Xoves 28 Marzo 2024

A clase de EXB que escribiu a historia dos naufraxios da Costa da Morte

Fronte á Costa da Morte existiu a meirande ruta marítima do mundo e, por tanto, escribiuse parte da historia do planeta. Durante séculos, navegaron por este litoral infinidade de barcos cargados de persoas e mercadorías, cada un coas súas pequenas historias a bordo. Centos deses buques e centos de vidas ficaron para sempre neste recuncho de Galicia, azoutado pola bravura dos temporais e desleixado moitas veces polos gobernantes.

Toda persoa que desexe mergullarse na tráxica e máxica historia dos naufraxios da Costa da Morte ten como lectura obrigada o libro que José Baña Heim publicou en 1980: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios. É un minucioso traballo de investigación, con datos recolleitos a pé de campo, no que se compilan case 150 afundimentos acontecidos nesta zona nos últimos séculos. Hoxe en día, moitos historiadores seguen empregando esta obra como un dos materiais de referencia neste tema.

Publicidade

Naufraxios rexistrados por Baña Heim e os seus alumnos entre Arou e Punta Boi, unha das zonas máis salvaxes do litoral.
Naufraxios rexistrados por Baña Heim e os seus alumnos entre Arou e Punta Boi, unha das zonas máis salvaxes do litoral.

O traballo de Baña Heim é unha obra capital que, en gran parte, foi posible elaborar grazas á ilusión dun grupo de nenos de Camelle de entre 10 e 12 anos. A viaxe que deu orixe ao libro é unha fermosa aventura que o mestre deste pobo da Costa da Morte emprendeu xunto a sete alumnos seus no verán de 1974. Segundo se narra na propia obra, o 3 de xullo dese ano, o profesor e os nenos iniciaron o percorrido no faro do cabo Roncudo de Corme, onde, a poucos metros, unhas cruces brancas lembran as vidas arrebatadas polo mar. Tras varias etapas, repartidas ao longo do verán, remataron o traballo na badía de Corcubión, ao abeiro do cabo Fisterra.

Naquel momento, os nenos cursaban 5º de EXB. Un día, na clase, mestre e alumnos comentaron o encallamento dun dique que se acababa de producir nas proximidades do cabo Vilán, en Camariñas. A raíz dese feito, José Baña Heim retomou unha idea que levaba anos na súa cabeza: percorrer a Costa da Morte para recuperar as historias dos naufraxios que, en moitos casos, nin sequera estaban documentados.

Portada do libro de Baña Heim.
Portada do libro de Baña Heim.

Camelle foi o fogar de Man, o artista alemán que morou alí ata que morreu pouco despois da marea negra do Prestige. Pero o pobo ten moita máis historia ás súas costas. Durante décadas, e en parte aínda hoxe, era un pobo anfibio, máis conectado co mar que coa terra. Amais da calidade do marisco e o peixe da zona, e das industrias de conserva e salga, alí estivo instalada unha das bases de salvamento máis importantes de Europa, con moitas empresas dedicadas ao rescate de barcos e náufragos. Varias familias vivían de recuperar os buques do fondo do mar.

Naquel caldo de cultivo, Baña Heim recrutou aos seus alumnos para sacar adiante o seu proxecto. “A idea penetrou fondamente nun grupo que, voluntariamente, nos prestamos a realizar a empresa, a pasar un verán feliz facendo suxestivas excursións, realizando entrevistas indagadoras, sacando fotos, levantando planos de cada anaco de litoral, redactando anécdotas graciosísimas e consultado hemerotecas para actualizar feitos que forman parte da nosa historia”, narran os propios alumnos na introdución do libro. Despois do traballo de campo, o proxecto completouse cun profundo labor de investigación. Finalmente, en 1980, o libro foi publicado.

“O libro de Baña Heim é unha alfaia literaria”, sinala Fernando Patricio Cortizo, historiador naval e presidente da asociación cultural Naufraxios Galegos. Nos últimos anos, esta entidade impulsou varias homenaxes e rutas culturais para reivindicar a figura deste mestre na súa vila natal de Camelle. Patricio cre que “este traballo marcou o camiño para moitas investigacións posteriores sobre a Costa da Morte, grazas á minuciosidade, rigor e calidade literaria coa que se describe o entorno e a vida das súas xentes”. Lembra que “Baña era unha persoa moi metódica”, polo que se esforzou en realizar unha “descrición milimétrica” de todo o que ía vendo e escoitando. A obra ten, do mesmo xeito, “unha gran capacidade evocadora; trasládate ao propio lugar dos feitos que se están a narrar e sentes como se estiveses alí mesmo, escoitando o mar e ollando as paisaxes idílicas que o rodean”.

A dignidade da Costa da Morte

A obra de Baña Heim e os seus alumnos non é só unha crónica histórica, pois ten tamén unha forte carga social. En numerosas ocasións, o libro denuncia a precariedade dos medios de salvamento da época e as carencias na sinalización marítima, que agravaban as perdas humanas e materiais causadas polos naufraxios, así como o illamento da Costa da Morte respecto ao resto de Galicia e de España.

O libro rachou coa lenda negra de que os nativos provocaban os naufraxios

O libro racha tamén coa lenda negra de piratería e pillaxe que durante moito tempo arrastraron os habitantes da zona. Baña contribuíu, en gran medida, a desbotar a crenza de que os nativos provocaban os naufraxios poñendo farois nos cornos das vacas ou facendo fogueiras para despistar aos barcos. Valéndose das hemerotecas, as narracións das testemuñas dos naufraxios e do que deixaron escrito algúns superviventes dos afundimentos, o autor relata decenas de exemplos de comportamentos heroicos, nos que os veciños da Costa da Morte puxeron en risco as súas propias vidas para salvar aos náufragos.

En opinión de Fernando Patricio Cortizo, “Baña e os seus alumnos fixeron algo marabilloso. Describiron como ninguén a Costa da Morte, porque transmitiron o espírito do rural e o mundo do mar cunha gran sensibilidade”. Historias como a traxedia do HMS Serpent, cuxas vítimas están soterradas no Cemiterio dos Ingleses, ou a da Furna dos Difuntos Queimados chegaron ata hoxe grazas a esta minuciosa labor de investigación realizada, hai agora máis de corenta anos, por un grupo de nenos de Camelle e o seu mestre.

2 COMENTÁRIOS

  1. DESDE BUENOS AIRES ….. TERMINO DE LEER ESTA CONMOVEDORA HISTORIA . ES IMPRESIONANTE LA SERIEDAD, DISCIPLINA, Y CALIDAD EDUCATIVA DEL DOCENTE Y ALUMNOS….!!! UN MODELO A SEGUIR A NIVEL MUNDIAL, EN TIEMPOS DONDE TODO PARECE IR TRAS ILUSORIAS ,FÀCILES CONQUISTAS DEL CONOCIMIENTO, TAN FUGACES E INUTILES…QUE ADORMECEN LAS MENTES CON DISTRACCIONES TECNOLÒGICAS Y ANULAN EL PENSAMIENTO CREATIVO….!!!!!
    MUCHAS GRACIAS POR ESTA PUBLICACIÒN ENALTECEDORA DE LA NOBEL ESTIRPE GALLEGA !!!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artigo anterior
Seguinte artigo

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación