O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas”

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

A Garda Civil detivo nos últimos días a un veciño do municipio coruñés de Culleredo ao intervirlle seis doses de fentanilo. Non é nin moito menos a primeira nova sobre a presenza desta droga na comunidade. O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) atende pacientes con intoxicacións dende hai moito tempo xa que é habitual que, de vez en cando, cheguen ás urxencias persoas baixo os efectos deste opioide sintético. Con todo, as urxencias do CHUAC non identificaron casos nos últimos días nin tampouco o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro (INCIFOR) da USC, que analiza nos seus laboratorios as mostras que se toman nos centros sanitarios. Fontes do CHUAC apuntan que o fentanilo non é novo en Galicia e que as persoas que acoden ás urxencias con intoxicacións o fan tamén por consumir heroína e cocaína. “O seu consumo vai ligado a outras drogas. A situación non ten nada que ver co que vemos en EEUU, aquí non chegan modo zombi”, explican.

Os expertos non observan ningunha repunta dos casos e non cren que a chamada “droga zombi” chegue a estenderse como en Estados Unidos (EEUU), onde unha persoa morre por sobredose cada cinco minutos. Polo xeral, os casos rexistrados en Galicia responden a inhalacións de parches de fentanilo, que é o fármaco que se adoita receitar para controlar as dores crónicas. O opioide pode consumirse a través de pastillas que se disolven na boca ou de maneira intravenosa. “Non hai repunta nin levamos 50 anos atendendo casos”, aclaran dende a Área Sanitaria de Coruña.

Publicidade

O fentanilo é un forte opioide sintético entre 50 e 100 veces máis potente que a heroína e a morfina. É un fármaco que se receita en cirurxía e oncoloxía en pequenas doses e polo seu mecanismo de acción e características farmacolóxicas posúe unha potencial adicción. Manuel López-Rivadulla, profesor emérito da USC e catedrático de Toxicoloxía Forense da USC, explica que é un “moi bo medicamento” que se emprega fundamentalmente como analséxico. É un gran depresor do sistema nervioso central e serve para “modular a dor”. “A xente que consome fenatilo non avalía ben as doses, que son moi pouco controlables e teñen un intervalo terapéutico moi curto. Baixo os seus efectos pódese perder o coñecemento, como cos opiáceos. Poden producir efectos tóxicos importantes”. Para poder identificar clinicamente se unha persoa consumiu fentanilo basta con realizar unha mostra de ouriña ou sangue.

Cando se receita adoita coñecerse como Durogesic®, Fendivia® e Matrifen® e na actualidade, estes opiodes sintéticos son as drogas máis comunmente asociadas ás mortes por sobredoses en Estados Unidos. “O fentanilo ten un índice terapéutico moi baixo e calquera subida de dose pode implicar a morte da persoa. A respiración vólvese lenta e moi débil, con típicos signos de depresión respiratoria”. É o que se coñece como hipoxia: a redución da cantidade de oxíxeno que chega ao cerebro. Isto pode desembocar nun estado de coma e causar danos permanentes no cerebro. O Instituto Nacional sobre o Abuso de Drogas (NIH, polas súas siglas en inglés) en Estados Unidos explica que ao igual que a heroína, a morfina e outras drogas, o fentanilo únese aos receptores opioides que se atopan en áreas do cerebro que controlan a dor e as emocións.

Publicidade

“É un fármaco para utilizar con receita médica e coa debida responsabilidade”, continúa López Rivadulla. “Non cremos que chegue a pasar en Galicia o que ocorre en Estados Unidos, xa que alí leva acontecendo moito tempo. É moi difícil que o vexamos, pero falando de drogas, todo é posible”. Xa en 2018 o Ministerio de Sanidade alertou dos derivados do fentanilo presentes na heroína e a súa “posible presenza” no territorio español. Nun comunicado, Sanidade alertaba da “estreita marxe” de seguridade na súa dosificación, xa que os seus efectos teñen lugar co consumo de microgramos. De maneira que, uns poucos gramos, poden supoñer unha dose letal.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que son os nitazenos? A droga 500 veces máis perigosa ca heroína causa a primeira morte en España

As autoridades sanitarias alertan sobre a alta perigosidade destas substancias sintéticas pola estreita liña entre unha dose activa e unha letal

O consumo de cocaína dispárase en Santiago: medra máis dun 65% no último ano

Un informe europeo sitúa a cidade como a terceira con maior presenza da substancia no Estado, acadando o valor máximo dende 2011

Galicia rexistra unha tendencia á baixa no consumo de alcohol e drogas no alumnado de secundaria

A última enquisa do Ministerio de Sanidade detecta un descenso no uso de bebidas alcohólicas e enerxéticas, tabaco, cánnabis e hipnosedantes entre a mocidade galega de entre 14 e 18 anos

Recaer no consumo de cocaína non é falta de vontade: así é como a droga reconfigura o cerebro

Un estudo revela o mecanismo polo que a substancia altera o funcionamento do hipocampo e provoca a compulsión continua por consumila