Un río atmosférico impulsado polo exfuracán Isaac chega a Galicia: como afectará?

A humidade tropical alimentará unha borrasca situada no oeste peninsular que regará o país entre mércores e xoves

Isaac é o nome dun furacán que se formou esta fin de semana sobre o Atlántico. Os primeiros prognósticos indicaban que se podía dirixir a Galicia convertido en borrasca pero finalmente houbo cambios na súa traxectoria e agora desprázase cara a Islandia. Con todo, este fenómeno afectará indirectamente a costa atlántica. Segundo a previsión de varios servizos de meteoroloxía, o exfuracán Isaac —convertido agora nunha tormenta tropical— está a impulsar un río atmosférico que achegará moita humidade a Galicia. Farao a través dunha potente borrasca situada no oeste peninsular que prevé regar o territorio con abundantes precipitacións entre o mércores e o xoves. Poderían acumularse ata 90 l/m2 nalgúns puntos de Galicia e Asturias.

Aínda que os restos de Isaac non cheguen ata mediados de semana, as baixas presións xa están a exercer a súa influencia sobre o territorio galego. Este luns entrou unha fronte pouco activa que está a deixar precipitacións no fachada atlántica e que se irá estendendo cara ao leste conforme avance a xornada. De feito, agárdase a entrada doutra fronte durante a noite. A situación continuará sen grandes cambios durante o martes, cando se esperan chuvias en toda Galicia que serán máis intensas no litoral atlántico. No que respecta ás temperaturas, as máximas roldarán os 20 graos e as mínimas oscilarán entre os 15 e os 18 graos.

Publicidade

Mércores, o día máis inestable da semana

O mércores será o día máis inestable da semana pola influencia dunha potente borrasca atlántica. Estas baixas presións chegarán a Galicia cargadas de humidade tropical e alimentadas polos restos do furacán Isaac. Así é que se esperan chuvias intensas en boa parte do noroeste peninsular con acumulacións que, segundo estiman dende o portal Meteored, poden oscilar entre os 80 e os 90 l/m2. Agárdase que as precipitacións sexan, por tanto, abundantes. Con todo, este breve episodio comezará a remitir o xoves. Espérase que conforme avance a xornada os ceos comecen a despexar no litoral atlántico. En canto ás temperaturas, non sufrirán cambios significativos.

Galicia daralle de novo a benvida ao tempo estable de cara á fin de semana. Segundo os primeiros prognósticos espérase que a partir do venres unha dorsal subtropical bloquee a chegada de borrascas á península. Isto tamén irá acompañado dunha lixeira subida das temperaturas. De momento, a previsión é que as máximas rolden os 20 graos, seguindo a tendencia do resto da semana. Con todo, este episodio volverá ser breve e o domingo xa se agarda a chegada dunha nova fronte pola fachada atlántica galega. Entre o luns 7 e o martes 8 de outubro espérase unha probabilidade de chuvia de entre o 70% e o 85%.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense