Proxecto Fisterra, unha solución dende Galicia para descarbonizar a actividade portuaria

En 2022, atracaron en Barcelona uns 800 cruceiros. Tan só unha oitava parte deles, un cento, xeraron o triplo de SO2 que todos os automóbiles que circulan pola cidade nun ano. E non é un reto, o de corrixir esta situación, en absoluto particular do sector cruceiros. Todas as embarcacións de gran tamaño usan combustibles fósiles para satisfacer as súas necesidades enerxéticas nos portos. Desenvolver un sistema que permita descarbonizar as operacións portuarias dos grandes barcos é fundamental para a descarbonización e a redución de emisións do transporte naval.

Desde Galicia, estamos a traballar para xerar a solución. O Proxecto Fisterra, no que equipos do CTAG, a Universidade de Vigo e NORVENTO apostan polo desenvolvemento de solucións baseadas na electrónica de potencia para que os barcos poidan abastecerse coa enerxía eléctrica das redes terrestres dos portos. E pretende xerar, ademais, as capacidades de fabricación necesarias para a comercialización desa solución. Fisterra é o acrónimo de Fábrica Intelixente e Sostible mediante Electrónica de Potencia Avanzada e Realidade Aumentada. A fase operativa do proxecto comezou neste 2024 e estará concluída en 2026. Nesas datas, fabricariamos un prototipo do convertidor multi-megawatt no que estamos a traballar. Ata o de agora, só os barcos que operan nalgunhas bases navais ou terminais marítimas de pequeno tamaño e usos limitados poden conectarse as redes eléctricas.

Publicidade

O simple feito de que equipos de entidades públicas e privadas compartamos esforzos desde Galicia para desenvolver unha solución a un problema de carácter global xa é unha boa noticia. Temos obxectivos comúns, capacidades complementarias, e un compromiso coa persecución de resultados de forma conxunta.

Para o Proxecto Fisterra, o grupo de investigación Applied Power Electronics Technology da Universidade de Vigo traballa no desenvolvemento de estratexias de control para convertedores electrónicos de potencia destinadas a mellorar o rendemento, a robustez, a tolerancia a faltas e a resposta dinámica das instalacións. Mentres tanto, un equipo do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG, implementa un xemelgo dixital para o deseño da liña de produción do convertidor multi-megawatt. Esta contorna virtual de probas permitirá simular o proceso de fabricación desde cero optimizando en tempo e custos e achegando, por tanto, sustentabilidade ao proxecto. Desde Norvento, traballamos na produción do convertidor e na implantación dunha liña de fabricación eficiente, sostible, e dixitalizada. Porque, como xa se dixo, o obxectivo deste proxecto non queda no desenvolvemento dun prototipo. Queremos que se fabrique e se comercialice desde Galicia.

Publicidade

O reto é apaixonante. Supoñendo que, unha vez desenvoltos o prototipo e as capacidades de fabricación o puideramos levar a un 10% dos portos europeos, o sector do transporte marítimo deixaría de liberar anualmente á atmosfera emisións de óxido de xofre equivalentes ás de 47,8 millóns de automóbiles, por exemplo, ou cantidades igualmente inxentes de óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e compostos orgánicos volátiles.

A clave de todo iso é o convertidor multi-megawatt no que traballamos. Unha vez instalado nun porto determinado, permitirá a calquera barco satisfacer a súa demanda de enerxía conectándose á rede eléctrica terrestre, independentemente de factores como os niveis de tensión ou a frecuencia da rede eléctrica.

Entre as características que terá o convertidor están as seguintes:

  • Un deseño ultra-eficiente baseado nun sistema de refrixeración do convertedor.
  • A incorporación de algoritmia punteira para o control e comunicacións do convertedor que reducirán os tempos de resposta.
  • Funcionalidades adicionais que permitirán a integración de renovables, a compensación reactiva e aumento de fiabilidade e estabilidade de rede en ambos lados do convertedor.

Dividimos o proxecto en catro etapas. A primeira, unha exhaustiva investigación do estado da arte en convertedores multi-megawatt. Na segunda etapa crearase un xemelgo dixital e deseñarase o primeiro convertedor de proba. Na terceira fase avaliaranse os casos de uso e implementarase o xemelgo dixital creado. Por último, validarase o prototipo nunha contorna controlada e manufacturaranse os convertedores mediante técnicas de fábrica intelixente.

O Proxecto Fisterra ten entre as súas principais virtudes a suma de equipos e esforzos dos sectores público e privado. E unha visión que vai moito máis alá do meramente investigativo: as tres partes estamos comprometidas co obxectivo de promover a fabricación, desde Galicia, da solución xerada. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e a UE apoian o proxecto: recibimos fondos comunitarios que son fundamentais para poder levalo a cabo. Os resultados estarán á vista a partir de 2026. E oxalá que por moito tempo. O reto da descarbonización e a redución de emisións é grande. E desde Galicia tamén podemos xerar, como xa fixemos noutros sectores, solucións tecnolóxicas de alcance global.

Adrián Capelán
Adrián Capelán
Subdirector de Tecnoloxía de Norvento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade