Xoves 10 Outubro 2024

Milladoiros: a moda que altera espazos protexidos en Galicia

A proliferación de montículos de pedras en varios puntos do litoral preocupa aos científicos polo impacto ambiental que causa

É un día calquera de verán na costa de Trece (Camariñas), moi preto do Cemiterio dos Ingleses. Estes coídos, onde unha madrugada de novembro de 1890 veu bater o HMS Serpent, levan miles de anos pulíndose cos golpes do mar da Costa da Morte. Ao pouco de chegar, un grupo de visitantes engade o seu gran de area na morea de montículos de pedras que inundan a paraxe: comezan a coller pequenos cantos e póñenos un enriba doutro, imitando o que moitos fixeron antes deles. Un montonciño máis, de seu, non parece moito, pero cando a práctica se multiplica xorden os problemas. Desde hai anos, a moda dos tamén chamados milladoiros domina este espazo protexido, que forma parte da Rede Natura, e outros puntos turísticos de Galicia, como o castro de Baroña ou o faro de Fisterra.

Desde hai tempo, o debate sobre os montículos ocupa un importante espazo nos medios de Canarias e Baleares. As Administracións, nuns casos, e entidades ecoloxistas, noutros, erguéronse contra esta práctica, e chegaron a organizarse actividades para eliminar estas ‘construcións’ en espazos naturais dos arquipélagos polo impacto que xeraban. A moda tamén se estende por outras partes do planeta baixo o nome de ‘rock balancing’. E en Galicia, por agora, non se tomaron medidas punitivas, aínda que desde a Consellería de Medio Ambiente recoñecen que “a proliferación masiva” dos milladoiros en zonas protexidas “non pode considerarse unha actividade inocua: resulta evidente que estas construcións, en altas densidades, poden dar lugar a un impacto ou alteración, non só paisaxística, senón tamén sobre a propia estrutura e función dos hábitats protexidos e, en especial, sobre as súas especies asociadas”, segundo fontes da Administración autonómica.

Publicidade

Alén disto, non hai consenso científico no asunto. A visión dos expertos consultados oscila entre a agresión ao medio natural e unha manifestación cultural que é tolerable, aínda que debe ser controlada. Este último é o enfoque de Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC. “Dalgún xeito, é unha actualización dunha tradición antiga, que se ve desde hai miles de anos. Entendo que isto pode causar un problema medioambiental, pero creo que habería que adoptar unha certa tolerancia ao respecto”, expón Criado.

“Isto pode causar un problema medioambiental, pero habería que adoptar unha certa tolerancia”, expón Felipe Criado Boado

Alude o arqueólogo á tradición dos milladoiros, “algo que nunca acabou de morrer en Galicia”. “Usouse nos cruces de camiños, no propio Camiño de Santiago, para delimitar propiedades, para marcar sendeiros de montaña, etc. Non deixa de ser unha manifestación da vinculación das persoas co espazo, que habería que interpretar e saber recoñecer”.

Publicidade

Porén, desde outras perspectivas a visión é distinta; estase alterando, posiblemente sen remedio, unha formación de miles de anos. “Trátase, na meirande parte dos casos, como no treito de cabo Vilán cara ao norte, de depósitos de niveis mariños antigos; concretamente os niveis superiores, como os que están fronte ao Cemiterio dos ingleses formáronse no pasado interglaciar, o nomeado Eemiense, no máximo nivel do mar,  hai uns 120.000 anos”, explica Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física ad honorem  e membro da asociación estratéxica CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela.

Milladoiros na zona da Praia das Catedrais. Foto: SGHN.
Milladoiros na zona da Praia das Catedrais. Foto: SGHN.

Nestes hábitats, Pérez Alberti introduce o matiz entre os coídos que se moven a mercé dos temporais de baixa intensidade, e os que se sitúan en zonas máis altas, estabilizados e que, como ten amosado en diferentes publicacións recentes, só reciben algunhas achegas sedimentarias en intres de grandes temporais con ondas que poden acadar os 11 metros, e que por iso teñen un “indubidable valor paleoambiental”. Apunta que “no caso dos coídos intermareais, os que chaman ‘boleiras‘ pola zona de Camariñas, importa algo menos que se alteren, porque no inverno xa virá un temporal que devolva todo ao seu sitio, pero noutros casos, o impacto é moito maior”.

Con todo, apunta Pérez Alberti, “non se debe esquecer que os coídos forman parte do hábitat de interese comunitario 1220 Cantis mariños e praias de cantos”. En opinión de Pérez Alberti, “destruír calquera coído é como rachar un documento antigo nunha biblioteca; deberían estar protexidos, porque non son simples pedras e estase a afectar un lugar de grande interese paleoambiental. E, por suposto, ambiental dado que en moitos casos están asociados a eles especies de plantas ou animais”.

Desde as entidades naturalistas, como a Sociedade Galega de Historia Natural, xa teñen esixido á Xunta que tomen medidas ao respecto, segundo lembra o seu presidente, Serafín González.  “A xente pensa que unha pedra é só iso, unha pedra, pero estas actuacións mudan a paisaxe, e a paisaxe non é propiedade da xente; é unha responsabilidade de todos”, expón González. O investigador, tamén biólogo do CSIC, e experto no estudo dos solos, subliña que “algúns dos lugares nos que proliferan estes montículos son hábitats de conservación prioritaria”. E incide na gran diversidade de formas de vida que se desenvolven ao abeiro das rochas. “En calquera época do ano, cando levantas unha pedra e podes estar quitándolle o refuxio a un insecto, descubrindo o niño dalgunha ave ou dificultando o crecemento dalgunha planta, e hai que lembrar que entre elas poden estar especies ameazadas”. Así, na zona de Trece e Reira, en Camariñas, está unha das poucas poboacións de caramiña que persisten en Galicia.

Desde a perspectiva arqueolóxica, a lectura é dun problema “de escala”, segundo Felipe Criado. “Acontece o mesmo que con outros problemas medioambientais, como o do plástico. Non podemos encher calquera recuncho de montonciños de pedras, pero é interesante comprender e mesmo investigar por que o fenómeno prolifera en determinados lugares”. O director do Incipit compara o caso dos milladoiros, salvando as distancias, con manifestacións culturais que se teñen visto en Mongolia ou en América Latina nos tributos á Pachamama. A conclusión para Criado é “intentar comprendelo antes que adoptar medidas coercitivas; porque calquera postura que avogue pola tolerancia ten que implicar o respecto ao propio entorno”.

Multas polos milladoiros?

Desde Medio Ambiente descártase, por agora, sancionar a quen sexa sorprendido facendo milladoiros, e non consta que se iniciara ata o momento ningún procedemento. A alteración de espazos protexidos, segundo a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade, “mediante ocupación, roturación, corta, arranque ou outras actuacións” é unha infracción grave que podería levar a unha multa de entre 3.001 e 200.000 euros.

Porén, desde o departamento autonómico suxiren que un só milladoiro non pode ser considerado como unha infracción grave. E neste sentido, engaden que as posibles sancións “deben ir acompañadas de campañas de concienciación que expliquen os impactos deste novo costume, co obxectivo de acabar con estas prácticas que alteran os ecosistemas e modifican a paisaxe”.

A Consellería subliña que os axentes facultativos ambientais teñen potestade para “a detección, desmonte e retirada coidadosa destes amoreamentos”. Pero desde a SGHN lembran que “algunhas destas construcións levan máis de cinco anos en pé, sen que as autoridades competentes tomen as medidas oportunas para recuperar as áreas degradadas e evitar novas alteracións”.

Tal e como lembra Pérez Alberti, os coídos non están especificamente protexidos pola normativa medioambiental en Galicia. “No ano 2009 elaborei con Juan López Bedoya a petición da Consellería de Medio Ambiente un inventario de Espazos de Interese Xeomorfolóxico  no que se describían cantís e coídos, dunas e paleodunas, depósitos de terrazas fluviais, formas graníticas e calcáreas, depósitos glaciares e periglaciares etc., que había que protexer polo seu valor, paisaxístico, ambiental ou  paleoambiental. Pero non tivemos máis noticias do tema”, lamenta o catedrático da USC. Mais recentemente, dado “a singularidade a nivel mundial que presentan os coídos, durante a elaboración das Bases Ecolóxicas (2009)  polo daquela polo MAPAMA, na que participei activamente, propuxen que se creara un hábitat sobre deles. Pola de agora non se fixo”. “Volvémonos atopar co de sempre neste país: non se protexe o medio ambiente como é debido”, conclúe Serafín González.

3 COMENTÁRIOS

  1. Los coídos, que ciertamente poseen un destacado interés estético y medioambiental, se ven alterados constantemente y de forma mil veces más grave por troncos arrastrados por las crecidas y las mareas, cubiertas de neumáticos de las que utilizan las embarcaciones como protección, pedazos de red, restos de nasas, envases de plàstico, bidones vacíos, plásticos, poliestireno y basura de todo tipo y tamaño
    Las torrecitas de diez o doce piedras pueden ser un monumento a la ridiculez estética, pero no poseen la mínima capacidad de alteración del medio, y la primera marejada se las llevará.
    Preocuparse por ellas no es más que un reflejo de la misma tontería que las produce.

  2. Las playas de cantos o coidos son parte del patrimonio geológico pues responden a unos depósitos abandonados por el mar hace 135.000 años según las dataciones realizadas por el Instituto Universitarios de Geología. Destruir o alterar este registro es como destruir un castro, un yacimiento arqueológico, o una reserva botánica. Llama la atención que se manifiesten sobre el problema hasta personas como un geógrafo, un botánico y un arqueólogo y no lo haga ningún geólogo. Pero aun así hay que defender la integridad de estos depósitos como se defiende que en una playa no se pueda llevar laarena para, por ejemplo, la construcción.

  3. Alteración ambiental modificar la colocación de las piedras sueltas?….una cosa es que sea una chorrada que puede resultar cargante, pero llevarlo a esa categoría resulta una memez impresentable teniendo delante los problemas que tenemos. El porcentaje de bobos es constante en cualquier sector de la población, incluyendo a los conservacionistas o los científicos. El problema es que si son funcionarios además, pierden el tiempo jeringando al resto con bobadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non son medusas: estes son os animais que apareceron nas praias da Costa da Morte e do Morrazo

A principal hipótese atribúe o varamento masivo de veleiriños ás correntes e fortes ventos provocados pola borrasca Nelson

A carabela portuguesa invade as praias da Coruña: como actuar se che pica?

Na Costa da Morte tamén aparecen exemplares de 'Pelagia noctiluca', unha medusa luminiscente cunha picadura moi urticante

Onde ver o mar de ardora? Estas son as mellores praias da Costa da Morte

O fenómeno de bioluminiscencia deixouse ver nas últimas semanas con todo o seu esplendor nos areais de Estorde (Cee) e Carnota

‘Sica’ e todo o que non lle pertence ao mar

O cambio climático aparece representado nun contexto de cotiandade na primeira longametraxe de Carla Subirana, ambientada na Costa da Morte