Menos do 10% da pescada que se consome en España procede de zonas nacionais

Un estudo con participación galega reconstrúe a pegada de carbono que xera a cadea agroalimentaria do pescado

Os resultados desta investigación indican que España captura nos caladoiros nacionais só o 8% da pescada que consome (12.002 toneladas). Foto: Santi Alvite
Os resultados desta investigación indican que España captura nos caladoiros nacionais só o 8% da pescada que consome (12.002 toneladas). Foto: Santi Alvite

Arredor de 12.000 quilómetros. Esa é a distancia media que debe percorrer preto da metade da pescada que captura a frota española ata chegar ao país. Isto débese a que só o 8% da pescada consumida en territorio español procede de zonas nacionais. Por primeira vez, un estudo reconstrúe a pegada de carbono que xera a cadea agroalimentaria da pescada para abastecer o consumo en España e evidencia que as emisións totais de gases de efecto invernadoiro (GEI) da cadea de subministración da pescada alcanzan as 681 quilotoneladas de CO₂e. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Sebastián Villasante é un dos asinantes do estudo que acaba de publicar Journal of Cleaner Production.

Xunto ao profesor Villasante, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus), tamén participaron no estudo o investigador do mesmo centro, Guilherme Martins Aragão; Pablo Saralegui Díez do Laboratorio de Historia dos Agroecosistemas da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla; Lucía López López e Joan Moranta do Instituto Español de Oceanografía; e Eduardo Aguilera da Politécnica de Madrid. Todos eles forman parte da asociación científica Alimentta.

Cada vez máis lonxe

A globalización da economía e o consecuente aumento do volume do comercio internacional aumentaron as distancias entre os puntos de produción e de consumo. Este fenómeno conseguiu reducir a pobreza en moitas partes do mundo, mais, ao tempo, aumentou a presión sobre os ecosistemas e os recursos naturais. “Os grandes barcos pesqueiros teñen que desprazarse cada vez máis lonxe e a augas máis profundas para capturar peixe, o que aumenta a contaminación asociada ao consumo de determinadas especies mariñas”, explican dende o equipo investigador.

Entre outras consecuencias ambientais, destaca o aumento das emisións de GEI. Algúns estudos indican que un terzo das emisións antropoxénicas de GEI proceden dos sistemas agroalimentarios, incluíndo a produción, o transporte, o envasado e o consumo de alimentos. Por tanto, a redución desta contaminación é hoxe un obxectivo primordial. No caso da pesca, algúns estudos calculan que o sector emite entre 112 e 179 toneladas anuais de CO₂, o que supón o 0,5% de todas as emisións de GEI e o 4% das procedentes da produción de alimentos.

Un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro proceden dos sistemas agroalimentarios

Neste contexto, a investigación agora publicada avalía, por primeira vez, a pegada de carbono da cadea da pescada para abastecer o mercado estatal prestando atención ás emisións de GEI dos distintos procesos. Inclúense as emisións dos buques que capturan pescada descargada nos portos españois, dos buques españois que capturan pescada descargada en portos internacionais, e das importacións con destino a España (incluídas as emisións de GEI dos buques dos seus países de orixe), e os medios de transporte utilizado para trasladalo a España e tamén para a súa distribución dentro do país.

“O informe presenta unha proposta sólida sobre como considerar os impactos no ecosistema, non só da pesca, senón tamén de toda a cadea agroalimentaria que abastece a un país”, sinalan. Isto contribuiría a mellorar o enfoque da próxima revisión do marco normativo da Política Pesqueira Común, así como outras normativas como a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña. A evidencia extraída desta investigación expón a necesidade de acadar un equilibrio entre os patróns saudables derivados do consumo de peixe e o seu impacto ambiental asociado, promovendo así unha transformación dos sistemas alimentarios cara a unha visión compartida da saúde do planeta e das persoas. De acordo co estudo, a pesca supón a maior contribución ás emisións da cadea de subministración da pescada en España. Os países que máis pescada importan a España son Namibia (30% das importacións) e Francia (17%).

A pesca supón a maior contribución ás emisións da cadea de subministración da pescada en España

Para garantir o éxito e a continuidade do sector pesqueiro, os investigadores instan tanto á industria como ás administracións a “adoptar solucións innovadoras ao longo de toda a cadea de valor, como a redución de emisións de GEI nas operacións e cadeas de subministración utilizando solucións climáticas baseadas na natureza; ampliar e estandarizar a etiquetaxe dos alimentos para incluír información sobre as implicacións para a saúde e a sustentabilidade dos produtos alimentarios; apoiar o sector pesqueiro nesta transición con formación e desenvolvemento, asistencia e recoñecemento; fomentar prácticas de márketing transparentes que promovan un consumo de alimentos saudable e sostible; axudar os consumidores a reducir o desperdicio de alimentos con ideas para as sobras e o tamaño de porcións; e adoptar unha mestura de proteínas diversa e sostible a través do aumento das diversas fontes de proteína de orixe vexetal”. Deste xeito, conclúen que “o futuro das xeracións actuais e futuras depende da nosa capacidade para crear un sistema alimentario que apoie as persoas sas e un planeta saudable”.

O mercado da pescada en España

España está entre os 25 maiores produtores de alimentos mariños no mundo, e conta coa maior industria pesqueira da Unión Europea, con 850.000 toneladas, o 29% de todas as descargas da frota comunitaria. A pescada, un dos peixes máis consumidos no mercado español, supón o 15% do valor total das capturas da frota nacional.

Os resultados desta investigación indican que España captura nos caladoiros nacionais só o 8% da pescada que consome (12.002 toneladas). O resto procede de caladoiros comunitarios ou internacionais (85.470 t), ou importacións de terceiros países (121.031 t). Estas cifras confirman que, como ocorre con outros alimentos do mar, gran parte da pescada que se consome en España percorre longas distancias antes de chegar á mesa do consumidor. Deste xeito, as distancias varían entre os 10.000 km de Chile, Arxentina, Uruguai, as illas Malvinas e Sudáfrica, os 3.000-4.000 km de Norteamérica e os 800-3.000 km de Marrocos e outros países europeos. O valor acumulado das emisións relacionadas coa pesca representa o 67% das emisións totais da cadea agroalimentaria da pescada, sendo o 33% restante asociado ao transporte (mar, aire ou estrada).


Referencia: The carbon footprint of the hake supply chain in Spain: Accounting for fisheries, international transportation and domestic distribution (Publicado en Journal of Cleaner Production)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.