Venres 6 Decembro 2024

Pode a insulina curar o párkinson? Un estudo da USC trata de demostralo

O CiMUS da Universidade de Santiago estuda a relevancia dos tratamentos antidiabéticos na enfermidade neurodexenerativa

A enfermidade de párkinson e a diabetes tipo 2 son trastornos asociados ao envellecemento e a súa prevalencia está aumentando en todo o mundo. Entre as doenzas neurodexenerativas, o párkinson é a segunda máis frecuente e, ademais, é a enfermidade neurolóxica de máis rápido crecemento entre a poboación actual. O número de afectados dende 1990 duplicouse e se espérase que a tendencia continúe aumentando ata triplicarse nos próximos 30 anos. A pesar da súa acelerada expansión, aínda non existen tratamentos curativos ou preventivos dispoñibles para esta enfermidade.

Neste contexto, o Grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da Enfermidade do Párkinson, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicou recentemente un estudo no que estudan as similitudes existentes entre as dúas enfermidades dexenerativas e abren a posibilidade de utilizar a insulina e medicamentos antidiabéticos como tratamento para loitar contra o párkinson.

Publicidade

Carmen Labandeira, investigadora principal do estudo, explica que o traballo do equipo está centrado en entender a relación entre os dous trastornos, así como outros factores modificables sobre as enfermidades neurodexenerativas, posto que aínda que actualmente non existen tratamentos que poidan frear a neurodexeneración, si se coñecen os factores que a empeoran e sobre os que poden controlar a progresión desta enfermidade.

A neurodexeneración e a diabetes

A relación entre a neurodexeneración e diabetes é un asunto cada vez máis relevante para os investigadores, debido ao papel fundamental que ten a insulina no cerebro, ao estar implicada na supervivencia neuronal, na plasticidade, no estres oxidativo e na neuroinflamación. Desta forma, os estudos realizados neste campo atoparon que a diabetes e a resistencia á insulina non só aumentan a posibilidade de padecer párkinson nun futuro, senón que tamén determinan o prognóstico e a progresión dos síntomas desta enfermidade neurodexenerativa.

Publicidade

“O párkinson é moi complexo, xa que interveñen moitos factores no desenvolvemento da enfermidade e na súa progresión”, explica Labandeira. A multifactorialidade desta enfermidade dificultou ata o momento a busca dun tratamento eficaz para tratar os seus pacientes. Porén, dende que se observou a relación existente entre a neurodexeneración e a diabetes, abriuse unha importante porta ao uso de medicamentos antidiabéticos no seo desta loita.

“Unha glicosa elevada poden resultar tóxica para as células, sobre para todo para as mitocondrias”

CARMEN LABANDEIRA, investigadora do CIMUS

A insulina interactúa con outras proteínas depositadas en enfermidades neurodexenerativas, como é a alfasinucleina ou a betaamiloide. “O receptor da insulina do cerebro regula varias proteínas que controlan a supervivencia das células, a neuroinflamación e a regulación da dopamina, principal neurotransmisor que afecta no párkinson”, indica a investigadora. “Os niveis de glicosa demasiado elevados no corpo poden chegar a ter un efecto tóxico no metabolismo das células, sobre todo danando as mitocondrias, compoñentes que controlan a respiración celular”, engade. A regulación da glicosa resulta relevante neste ámbito xa que o aumento de niveis de azucre en sangue favorece o estrés oxidativo, un efecto secundario ligado á alteración dos niveis de dopamina no cerebro.

Inflúen moitos factores na xeración do párkinson e entre eles está un mal control da glicosa. “Hai estudos poboacionais que indican que os pacientes con tempo de duración da diabetes de máis de 10 anos teñen un risco moito maior a padecer párkinson no futuro”, alega Labandeira. “Todo suma, e para poder reducir as papeletas e os factores que poden afectar a poboación neste ámbito, é importante seguir investigando”, engade. Ademais, outras investigacións indican que un bo control glicémico tamén axudaría a previr outras enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer en pacientes con diabetes.

Insulina intranasal

Actualmente, existen moitas investigacións en marcha sobre o posible efecto positivo dos distintos fármacos antidiabéticos no tratamento do párkinson. “Existen estudos con insulina intranasal en animais que detectan unha redución das neuronas dopaminérxicas, que son as que máis afectan no párkinson, pero aínda non hai datos suficientes en humanos”, indica a investigadora. “O que si se sabe é que son varios os ensaios en humanos con fármacos que actúan sobre receptores relacionados coas mesmas vías que regulan o receptor da insulina. O máis estudado é a Exenatida, onde hai traballos con grupos pequenos de pacientes nos que se obtén que a enfermidade progresaba menos”, engade.

Desta forma, os tratamentos para a diabetes mostraron resultados neuroprotectores eficaces en pacientes con párkinson, incluídos diabéticos e non diabéticos, independentemente do seu control glicémico. Con todo, aínda son necesarios máis analises e de maiores dimensións parar poder comprobar e asegurar istos beneficios en humanos e descartar posibles efectos secundarios.

“Os anticorpos que aumentan a neurodexeneración do párkinson poderían bloquearse con fármacos para a hipertensión”

CARMEN LABANDEIRA investigadora do CiMUS

Por outro lado, observaron tamén que outros fármacos actúan eficazmente na cura esta enfermidade. “Actualmente estamos traballando no estudo duns anticorpos que aumentan a neurodexeneración en pacientes con párkinson e que se poderían bloquear mediante o uso de fármacos para tratar a hipertensión como os ARA2“, indica a investigadora. O grupo do CiMUS detectou a presenza aumentada destes anticorpos nun grupo grande de pacientes con enfermidade de párkinson que participou en varios estudo realizados en diferentes cidades de Galicia.

Aínda que estes fármacos aínda non foron aplicados en humanos, comprobaron en animais que o tratamento con diferentes anihipertensivos bloqueaba o efecto negativo destes anticorpos. O seguinte paso, indica a investigadora, sería poder estudar o efecto de este tratamento en pacientes con párkinson, tendo en conta son medicamentos seguros en humanos, xa que son usados de forma habitual para tratar a hipertensión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Un equipo de Santiago acha un mecanismo para loitar contra as doenzas autoinmunes

Investigadores do CiMUS participan nun estudo liderado dende Australia que descobre tres novas proteínas que regulan a resposta inmunitaria

BioFarma, a procura permanente da excelencia na investigación farmacéutica 

O grupo dirixido pola investigadora Mabel Loza obtivo o Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría Grupos de Investigación

Identificado un mecanismo que podería reducir a calcificación vascular en diabéticos

O estudo do CiMUS abre a porta á prevención e tratamento doutras patoloxías como a enfermidade renal crónica