Un equipo de Ferrol crea unha metodoloxía para avaliar os riscos dos combustibles marítimos alternativos

O investigador da UDC José Miguel Mahía deseña ao abeiro da súa tese unha ferramenta que permite identificar, clasificar e priorizar riscos en escenarios con información limitada

O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real a bordo. Metano, metanol, amoníaco e hidróxeno aparecen como alternativas capaces de reducir as emisións contaminantes do sector, pero a súa implantación tamén introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento e a operación dos buques. Esta falta de información dificulta a avaliación dos riscos asociados a cada opción e complica a toma de decisións nas fases iniciais de deseño dos barcos.

Para darlle resposta a este reto, persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), desenvolveu unha metodoloxía que permite identificar, clasificar e priorizar riscos en escenarios con información limitada. O traballo acaba de ser publicado na revista Fuels e forma parte de doutoramento industrial que o investigador José Miguel Mahía realiza en colaboración CT Ingenieros. O estudo está asinado conxuntamente cos membros do grupo de Enxenaría Enerxética da UDC Ignacio Arias e Manuel Romero, e conta coa participación de Sandrina Pereira da Escola Superior Náutica Infante D. Henrique (ENIDH) de Portugal.

Publicidade

Unha ferramenta para decidir cando faltan datos

“Un dos principais retos na descarbonización do sector marítimo é avaliar os riscos asociados aos novos combustibles para a súa adopción a bordo, así como a toma de decisións entre diferentes alternativas nun contexto marcado pola escaseza de datos”, explica José Miguel Mahía. “Esta metodoloxía xorde precisamente para darlle resposta a esa necesidade, proporcionando unha ferramenta estruturada que permite analizar os riscos mesmo cando a información é limitada, o que facilita unha toma de decisións máis sólida desde as primeiras etapas de deseño”, engade.

A metodoloxía, denominada MAHI (methodology for alternative-fuels hazard identification), propón un novo marco de análise dos riscos asociados aos combustibles marítimos alternativos. A súa principal achega é o desenvolvemento dunha ferramenta que permite avaliar e comparar riscos sen necesidade de contar con datos cuantitativos completos. Para iso, integra nun único proceso distintas técnicas de análise de riscos xa empregadas en ámbitos industriais, como a identificación de perigos en sistemas complexos (hazard identification, HAZID) e a análise de desviacións no funcionamento de procesos (hazard and operability study, HAZOP).

Publicidade

O sistema combina a avaliación da probabilidade e do impacto dos distintos escenarios co coñecemento experto, o que facilita cotexar alternativas tecnolóxicas e definir prioridades nun contexto marcado pola incorporación de novos combustibles e a transición enerxética do transporte marítimo.

Esta metodoloxía permite comparar as consecuencias de fugas, explosións ou incidentes relacionados cos combustibles alternativos antes de que ocorran. É dicir, confronta distintos escenarios posibles como, por exemplo, unha fuga de amoníaco no seu sistema de almacenamento —cun elevado impacto debido á súa toxicidade— fronte a un fallo nos sistemas de almacenamento de metanol ou de gas natural licuado (GNL), e facilita así unha avaliación comparativa dos riscos de grande utilidade á hora de decidir que combustible empregar no buque.

Deste xeito, MAHI identifica os aspectos máis relevantes desde o punto de vista da seguridade e estrutura a análise de forma máis completa, mesmo en ausencia de datos históricos suficientes. O seu obxectivo é establecer prioridades e apoiar a toma de decisións nun momento clave para o sector, marcado pola incorporación de novos combustibles e pola necesidade de avanzar cara á descarbonización.


Referencia: Hybrid Methodology for Alternative Fuels Risk Assessment (Publicado na revista Fuels)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC desenvolve un novo modelo de cálculo para deseñar unións metálicas con parafusos pasantes

O estudo do CITENI avanza cara a estruturas máis sostibles ao reducir a dependencia de solucións soldadas permanentes e favorecer a reutilización dos elementos estruturais

Un estudo da UDC achega novas claves para crear paneis solares máis estables e duradeiros

O investigador Alberto García participa nun artigo que axuda a comprender os principais obstáculos das prometedoras células solares de perovskita para chegar ao mercado

Investigadoras da UDC revelan que o extinto oso do Atlas tiña unha dieta estritamente vexetariana

O estudo, reseñado na prestixiosa revista científica ‘Science’, apunta a que esta alimentación puido favorecer a súa convivencia con grandes depredadores no norte de África

A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual