Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo) presentou recentemente os resultados do proxecto Sapiens. Esta iniciativa tiña por obxectivo o deseño de ferramentas para a detección da deterioración cognitiva e da depresión mediante altofalantes adestrados con intelixencia artificial. As conclusións, presentadas nunha xornada organizada pola asociación Afaga Alzhéimer, demostran que as ferramentas creadas ao abeiro do proxecto son capaces de eliminar erros no diagnóstico da depresión e da deterioración cognitiva.
O evento buscaba visibilizar solucións e innovacións dixitais relacionadas coa prevención e a atención á lonxevidade nos que está implicada Afaga. En concreto, ao abeiro de Sapiens deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con intelixencia artificial e técnicas de Machine Learning, DigiMoca e DigiYesavage, asistentes conversacionais intelixentes tipo Alexa, cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores e tests de validación da súa usabilidade cos propios usuarios. En total traballouse cunha mostra de 73 persoas maiores de 50 anos, entre eles, usuarios de Afaga Alzhéimer.
Menos erros de diagnose grazas á IA
Luis Anido Rifón, responsable do proxecto Sapiens, investigador de atlanTTic e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, xunto cos investigadores Noelia Prieto e Moisés Pacheco, tamén de atlanTTic, foron os encargados de presentar as conclusións máis importantes dos estudos e cribados realizados con estas novas ferramentas tecnolóxicas, que xa foran avanzadas no campus en maio. Entre outros aspectos, o equipo demostrou que os resultados obtidos polos test tradicionais e os dixitais eran similares e que o uso da intelixencia artificial elimina erros no diagnóstico, ao incorporar novas variables, como os tempos de resposta ou as repeticións, que non se teñen en conta nos test tradicionais. Os resultados tamén mostraron unha boa aceptación destas ferramentas tecnolóxicas, tanto en usuarios como en profesionais.
O proxecto estivo financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinado por atlanTTic e contou coa participación da Universidade de Santiago de Compostela. Nel tomaron parte 13 investigadores e investigadoras, que contaron coa colaboración de, ademais de Afaga, o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e o Coro Sénior da UVigo.
Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón.