Podes imaxinar como era a túa cidade nos anos 50? E que cambiou dende entón? Agora xa non fai falta imaxinar: podes comprobalo grazas á Fototeca Dixital, creada polo Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG). Esta iniciativa, posta en marcha no ano 1929, constitúe un arquivo que conserva voos fotogramétricos do territorio nacional, tanto en formato analóxico como dixital.
Estes voos permiten captar fotografías aéreas superpostas que serven para xerar datos tridimensionais precisos do terreo. Grazas a estes fotogramas, é posible estudar a evolución das paisaxes, elaborar mapas, investigar a historia e xestionar o territorio con maior detalle.
A Fototeca Dixital pon á disposición do público dous tipos principais de produtos: fotogramas, que son imaxes captadas dende o aire, e ortofotografías, imaxes corrixidas xeometricamente que permiten facer medicións precisas e crear cartografía.
Con máis de 1,5 millóns de imaxes aéreas, esta iniciativa do CNIG permite descubrir como eran vilas como Nigrán, Arteixo ou Allariz, e mesmo lugares emblemáticos como a Praia das Catedrais. O paso do tempo, o turismo ou a actividade industrial transformaron estes espazos, e agora é posible ver como eran e como son hoxe.
Panxón, unha praia conquistada polo turismo
Nigrán, o pequeno concello pontevedrés situado nas Rías Baixas, multiplica a súa poboación durante os meses de verán. Considerado un destino turístico habitual entre a poboación galega, o proxecto do CNIG permite observar con claridade como o turismo deixou a súa pegada nesta vila costeira.
A primeira fotografía, tomada entre os anos 1956 e 1957 a bordo do voo Americano B, amosa o areal de Panxón e o interior da vila. Naquel tempo, a praia estendíase ata o que hoxe é unha zona ocupada por apartamentos turísticos e vivendas de residentes habituais.


Na imaxe máis recente, do ano 2023, esa ampla franxa de area foi substituída por un longo paseo marítimo, que reduciu considerablemente as dimensións do areal orixinal. A transformación esténdese tamén á praia veciña, Praia América, con dunas delimitadas por paseos, liñas de casas e zonas de aparcamento.
As rúas do interior, cheas agora de vivendas unifamiliares, edificios baixos e espazos de estacionamento, eran entón leiras e camiños rurais. Na fotografía antiga apenas se distinguen unhas poucas construcións entre o branco e negro do fotograma, aínda que xa se aprecian as estradas principais, que se conservan e seguen conectando Nigrán coa cidade de Vigo.
Arteixo, a capital da moda galega
A chamada capital da moda galega, situada no concello de Arteixo (A Coruña), experimentou unha transformación profunda ao longo das últimas décadas.
Na fotografía correspondente aos anos cincuenta, as liñas azuis sinalan as infraestruturas actuais, que foron aparecendo co paso do tempo. Naquel entón, Arteixo era unha pequena vila, formada por casas baixas e pequenos negocios que debuxaban un mosaico de edificacións tradicionais.


O cambio chegou coa expansión industrial e, especialmente, coa chegada do imperio Inditex, que se asentou en Arteixo no ano 2001. A partir de entón, a paisaxe transformouse por completo: o que antes eran rúas estreitas e parcelas rurais pasou a convertese nun gran polígono industrial, no que tamén están empresas como Aluman ou Pescanova.
Hoxe, o complexo Inditex ocupa preto de 260.000 metros cadrados dedicados á marca de Zara. A esta nova fisionomía engádense tamén infraestruturas clave, como o encoro de Rosadoiro e as instalacións marítimas próximas á costa, que completan a imaxe dunha Arteixo transformada.
A Praia das Catedrais, de leiras a aparcamentos
Unha das maiores atraccións naturais de Galicia, a Praia das Catedrais, tamén experimentou as consecuencias da presión turística. Cando o voo Americano B sobrevoou esta zona da Mariña lucense nos anos cincuenta, captou un mosaico de leiras agrícolas e pequenas estradas que as conectaban. Nada facía presaxiar o fenómeno turístico que chegaría décadas despois.
Declarada Patrimonio Natural no 2005, a Praia das Catedrais forma parte dunha ampla rede de protección ambiental: é Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Zona Especial de Conservación (ZEC) e intégrase na Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”.


Na actualidade aínda se conservan algunhas leiras, pero moitas delas convertéronse en aparcamentos para visitantes, que acoden cada ano a este espazo que só se pode visitar durante a marea baixa. Na fotografía máis recente, pódense distinguir ata tres aparcamentos na contorna inmediata da praia.
Allariz, un exemplo de rehabilitación urbana
Na metade occidental da provincia de Ourense atópase Allariz, unha pequena vila de 6.419 habitantes. Considerada un referente da rehabilitación cultural e urbana, pasou dunha etapa marcada pola perda demográfica e o abandono da actividade agraria a converterse nun modelo de recuperación do patrimonio e revitalización do comercio local.
As políticas de recuperación de espazos, como a creación de museos, a posta en valor de mercados tradicionais e a restauración do casco histórico, transformaron a imaxe da vila dende finais do século XX.


Con todo, malia o crecemento urbanístico, a esencia rural segue viva: alaricanos e alaricanas continúan cultivando as súas terras e vendendo os seus produtos nos mercados locais, mantendo o equilibrio entre tradición e modernidade.
Nas dúas imaxes comparativas destaca a presenza constante do río Arnoia, afluente do Miño que atravesa a vila, e dun edificio cadrado singular, o Museo de Arte Sacro de Santa Clara, onde se di que no pasado se gardaron importantes obras clásicas.












