Os nitazenos, ou opioides de benzimadol, son opioides sintéticos agonistas selectivos do receptor opioide µ (mu). O informe De los fentanilos a los nitazenos. Estudio de la amenaza de los nitazenos en España, de Episteme Social, sinala que algúns son ata 500 veces máis potentes que a heroína. Agora, sábese que esta droga xa produciu a súa primeira morte rexistrada en España: trátase do falecemento, en agosto de 2024, dun estudante de 21 anos por unha sobredose que recentemente se asociou ao consumo de nitazenos.
O primeiro caso de detección no mundo aconteceu en 2019, co rexistro de opioides sintéticos como o isotonitazeno e o metonitazeno. Estes compostos xa foran sintetizados e investigados nos anos 50 por CIBA Pharmaceuticals como analxésicos alternativos á morfina. Porén, nunca deron o paso de incorporarse a medicamentos debido ao elevado risco de sobredose que presentan estas substancias.
O investigador David Pere Martínez Oró publicou o estudo Los nitazenos en España. Situación actual a mayo de 2025, no que explica que hai unha “escasa marxe de seguridade, entre dose activa e dose mortal”. No informe de Episteme Social confírmase que “con dez gramos, o que pesa un sobre de azucre, os traficantes obteñen 50.000 doses de isotonitazeno”. As doses mortais prodúcense nos poucos centos de microgramos —a cifra varía lixeiramente entre diferentes nitazenos—, cantidades case imperceptibles a simple vista. Por iso non existe unha dose segura para o consumo destas substancias.

Por que as decisións de China afectan ó mercado de nitazenos?
As políticas económicas de China vólveno un escenario idóneo para o estudo e desenvolvemento de substancias psicoactivas. Cando China fiscaliza substancias que, ata ese punto, se atopaban no mercado, ditas drogas son retiradas da industria química legal. Non obstante, mantense a súa produción e difusión no mercado negro.
O mesmo estudo sobre nitazenos realizado por Episteme Social indica que “a irrupción dos nitazenos responde á fiscalización do fentanilo en China, onde se substituíu por opioides sintéticos como resposta á demanda en América do Norte”. Non resulta estraño, entón, que a súa aparición coincida coa fiscalización do fentanilo no 2019 en China: a Axencia da Unión Europea sobre Drogas (EUDA) sinala que “desde 2019, canto menos 21 países notificaron presenza de nitazenos ao Sistema de Alerta Temperá sobre novas substancias psicoactivas” no estudo Mortalidad provocada por el uso de drogas: situación actual en Europa, do Informe Europeo sobre Drogas 2025.
Síntomas de consumo
Estes opioides preséntanse en forma de po e producen os seguintes síntomas, segundo indica o informe de Episteme Social: a curto prazo pode causar euforia, relaxación, depresión respiratoria, ritmo cardíaco lento e superficial, e coma, entre outros. Os seus efectos a longo prazo son aínda unha incógnita debido á falta de estudos sobre o tema, pero estímase que presentarán reaccións similares a outros opioides, sendo algúns exemplos a adicción e o desenvolvemento de problemas cardíacos e pulmonais.
É, entón, un risco para España?
O aumento do consumo de drogas, como no caso da cocaína en Santiago de Compostela, pode levar a preguntar se estes opioides supoñen un perigo para España.
A oferta de nitazenos practicamente inexistente. A nivel nacional tampouco se reportaron brotes de sobredoses ligados a estes opioides, a diferenza do que acontece noutros países: en Reino Unido houbo 179 mortes relacionadas con nitazenos tan só entre xuño de 2023 e maio de 2024, como indica a revista Forensic. Mesmo se sospeita unha cifra maior: un estudo en Reino Unido publicado por The Guardian pon o foco na posibilidade de que os nitazenos se degraden no sangue post-mortem, co que se infradiagnosticarían ata un terzo dos falecementos relacionados con esta droga.
Outro factor que resalta o estudo de Episteme Social é que “a dispoñibilidade estable de heroína no mercado español e a súa colleita en aumento reduce o interese no consumo de opioides sintéticos como os nitazenos”. Estas drogas supoñen un beneficio menor para os traficantes do mercado negro. Ademais, resulta extremadamente complexo determinar unha dose non letal. Isto fai que a transición de provedores ilegais de droga cara a unha oferta maior de nitazenos resulte pouco probable. De feito, tan só o 0,2 % das drogas fiscalizadas que se atoran en circulación no mercado ilegal son nitazenos.
Así e todo, non se pode afirmar que España estea exenta de riscos. Estes opioides sintéticos xa produciron sobredoses en Europa, polo que o informe recalca que, aínda que baixa, “representan unha ameaza para a Saúde Pública española”.
Prevención e actuación
O risco de sobredose por consumo de nitazenos é moi elevado. Para frearlo, a naloxona resulta efectiva, mais en cantidades superiores ás habituais: chegan a necesitarse tres doses para frear a primeira sobredose. E pode falarse dunha primeira sobredose porque, diverxendo doutros opioides, é posible experimentar unha segunda e unha terceira. Por este motivo, o protocolo de actuación ante estas substancias dita que o paciente debe manterse en observación durante doce horas.
Resulta vital establecer campañas de sensibilización para a prevención de sobredoses, garantir o subministro de naloxana e formar a profesionais e consumidores nos perigos dos nitazenos.














