En xuño de 1878, un parágrafo de La Ilustración de Galicia y Asturias daba conta dun acontecemento que tivo lugar na entrada da ría de Vigo: “Un falucho de Bouzas, que a algunha distancia das Illas Cíes se dedicaba á captura da pescada, tivo a boa fortuna de atopar unha balea morta que flotaba sobre as augas”. Daquela, non eran poucos os buques baleeiros que alimentaban unha industria que deixou pegada en Galicia.
Non foi de estrañar, por tanto, tal como dicía a crónica, que se sospeitara “con fundado motivo de que o enorme mamífero terá sido abandonado por a consecuencia dos últimos temporais por algún dos buques que se dedica á súa pesca”. Na súa metade inferior, o animal era só óso, mentres que a súa parte superior estaba “en perfecto estado de conservación”. Os motivos que levaban a pensar de que aquilo era cousa dos baleeiros eran “a falta das barbas e da cola, que son operacións que practican os baleeiros nos primeiros momentos, aproveitándose despois da súa carne”.
Aquela breve información concluía dicindo que aquel enorme esqueleto “foi adquirido pola Universidade de Santiago”. E 131 anos despois, aquel exemplar de Balaenoptera musculus volve estar de actualidade debido a que este venres a mesma USC anunciou a recuperación do esqueleto para o Museo de Historia Natural. Neste tempo, esta xoia científica sufriu un importante deterioro, que agora intenta remediar en parte un equipo de expertos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e o propio museo.
Despois do seu traslado a Santiago, o esqueleto pasou a formar parte das antigas coleccións de Zooloxía do gabinete de Historia Natural (xerme do actual Museo). Naqueles anos foi artesanalmente montado sobre columnas de fundición e exhibido durante algún tempo nos xardíns da Universidade. Pertence a unha balea xuvenil, duns 25 metros de lonxitude e está, segundo informa a USC, “aceptablemente completo, salvo unha serie de vértebras caudais e algunhas pezas illadas, aínda que con síntomas de deterioro de moitas pezas tras q súa montaxe e exposición á intemperie e o seu posterior almacenamento durante un longo tempo”.
Conta tamén a institución compostelá que “a comezos do século XX, posiblemente con motivo no nacemento do Museo de Historia Natural en 1906 e a súa instalación nun novo emprazamento, o esqueleto foi desmantelado e almacenado no propio xardín, e que “xa en décadas recentes, decidiuse o seu traslado ao Museo do Pobo Galego, onde estivo custodiado, ata o seu retorno agora ao Museo de Historia Natural”.
Análise e recuperación
Na actualidade, en colaboración con diversos especialistas do Cemma, o Museo de Historia Natural da USC está procedendo ao seu estudo e recomposición. As análises moleculares dos fragmentos óseos, así como outro tipo de estudos, ademais de permitir ratificar a identidade do exemplar, proporcionarán ao persoal científico información moi valiosa sobre as características biolóxicas desta especie, que na actualidade está seriamente ameazada., despois dunha caza intensiva que se freou a finais dos anos 80 do século XX. De feito, na actualidade, e despois de moito tempo, estanse realizando avistamentos de baleas azuis na costa galega.
Debido á grande envergadura do esqueleto, o deterioro de moitas das pezas e o gran custe económico que suporía a súa completa recuperación, non parece viable polo momento abordar a súa restauración e montaxe, pero estase a estudar o proxecto de ofrecer no futuro a visitantes do Museo a posibilidade de contemplar nas súas salas permanentes algúns dos elementos máis destacables do esqueleto deste impoñente animal. Hoxe en día pode contemplarse o esqueleto doutro cetáceo de gran tamaño, neste caso unha balea común (Balaenoptera physalus), no museo da Sociedade Galega de Historia Natural, en Ferrol.