Un visor oficial revela que a meirande parte do territorio galego ten máxima sensibilidade ambiental á implantación de parques eólicos. É dicir, que non se recomenda a súa instalación. Así o indica un xeoportal creado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e o de Agricultura, Pesca e Alimentación. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, manifestouse a este respecto este xoves nunha conferencia en Madrid. Esixiulle ao Ministerio a rectificación do visor dado que, segundo o xeoportal, “practicamente non se podería instalar ningún parque eólico na comunidade”.
Máis en detalle, o mapa inclúe distintas variables. Para consultar a sensibilidade ambiental aos eólicos hai que premer na icona “Calidade e avaliación ambiental”. A continuación, seleccionar o apartado de “Avaliación ambiental” e, despois, xa se pode consultar o modelo de zonificación ou a clasificación en si. A lenda do mapa divídese en catro cores. A intensidade das mesmas vai acorde coa maior sensibilidade do territorio. Así, a cor laranxa indica nivel máximo e, polo tanto, non se recomenda a instalación de eólicos. As cores amarelas sepáranse en dúas tonalidades: a escura indica nivel alto e a clara, moderado. Finalmente o branco sinala unha baixa sensibilidade ambiental á implantación eólica.
Dende o interior ata a costa
Seguindo a referencia, a cor predominante en Galicia é a laranxa: tanto no interior como na liña de costa. A este respecto se manifestou Vázquez na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente. A conselleira insistiu en que se trata dunha “zonificación meramente orientativa”. “O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está a facer unha mala interpretación e utilízaa como argumento para suspender a autorización ambiental outorgada pola Administración autonómica”, indica unha nota de prensa remitida pola consellería. O documento reflicte que 77 dos 92 proxectos “afectados na actualidade por recursos xudiciais foron suspendidos en base a esa zonificación”.
Amais disto, a conselleira definiu o visor como “unha ferramenta informativa” que tan só describe a “hipotética presenza de hábitats en determinadas áreas que abarcan toda Galicia”. Con todo, insistiu en que o xeoportal non ten carácter vinculante dado que cada proxecto require dun informe de impacto ambiental onde se analiza a sensibilidade da zona onde se van instalar os eólicos. “O visor está a dificultar que a comunidade avance cara á descarbonización e á neutralidade climática”, denuncia a consellería.















Unha xoia natural, biolóxica, xeolóxica e arquelóxica como é a serra do Xistral, que nun país civilizado sería ‘parque nacional’, quivalente e semellante (abraiantemente) ó parque nacional de Dartmoor en Devon, está completamente escarallado por culpa dos eólicos, mentras hábitats de menor rango ecolóxico coma a serra do Guadarrama nin un só, e por riba é Madrid a que tá a consumir boa parte da enerxía que producimos na nosa terra. Pero haberá maior aldraxe?.
Fagámonos valer!