Sapiens: detectando a deterioración cognitiva a través da fala

O grupo GIST de atlanTTic desenvolve un proxecto para diagnosticar de xeito precoz as enfermidades neurodexenerativas

Sapiens é unha nova ferramenta que aposta por detectar o deterioro cognitivo a través da voz. Foto: Grupo GIST

Atopar novas ferramentas que a baixo custe poidan axudar a detectar e previr as enfermidades neurodexenerativas é a liña de traballo na que vén afondando nos últimos anos o Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (GIST) de atlanTTic, o Centro de Investigación de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Tras obter resultados esperanzadores coa aplicación Panoramix, agora está a desenvolver un novo proxecto, Sapiens, que aposta por detectar a deterioración cognitiva a través da voz e dos contidos das conversas.

Luis Anido, un dos investigadores responsables do grupo, explica que despois da experiencia acadada cos videoxogos de Panoramix (nos que empregaron técnicas de Machine Learning para detectar deterioro cognitivo), agora o GIST está a traballar en Sapiens, un proxecto no que tamén colaboran psicólogos da Universidade de Santiago (USC) e que ten como obxectivo crear unha ferramenta de baixo custo coas que as persoas de certa idade podan auto avaliarse a través das súas propias palabras, para ver se hai síntomas dalgún deterioro cognitivo.

“Estamos a deseñar unhas solucións que teñen custos baixos e non requiren moito persoal. Hai que ter en conta que a deterioración cognitiva é cada vez máis habitual entre as persoas maiores e non vai a haber recursos para atender a tanta xente. Por iso cremos que estas ferramentas poden ser moi axeitadas para anticipar o diagnóstico e comezar a tomar medidas de prevención ou tratamentos e así evitar que empeore a situación dos doentes”, sinala Anido, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.

Membros do grupo GIST da Uvigo que desenvolven o proxecto Sapiens.

As primeiras probas xa se realizaron con persoas da área de Vigo e os resultados indican que é posible establecer unha correlación entre o xeito de falar e a deterioración cognitiva. Ademais de analizar o contido do que se di, tamén se teñen en conta factores como a entoación ou as pausas ao falar, xa que son indicativos de problemas. As perspectivas de desenvolvemento de Sapiens poden facilitar unha ferramenta moi interesante para anticipar a deterioración cognitiva e mesmo para distinguir entre esa doenza doutras como a depresión.

O grupo GIST iniciou a liña de investigación de atención socio-sanitaria a persoas maiores a principios do 2010. Dende entón, desenvolveron ecosistemas de aplicación para contornas multi-dispositivo (smartphone, tablet, smart TV). No 2014 comezaron a traballar no uso de xogos serios e Machine Learning, con obxectivos de cribado de situacións de deterioro cognitivo.  A solución Panoramix foi creada a través de diferentes proxectos de investigación e transferencia e acabou materializándose na tese de doutoramento da estudante Sonia Valladares, quen posteriormente tamén participou de xeito moi destacado no desenvolvemento deste proxecto.

Existe un prototipo operativo, polo que só se precisa dun ensaio clínico para obter unha solución comercial

Entre 2014 e 2019 desenvolvéronse varios programas piloto deste proxecto coa participación de máis dun cento de persoas de toda Galicia e do norte de Portugal, que utilizaron esta ferramenta nas súas propias casas. Deste xeito, actualmente xa existe un prototipo totalmente operativo e cun nivel de madurez moi elevado, que para obter unha solución comercial só precisa dunha validación a través dun ensaio clínico.

Tecnoloxía Gatekeeper

Recentemente prodúcese un avance importante coa inclusión de Panoramix nas probas de demostración de tecnoloxía realizadas por Gatekeeper, un dos grandes consorcios internacionais sobre e-saúde que conta cunha achega da Comisión Europea superior aos 21 millóns de euros. A proposta galega foi seleccionada para participar nesta plataforma en dura competencia con proxectos desenvolvidos por empresas biotecnolóxicas con moitos máis recursos.

Nos últimos anos o grupo GIST desenvolveu múltiples vías de colaboración con diferentes asociacións, institucións, administración públicas e empresas do ámbito socio-sanitario. No caso de Panoramix, a colaboración realizouse coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afaga,). “Somos socios en varias iniciativas e a integración con eles é perfecta, teñen unha capacidade para poder visualizar avances e innovacións para atender as persoas maiores e as súas familias que fai que sexa moi doado traballar con eles”, salienta o investigador.

Cara aos próximos anos, Anido confía en que o grupo poida seguir avanzando nestas liñas de investigación e tamén en colaborar con outros proxectos europeos. A necesidade de atender as necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida vai seguir sendo unha das vías prioritarias de investigación en toda Europa nas vindeiras décadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.