Que é o karkubi, a droga da redada con médicos en Vigo e Cangas

A substancia elabórase mesturando haxix e clonazepan, o principio activo de fármacos que se receitan para problemas de sono

Unha droga barata, fácil de elaborar e cada vez máis consumida pola mocidade, segundo os expertos. O ‘karkubi’ é un psicotrópico, orixinal de Marrocos, que se acada mesturando haxix e clonazepan. A Garda Civil detivo este xoves a unha persoa e investiga a outras 16, entre elas varios médicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), nunha operación contra o tráfico destas substancias realizada en Cangas e Vigo.

Coñecido tamén como “a droga dos pobres”, o ‘karkubi’ obtense mesturando esencialmente haxix e clonazepan, mais tamén pode engadírselle pegamento ou heroína na súa elaboración. O seu consumo leva a un “cambio nos circuítos cerebrais, creando alucinacións e euforia“, explica o toxicólogo e vogal da xunta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña Antonio Busto.

Publicidade

Gran marxe de beneficio

O toxicólogo e farmacéutico Antonio Busto, membro do Colexio de Farmacéuticos da Coruña. Foto: Cedida.
O toxicólogo e farmacéutico Antonio Busto, membro do Colexio de Farmacéuticos da Coruña. Foto: Cedida.

O ‘karkubi’ é unha droga que “crea moita adicción e tolerancia“. Isto fai que sexa especialmente perigosa xa que, “para ter os mesmos efectos que as primeiras veces, precisas máis cantidade”. Un dos seus compoñentes —o clonazepan— obtense de medicamentos con receita como o Rivotril. Este fármaco é prescrito principalmente como antiepiléptico, mais tamén se emprega para conciliar o sono ou calmar a ansiedade xa que, “a diferenza doutras benzodiacepinas, actúa moito máis rápido sobre o corpo“, destaca o farmacéutico de Noia.

Outro dos problemas que presenta o Rivotril é o seu baixo custo. Segundo indica Busto, unha caixa con 60 comprimidos deste fármaco financiado véndese por 2,08 euros. “Isto fai que os traficantes obteñan unha gran marxe de beneficio, xa que dunha soa caixa de clonazepan poden sacar centos de cápsulas desta droga. Unha vez elaborado o ‘karkubi’ con haxix ou pegamento, eles venden cada dose a un prezo dez veces maior ou máis “.

Publicidade

Moda entre a xuventude

O ‘karkubi’ tamén se nomea como “droga Rambo”, “cartucho”, “recarga”, “ampola vermella” ou “Guadalupe”, acorde a información do toxicólogo. En Galicia comercialízase en formato de gotas, ampolas ou comprimidos brancos como o Rivotril. A mocidade que consume en ámbitos de ‘policonsumo’ “busca unha reacción ‘alcohol like’, é dicir, replicar o que sentirían se bebesen grandes cantidades de alcohol, case ao límite do coma etílico”, detalla. A preocupación, acorde a súa experiencia, é que a rapazada mestura estes psicotrópicos con outros principios activos como a codeína —opioide— ou os xaropes, “que xa están a dar problemas no noso eido”.

Consumido dentro de ámbitos como a “cultura rave” ou como “experiencias entre amigos”, o dixital non queda fóra desta problemática. “Eu mesmo cheguei a ver vídeos de YouTube no que os mozos, mentres cantan e bailan, gravan como preparan estas drogas, coma se fose unha receita de cociña, mostrando os medicamentos necesarios para a súa elaboración”, conta Busto.

Receitas falsificadas

Dentro da operación que levou á redada deste xoves en Cangas e Vigo están a ser investigados tres médicos de familia e dous psiquiatras do Sergas como presuntos autores dun delito de falsidade de receitas e contra a saúde pública. Na actualidade as receitas de medicamentos como Rivotril seguen un procedemento exhaustivo. “O aumento das falsificacións e o tráfico ilícito —xa dende antes de 2019— levaron a que se cambiasen as condicións de dispensa deste tipo de fármacos. As prescricións do Sergas deben ser sempre en formato electrónico e un farmacéutico ten que homologalas“, explica Busto.

É por isto que, dentro desta operación, tamén se investiga a un farmacéutico por falsidade documental ao expedir Rivotril, “incumprindo o deber de comprobar a identidade da persoa que recolle o medicamento e a receita”, detalla Europa Press. Así, a Garda Civil comprobou que a nai dun menor, que fora protagonista de distintos incidentes, chegou a retirar 5.800 comprimidos en menos dun ano, segundo indica a axencia. Na redada deste xoves, as autoridades incautaron 523 pastillas, un parche de fentanilo, 20 gramos de marihuana e nove pastillas de metadona.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

A poboación de píllara das dunas mostra unha tendencia positiva e acada a cifra máis alta dende 2014

A Consellería de Medio Ambiente contabiliza 93 parellas reprodutoras da especie vulnerable en 25 praias galegas