Pazos e casas señoriais. Castelos e torres. Igrexas, mosteiros. Cárceres e colexios. Antigas factorías onde o algareo desapareceu dando paso ao silencio máis rotundo. Todos eles comparten o mesmo camiño: o total esquecemento do patrimonio e do noso pasado. As raíces das árbores penetran no pavimento ata revelarse contra o cívico. A humidade enche os espazos onde a pedra vai tomando unha cor verde ata convertelos nunha lembranza irrecoñecible, case coma un soño estraño.
En Galicia hai 62 monumentos que, pouco a pouco, son invadidos e domados pola natureza: só neste 2024, a comunidade sumou á súa Lista Vermella do Patrimonio, unha iniciativa da asociación Hispania Nostra, cinco novos bens en grave risco de destrución e desaparición. Coa marcha destes tesouros non só deixamos atrás o tempo pasado: os espazos enténdense por quen os ocupa e polas vivencias que almacenan. A desaparición do patrimonio leva, finalmente, á negación dun recordo na memoria da xente, dunha riqueza cultural tan fráxil como identitaria.
Dos máis de sesenta monumentos que perigan en Galicia un terzo deles, 25, atópanse na provincia de A Coruña. Pontevedra alberga 15 destes bens patrimoniais en risco de desaparición, sendo a segunda provincia que encabeza a lista vermella. No caso de Lugo, cóntanse ata 12 e, en Ourense, 10. Moitos son edificios relixiosos con séculos de historia ás costas. Outros, casas que pertencían ás familias máis poderosas da súa época, mais tamén se inclúen outros espazos singulares, como o Parque do Pasatempo de Betanzos ou mesmo o Barrio Vello de Ferrol.
Ata 17 bens patrimoniais rehabilitados
Hispania Nostra botou a andar a iniciativa da Lista Vermella no ano 2007 co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio cultural de España e lograr a restauración dos enclaves máis vulnerables: só é posible protexer aquilo que valoramos e coñecemos. Os logros acadados neste sentido inclúense nunha Lista Verde, que recompila os casos de éxito cando un espazo é revalorizado.
No que respecta a Galicia, algúns bens patrimoniais lograron xa abandonar o estado de risco de destrución e desaparición segundo Hispania Nostra: é o caso do Sanatorio de Oza-Cesuras, que entrou na Lista Verde en maio, e o do Pazo de Goiáns, ambos na provincia coruñesa. Outros dos espazos abandonaron a Lista vermella este 2024: a Torre do Olivar e o Convento do Bon Xesús de Trandeiras, os dous localizados en Ourense. No 2023 tamén se acadou a rehabilitación dos frescos da Igrexa de San Vicenzo dos Vilares, en Lugo, e a Telleira de Padín, en Pontevedra. En total, xa son 17 os espazos revalorizados en Galicia.
Con todo, a Lista Verde medra dun xeito máis lento que a Vermella, que este ano sumou estes cinco novos espazos en risco.
Fábrica de curtidos de San Nicolás, Santiago de Compostela
A finais do século XVIII, Manuel Alonso de Huidobro adquiriu unha serie de edificios en Belvís, ademais dunha carballeira, onde emprazou a Factoría de Curtidos de San Nicolás. O lugar era perfecto: os terreos permitían ter acceso a unha grande cantidade de auga, elemento imprescindible para traballar as peles. Debido a problemas financeiros, a empresa foi embargada e o negocio pasou ás mans de Santiago Hardingey Garra, un oficial vasco-francés. A factoría foi pasando de xeración en xeración, ata que no 1899 os últimos herdeiros pecharon o negocio. Unha pequena parte permaneceu aberta, mais nesta ocasión, adicada aos refrescos.
A fábrica atópase no casco vello da capital galega. O patrimonio completo consta da factoría para traballar o coiro, a vivenda do mestre fabricante, un muíño, alpendres, canais para a auga… hoxe, o espazo adicado á fabricación de refrescos é un restaurante. Porén, o resto dos edificacións atópanse nun “estado completo de abandono debido á absoluta falla de mantemento” dende que a factoría clausurou a súa actividade.
Pazo de Vilar, Taboada
Pouco importa que hai tempo fóra a casa do marqués. En Taboada, o Pazo de Vilar recóbrese de maleza, cando non de lixo. Dende que se construíu, no século XV, ata agora, o edificio pasou por moitas familias de renome: os condes de Taboada exerceron dende Vilar o seu señorío xurisdicional sobre toda a comarca. A finais do Antigo Réxime o pazo pertencía aos marqueses de Figueroa, tamén propietarios do pazo de Fefiñáns en Cambados. Despois, a propiedade foi dividíndose e repartíndose entre os veciños de a parroquia, que foron adquirindo distintas partes do enclaves agás o edificio principal, que hoxe permanece abandonado.
Capela, granxa, cortellos, dependencias menores, pombal circular… o Pazo albergou en tempos un patrimonio importante, localizado nun bosque centenario de castiñeiras e carballos. Hoxe, o edificio principal atópase exposto á intemperie e presenta, segundo Hispania Nostra, “un alarmante estado de ruína xeral“. O único que aínda permanece é a granxa, grazas ao traballo dos veciños que manteñen o seu antigo uso.
Casa reitoral de Morgade, Xinzo de Limia
Segundo o colectivo Hispania Nostra, a Casa Reitoral de Morgade avanza cara a “ruína total” a causa dun estado de conservación lamentable. O edificio configúrase como o conxunto máis singular e monumental da aldea de Morgade, a cal conta tamén cunha arquitectura popular propia e recoñecida. O enclave componse pola casa, un cruceiro do século XIX e unha igrexa románica.
A día de hoxe, o interior desta edificación eclesiástica do século XVIII atópase completamente exposto á intemperie: coa perda da cuberta caeron os forxados de madeira, deixando que a vexetación ocupe o seu lugar. As carpinterías tamén desapareceron e os muros, inclinadas, ameazan a estabilidade da estrutura.
Pazo de Trasmonte, Friol
O pouco que aínda se conserva do Pazo lugués de Trasmonte, en Friol, é grazas á actividade agrícola da zona. Este edificio do século XVI pertenceu no pasado á Casa de Saavedra. Compartiu brasón familiar coas fortalezas veciñas de Miraz, Parga e San Paio de Narla, e no pazo habitaron os familiares das primeiras mulleres tituladas pola Universidade de Santiago no ano 1919, as médicas Elisa e Jimena Fernández de la Vega.
A enorme construción presenta hoxe un “estado de ruína xeneralizado“, advirten dende Hispania Nostra. A cuberta, de lousa, caeu hai anos e xa non conserva os forxados interiores, de madeira. No interior da edificación e entre os entulos, a vexetación asolaga o pouco que queda en pé.
Pazo da Mercé, A Pobra do Caramiñal
Á capela do pazo, orixinaria do século XVI acudían tantos devotos que rematou sendo un priorado benedictino dependente de Santiago. Converteríase despois nun albergue e, coa chegada da desamortización, o edificio e máis os terreos adxacentes vendéronse en poxa pública. O escritor Valle-Inclán alternaba a súa residencia entre Madrid e o Pazo da Mercé, tanto que alí naceron os seus dous fillos.
Despois de catro décadas de abandono, o estado deste enclave é completamente ruinoso. No ano 1983 un icendio destruíu parte do pazo, perdéndose un retablo barroco de 1697 e unha imaxe medieval da Virxe aleitando ao neno Xesús. A imaxe pétrea dun Trono de Gracia, localizada na fachada do pazo, foi roubada. O pombal, un dos poucos de planta cadrada de Galicia, esborrallouse en 2021.