Venres 19 Abril 2024

Poden ser os hidratos de gas fonte alternativa de enerxía? Científicos do Cinbio cren que si

Un proxecto de simulación molecular do centro da UVigo investiga estas estruturas co horizonte da loita contra o cambio climático

Ten aparencia de xeo pero non o é. É unha estrutura cristalina con ocos, do tamaño dunha molécula, que pode albergar gas: xeralmente metano. Son os hidratos de gas. Como é a súa estrutura, a súa dinámica, o seu comportamento? É posible extraer o metano e almacenar no seu interior CO2 ou hidróxeno? Que papel pode xogar na loita contra o cambio climático?

Son cuestións ás que trata de dar resposta o grupo de Física Aplicada do Cinbio da Universidade de Vigo, co proxecto “Simulación de materiais de hidratos de gas para recuperación de metano e almacenamento de CO2 e hidróxeno”, liderado por Manuel Martínez Piñeiro.

Publicidade

Estructura cristalina do hidrato xerada por simulación de Dinámica Molecular,

A simulación molecular utiliza métodos teóricos e técnicas computacionais para describir, imitar e predicir o comportamento das moléculas, neste caso dos hidratos de gas. O equipo vigués conta para desenvolver o seu traballo coa colaboración esencial  do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga ).

“Tentamos entender o comportamento molecular dos hidratos e clatratos; describir a súa estrutura e dinámicas; facemos prototipos de almacenaxe de gases, de purificación de auga…” enumera Manuel Martínez, quen subliña que no horizonte está a loita contra o cambio climático, “a necesidade de rebaixar as emisións de gases de efecto invernadoiro e atopar novas fontes de enerxía.”

Foi nas primeiras décadas do século XX cando se descubriu a existencia de grandes concentracións de hidratos de gas – depósitos de metano- nos fondos oceánicos e debaixo das zonas de permafrost (Siberia, Alaska…) e empezouse a valorar a súa potencialidade como fonte de enerxía. O  mapa foise perfilando co tempo e hoxe en día inclúe a costa galega, pois existen evidencias de reservas no chamado Gran Burato, e outras partes do litoral español como o mar de Alborán.

Riscos potenciais

Calcúlase que hai  máis metano almacenado nos hidratos de gas que a suma das reservas mundiais de petróleo, gas natural e carbón (os cálculos máis optimistas indican que mesmo poderían duplicar a suma das reservas do resto de hidrocarburos), o que explica a “efervescencia investigadora” que hai o seu arredor.

Estados Unidos, Xapón, Canadá, Noruega ou China iniciaron unha carreira para avaliar a posible extracción deste metano para o seu uso como fonte de enerxía, e aínda que puxeron en marcha experiencias-piloto, a súa posible explotación comercial é un tema tecnicamente non resolto e moi cuestionado desde un punto de vista ambiental polos seus potenciais efectos devastadores (alteración a gran escala dos fondos mariños, impactos irreversibles sobre a biodiversidade mariña, esvaementos de terra incontrolados, liberación do metano á atmosfera…).

“O proceso ideal é recuperar o metano para o seu uso e o ocupar o baleiro que deixa como almacén-sumidoiro de CO2. No plano teórico é posible”

MANUEL MARTÍNEZ, investigador do Cinbio

Antes de falar de recupera o metano hai que conxurar o risco de liberar o gas á atmosfera, un dos principais causantes do efecto invernadoiro. Unha problemática na que pode achegar luz a investigación desenvolvida no Cinbio, ao profundar na caracterización das moléculas dos hidratos do gas, as súas propiedades e predicir as súas posibles dinámicas.  

“O proceso ideal é recuperar o metano para o seu uso e utilizar o baleiro que deixa como almacén-sumidoiro de CO2”  explica o investigador Manuel Martínez, “algo que desde o punto de vista teórico é posible”. A constatación práctica aínda ten un longo camiño por percorrer.

Por diante hai incógnitas x resolver, respostas que poden abrir novos interrogantes. “A nosa meta é entender perfectamente como se crean os hidratos de gas, coñecer a súa estrutura e dinámicas para manipulalos a vontade e poder usar os gases atrapados (metano) e almacenar outros no seu interior (CO2, hidróxeno)”,  resume este catedrático de Física Aplicada.

Investigación en rede

A investigación sobre os hidratos de gas é un campo en pleno auxe, que en moitos casos leva a tecer redes de colaboración estables con grupos multi-disciplinares doutros centros e países. É o caso do equipo liderado por Manuel Martínez Piñeiro, que ademais da súa estreita relación co Cesga, mantén liñas abertas de traballo con grupos experimentais, e tamén teóricos, da Universidade de Huelva (UHU), da Universidade Politécnica de Madrid ( UPM), da Universidade de Pau (Francia), a Universidade de Aveiro (Portugal) e da Universidade de Concepción (Chile).

No equipo de investigación, ao carón de Manuel Martínez, traballan Martín Pérez Rodríguez, Ángel Fernández e Brais Rodríguez.

O cambio climático é máis que unha ameaza, é unha realidade. E como noutras crises as miradas vólvense cara á ciencia, cara a esa mesma ciencia que alertou do que ía pasar e que ignoramos.


O Centro de investigación CINBIO está cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é Logos-pie-1920x168-1-1024x90.jpg

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

O CINBIO, seleccionado para crear os dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar

No marco do consorcio europeo ‘Adaptation’, a entidade elaborará partículas capaces de captar luz do Sol con capacidade de refrixeración

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades