Un equipo galego avanza nunha produción alternativa e ecolóxica do etileno

A Universidade de Vigo participa nun proxecto europeo que busca sintetizar o composto químico a partir de CO2

O etileno, un precursor do plástico, é un compoñente fundamental da industria química. Porén, a actual produción insostible deste composto xera grandes emisións de CO2. A procura dunha alternativa ecolóxica aos métodos baseados en combustibles fósiles é o principal obxectivo co que se puxo en marcha o proxecto europeo MemCat (Síntese de etileno asistida por membrana sobre catalizadores tándem nanoestructurados), do que forma parte o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo.

MemCat arrancou o pasado mes de maio e, cunha duración de 48 meses, prolongarase ata finais de abril de 2028, formando parte do consorcio a University of Jyväskylä (Finlandia), Eindhoven University of Technology (Países Baixos), The Max Planck Society (Alemaña), a University of Calabria (Italia) e a entidade 1 CUBE BV (Países Baixos). A Universidade de Vigo, a través do CINBIO, é a única participante española con Laura Salonen —do grupo de Nanomateriais Híbridos— como investigadora principal.

Publicidade

Obxectivos  principais do proxecto

O proxecto MemCat ten como principal obxectivo acadar unha innovación revolucionaria que permita a síntese de etileno directamente a partir de CO2 empregando catalizadores tándem nun reactor de membrana, proporcionando así unha alternativa ecolóxica aos métodos baseados en combustibles fósiles. O desenvolvemento de catalizadores, o estudo dos procesos catalíticos mediante métodos computacionais e experimentais, o desenvolvemento de membranas de nanocompostos ou a construción dun prototipo do reactor de membrana, son algunhas das tarefas que levarán a cabo os sete socios do proxecto para acadar o seu ambicioso obxectivo, coa perspectiva de, a longo prazo, poder facilitar o acceso a polímeros verdes proporcionando precursores plásticos con carbono negativo, empregando CO2 antropoxénico e hidróxeno verde.

O equipo do CINBIO está formado pola investigadora Laura Salonen, o investigador posdoutoral Balkaran Singh Sran e o estudante de doutoramento Mohammad Izad Panah Ostad. Encárganse do deseño e a síntese de nanomateriais para as membranas de nanocompostos. Isto, en palabras da investigadora principal, “permitirá a separación eficiente de etileno doutras moléculas segundo o seu tamaño, de forma que este produto poida obterse con alta pureza”. Esta tarefa levarase a cabo en estreita colaboración co equipo da University of Calabria, que desenvolverá as membranas de nanocompostos, e co equipo da Eindhoven University of Technology, que está a desenvolver o reactor de membrana.

Publicidade

Produción sustentable

O proxecto MemCat conta cun equipo altamente interdisciplinar, formado por expertas e expertos nos campos do desenvolvemento dos nanomateriais, a catálise ou a química computacional, así como do desenvolvemento de membranas e reactores de membrana. “Formar parte deste equipo é unha grande oportunidade”, comenta Salonen, quen subliña a gran motivación que supón “traballar no apaixonante obxectivo de crear unha nova tecnoloxía que permitirá a produción sustentable de compostos químicos básicos”.

A iniciativa é financiada integramente pola Unión Europea a través da convocatoria EIC Pathfinder Open para o programa Horizonte Europa e coordinada polo International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), de Braga (Portugal). Completan o consorcio as outras seis institucións mencionadas, entre as que se atopa a Universidade de Vigo e, máis concretamente, o seu Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO. Conta cun orzamento de 340.625 euros.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade