Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.

O equipo do arqueólogo João Fonte acaba de identificar o primeiro campamento romano do val do Salas, un espazo xeográfico limítrofe entre Galicia e Portugal. Dende a empresa lusa Era-Arqueologia, á que pertence o equipo, detectouse un posible recinto fortificado romano de tres hectáreas de extensión datado entre o século I a.C. e o século I d.C. Isto coincide no tempo coa presenza romana neste territorio durante a época das coñecidas como Guerras Astur Cántabras, nos episodios posteriores de pacificación ou incluso nos primeiros momentos de consolidación do poder romano. A investigación, que acaba de ser publicada na Revista de prehistoria y arqueología, tamén localizou un dos primeiros fornos de campaña atopados nun recinto militar temporal no noroeste peninsular.

O estudo, no que tamén participaron investigadores galegos, combinou técnicas como a teledetección, o uso de xeorradares ou gradiómetros, a datación por Carbono 14 e por luminiscencia, os estudos xeoquímicos, as análises arqueobotánicas e a escavación arqueolóxica convencional. A combinación destas tecnoloxías permitiu caracterizar de forma máis detallada o xacemento, revelando un recinto de tres hectáreas de extensión e forma tendente a naipe. O xacemento preserva as catro portas de acceso, incluíndo acceso en clavícula, un foxo perimetral e algunhas características de uso cotiá inéditas ata o momento no noroeste peninsular. A maiores, os investigadores descubriron que o xacemento, localizado no centro do val de Salas, érguese sobre un espazo de actividade anterior da Idade do Bronce e da Idade do Ferro.

Publicidade

Entre as características máis relevantes localizadas no Alto da Raia está o achado de fornos de campaña que permitían a cocción do subministro de pan para os soldados romanos. Estes fornos militares de campaña non foran identificados ata o momento no noroeste peninsular, aínda que son ben coñecidos a partir dos campamentos romanos vinculados á conquista de Britania. Grazas aos restos orgánicos de cereal localizados neses fornos o xacemento púidose datar con precisión. Estes restos ofreceron tamén unha visión sobre a alimentación no campamento e as relacións coa súa contorna. Deste xeito, os investigadores obtiveron mostras de cebada, millo miúdo e trigo, cereais abundantes na península ibérica. O achado doutros cultivos, como espelta, son máis propios do noroeste peninsular e suxiren o subministro a partir dos recursos locais. O achado de figos fai pensar tamén na alimentación habitual no exército romano.

A toma de control sobre o territorio

O conxunto dos datos indica que o campamento foi habitado nun arco cronolóxico entre o 50 a.C. e o 50 d.C. e que o abandono do campamento non foi abrupto ou non implicou a súa completa destrución. O xacemento está no centro do val, cunha “localización exposta”, rodeado de varios castros e onde non “parece estar relacionado directamente con campañas militares”. Segundo os investigadores, “pódese relacionar co proceso de reorganización territorial e explotación de recursos que sucedeu inmediatamente despois da conquista e integración desta área no Imperio romano”. Para os arqueólogos, “isto abre interesantes preguntas ao redor das interaccións diplomáticas potenciais entre o exército romano e as comunidades indíxenas que habitaban nesta área, incluíndo a transferencia de coñecemento ou determinadas prácticas”.

Publicidade


Referencia: Roman-indigenous interaction in the Salas River valley (Northwest Iberia): the Roman camp of Alto da Raia and its archaeological landscape (Publicado en Revista de prehistoria y arqueología)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla