “Empregan espazos comúns, como os costeiros, como vertedoiro das podas“, sinala Martínez Abraín. Así, ao ser plantas que se reproducen rebrotando, son capaces de desenvolver raíces cando os talos están en contacto co solo, polo que poden enraizar e expandirse moi rápido.

Semprenoiva das floristas ou 'Helichrysum petiolare'. Foto: Wikimedia Commons
Semprenoiva das floristas ou ‘Helichrysum petiolare’. Foto: Wikimedia Commons

Así, os restos das labores de xardinaría convértense nunha das principais formas nas que as especies invasoras afectan as especies autóctonas do noso medio natural. É un feito que se relaciona co concepto da traxedia dos comúns, adoptado polo investigador americano Garrett Hardin en 1968, quen explicaba o abuso dos cidadáns sobre os espazos comúns. Así, Martínez Abraín compara este termo coa situación da Helichrysum: a sociedade non tira os restos da poda no seu xardín, nin no do seu veciño (algún si), senón que o tiran en espazos como cantís, de dominio público marítimo-terrestre. “Os concellos deberían poñerse serios con este asunto e establecer un mecanismo de prevención e vixilancia”, sinala o ecólogo da UDC.

A sucesión ecolóxica e os cotos de caza

A sucesión ecolóxica é o proceso espontáneo polo cal un ecosistema cambia co tempo, polo que nun lugar determinado, as especies non permanecen sempre iguais. Unhas especies facilitan a chegada doutras. O problema de fondo na invasión da Helichrysum é este cambio do territorio: os terreos onde invade antes estaban intensamente cultivados ata a beira dos cantís. Ao estar traballados constantemente, non había espazo para que entrasen especies invasoras. Con todo, tras o abandono, agora son campos que se manteñen abertos adrede, de maneira que crean o escenario perfecto para a entrada da semprenoiva das floristas.

Nos cantís, o proceso natural de sucesión transcorrería dos fentos ás silvas, logo o toxo e, finalmente, a chegada de especies arbóreas. Tal e como explica Martínez Abraín, nestas zonas, expostas ao spray mariño, a sucesión non se detén co toxo. Despois do toxo aparece o loureiro, con estratos arbóreos ananizados pero que xeran sombra densa, mesmo cerca do nivel do mar. “O loureiro é máis alto, polo que co desenvolvemento do seu dosel arbóreo, non chega a luz ao solo”, explica o investigador da UDC. Así, deixar medrar o loureiro sería unha das hipotéticas estratexias para deter a expansión da Helichrysum. “Ou fas que siga a sucesión ecolóxica ou xérala ti”, explica Alejandro. Así, se os concellos non queren esperar dez anos para que o seu campo de toxos teña loureiros que acheguen sombra, a solución sería plantalos.

Costa de Mera (Oleiros, A Coruña) cultivada a mediados dos anos 50 (Voo americano) Foto: Alejandro Martínez Abraín
Costa de Mera (Oleiros, A Coruña) cultivada a mediados de 1950 (Voo americano) Foto: Alejandro Martínez Abraín

Outro caso excepcional da Helichrysum é que as zonas nas que se expande pola costa coruñesa son cotos de caza de coello. “En moitas ocasións, son os cazadores quen cortan a vexetación para abrir o espazo e deixar que medre a herba para que podan comer os coellos”, explica o ecólogo da cidade herculina. Con todo, a simple proposición de deixar de desbravar esta vexetación recibiría unha negativa por parte dos cazadores, que deixarían de dispor de coellos.

Neste contexto, as toxeiras do xenero Ulex teñen unha grande importancia para a perpetua peciolada: protéxea cos seus picos dos animais herbívoros que poidan alimentarse dela e xera condicións adecuadas de humidade e solo para medrar. Ademais, poden xerar zonas de claros, polo que ademais de ter un escudo, tamén permite que entre luz. Segundo Alejandro Martínez, en ocasións mesmo pode trepar por enriba desta leguminosa polos ocos que xera.

Isto di a botánica

Con todo, a expansión da perpetua peciolada tamén se pode explicar dende a súa gran capacidade de reprodución sexual, como sinala Jaime Fagúndez. Isto fai que poida aparecer de maneira masiva nun curto período de tempo. Ademais, produce miles de froitos chamados aquenios, que conteñen sementes moi pequenas. “As sementes da Helichrysum dispérsanse facilmente co vento, o que lles permite chegar a zonas afastadas e colonizar rapidamente áreas abertas, explica o botánico da UDC. Este comportamento pode afectar ás toxeiras costeiras, un dos hábitats de maior interese nos espazos naturais galegos.

Aínda que a sombra xerada polo toxo, ou mesmo polo loureiro, pode debilitar á Helichrysum, Jaime Fagúndez pensa que, tras diversos estudos sobre esta planta, non existe evidencia de que o aumento da cobertura arbórea faga desaparecer á invasora. O equipo de Fagúndez ten atopado á especie en zonas pechadas, convivindo con árbores como o eucalipto. Ademais, “á semprenoiva venlle moi ben as perturbacións puntuais como os lumes na zona costeira”, explica o investigador da UDC. Así, a acumulación de vexetación favorecería a aparición de incendios.

Como combater a ‘Helichrysum petiolare’?

O faro de Mera é un dos enclaves invadidos pola Helichrysum petiolare. Dende a Universidade da Coruña, Jaime Fagúndez e os seus compañeiros proban diferentes métodos de control mecánico e físico coa colaboración de Repsol. Por unha banda, testearon a eliminación das partes aéreas da planta con rozadoira manual e mecánica, e por outra, levaron a cabo unha retirada manual das plantas unha a unha coa participación de voluntarios. “Ningún destes sistemas resultou ser efectivo ao 100%”, sinala o investigador.

O motivo vén da capacidade da semprenoiva das floristas de rexenerarse a partir dos seus talos subterráneos. Con todo, aparecen resultados da investigación que poden ser beneficiosos: a eliminación da parte aérea non a fai desaparecer, pero limita a floración. Deste xeito, o proxecto seguirá nunha segunda fase para intentar eliminar a planta completamente a través da acción fronte ás estruturas basais.

Con todo, Fagúndez explica que hai que incidir nas zonas que non están densamente invadidas cun plan de vixilancia que impida chegar a un estado extremo. “Nos lugares con menos densidade de Helichrysum fomos capaces de evitar a súa rexeneración”, sinala. Con todo, nos enclaves densamente invadidos a solución é moito máis difícil.

Pola súa banda, o ecólogo Martínez Abraín céntrase no avance da sucesión e na prevención dos restos de poda e propón a instalación de máis contedores ou puntos verdes para estes residuos, onde poder levalos de forma fácil e gratuíta. “Son problemas complexos, complicados de solucionar por unha única vía”, aclara Fagúndez. Este problema, aínda recente, precisará de máis investigación e colaboración para eliminar a esta competidora da flora autóctona dos cantís coruñeses.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un peixe que devora algas acelera o declive dos bosques mariños nas Illas Atlánticas

A desaparición, ligada á presión da saboga e ao cambio climático, deixa xa sen kelp boa parte da costa galega

A Academia de Ciencias entrega os seus premios ás mellores investigacións de Galicia

Sete equipos recibiron os galardóns por avances en diversos eidos, como o cancro, a sostibilidade e a mellora de procesos industrias

Tratado de Alta Mar: unha nova esperanzadora para a saúde dos océanos

O ordenamento das zonas máis afastadas da costa leva discutindo desde hai dúas décadas e só recentemente asinouse un Tratado de Alta Mar

Unha científica da UDC impulsa materiais sostibles por impresión 3D para a electrónica

A investigadora Silvia Lage explora novas vías para fabricar dispositivos a partir do uso de bioplásticos e da revalorización de residuos industriais