Plantación de cannabis sativa.
Plantación de cannabis sativa.

Cannabis e cocaína nas augas residuais

Iria González recibe o premio na reunión da SETAC en Basilea. Foto: USC.
Iria González recibe o premio na reunión da SETAC en Basilea. Foto: USC.

Un artigo de investigadores da USC que alerta sobre os efectos da cloración de auga que conteña residuos de cannabis foi escollido como a mellor publicación europea no ano 2013 no ámbito da análise química e monitoraxe ambiental pola Sociedade de Toxicoloxía e Química Ambiental (SETAC). 

O traballo premiado foi realizado polos doutores Iria González como primeira autora, Isaac Rodríguez, José Benito Quintana e Rafael Cela. Este grupo xa advertiu nun traballo do 2012 da presenza de restos de droga nas augas residuais de Santiago (onde fixeron as análises). E detectaron que, mentres as trazas de cannabis permanecían estables durante a semana, os restos de cocaína disparábanse nas fins de semana.

O metabolito do cannabis

No estudo agora premiado analízase a transformación do principal metabolito do cannabis (o carboxi-THC) durante a cloración das augas, método habitual para converter a auga en potable. Un metabolito é a substancia xerada polo organismo humano ao procesar drogas, atopándose en diferentes cantidades nas augas, tanto superficiais como residuais, como consecuencia do consumo de estupefacientes.

O metabolito do cannabis aparece en augas superficiais, que se empregan para facer auga potable, e no traballo obsérvase a rápida reacción deste composto con doses baixas de cloro para dar lugar a ata sete produtos de transformación diferentes. Ademais, o estudo conclúe mediante a utilización dun software específico que estes produtos derivados poderían ser incluso máis perigosos que o THC xa que aumentan a toxicidade da auga. 

Os restos de drogas non supoñen riscos para a saúde humana pero si para o medio ambiente

Os investigadores alertan de que os índices atopados en Galicia non supoñen perigo para a saúde pero a toxicidade da auga pode aumentar en lugares de elevado consumo de cannabis ou dependendo do proceso de potabilización da auga. Os autores do traballo consideran que a pesar de non ter consecuencias para a saúde humana si poden causar danos no medio ambiente xa que afectan aos microorganismos que habitan nos ríos se estas augas rematan no seu cauce. 

Instituto de Investigación e Análise Alimentaria

O traballo premiado foi asinado como primeira autora pola doutora Iria González, do Grupo de investigación de Cromatografía e Quimiometría do Departamento de Química Analítica, do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria. Iria González, con menos de dous anos de experiencia posdoutoral recolleu o premio en Basilea, dentro da reunión anual da SETAC europea. A investigadora formou parte do estudo durante a súa etapa como investigadora FPU no grupo e actualmente traballa cun contrato postdoutoral no Instituto Mario Negri de investigación famacolóxica ne Milán. 

Os autores deste traballo xa foran premiados en 2012 pola Real Academia Galega de Ciencias pola avaliación do consumo de drogas a través da análise das augas residuais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.