As últimas vítimas humanas do lobo en Galicia: pode pasar outra vez?

Varios episodios de ataques de cánidos a persoas rexistráronse nos séculos XIX e XX no país: o último mortal produciuse en San Cibrao das Viñas en 1974

No medio do fondo e complexo conflito arredor do lobo, non hai semana sen que agromen informacións sobre os danos que cánidos silvestres causan sobre o gando e, en ocasións, animais domésticos en Galicia. Algúns destes sucesos, como o acontecido este mes de agosto en Ourol, coa depredación dun can na porta dunha vivenda, reavivan o medo ancestral a que o Canis lupus, cunha lenda negra curtida durante séculos, poida ferir ou mesmo acabar coa vida dunha persoa. Aínda que desde a ciencia segue a haber moitas incógnitas sobre o suposto comportamento agresivo dos lobos cara a humanos (en ocasións estes ataques son obra realmente cans que medran silvestres ou híbridos de lobo e can), en Galicia hai varios sucesos que fican na memoria de quen os viviu e nas hemerotecas. Así, fai menos de 50 anos das última vítimas mortaais dun cánido, acontecidas en San Cibrao das Viñas en 1974. Estas, xunto a outras dúas mortes de nenos nos anos 50 en Vimianzo e Muxía aparecen na literatura científica como un dos últimos exemplos de ataques mortais a humanos rexistrados na península ibérica. Mirando algo máis cara a atrás, o “terror” que lobos infectados co virus da rabia causaron en Chantada en 1880, acabando coa vida de máis dunha ducia de persoas, aínda é recordado na vila lucense.

Recreación do ataque dun lobo a un neno no norte de España, nunha ilustración dun artigo publicado en 1914 en "Le Petit Journal". Fonte: Biblioteca Nacional de Francia.
Recreación do ataque dun lobo a un neno no norte de España, nunha ilustración dun artigo publicado en 1914 en “Le Petit Journal”. Fonte: Biblioteca Nacional de Francia.

No ano 2002, un grupo de investigadores noruegueses, coa colaboración de colegas de numerosos países, publicou The fear of wolves: A review of wolf attacks on humans, un libro que compilaba rexistros de ataques de lobos en Europa, Asia e Norteamérica entre 1557 e 2001. É unha das revisións científicas máis minuciosas sobre o tema. E Galicia ocupa un lugar destacado dentro do suroeste de Europa. No país rexistráronse, segundo recolle a obra norueguesa, citando as investigacións do libro Los lobos de Morla, de Antonio Valverde e Salvador Teruelo, publicado en 1992, varios episodios no século XX, dos cales tres acabaron en morte.

Publicidade

Vimianzo e Muxía, 1957 a 1959

A finais dos anos 50 do século XX, tres feitos estremeceron aos habitantes das parroquias de Castrelo e Tines, no concello de Vimianzo e Coucieiro (Muxía). Os tres lugares O primeiro deles, o 25 de xuño de 1957, no lugar do Vilar, en Castrelo, acabou coa vida de Luis Vázquez Pérez, de cinco anos despois de capturalo e arrastralo durante centos de metros. Outro mozo que o acompañaba conseguiu fuxir, pero a loba (así coincidiron en salientalo algunhas testemuñas que repararon nas mamas) atacou a outra rapaza de 15 anos que estaba preto do lugar, antes de que un grupo de veciños conseguise espantar o animal.

Trece meses despois, no lugar de Tines, da parroquia do mesmo nome, outro cánido, tamén femia (especulouse con que fose a mesma) repetiu a acción. Desta vez a vítima foi Manuel Suárez, de cinco anos. Máis de 60 anos despois, Manuel pode contalo, aínda que nas súas costas fican 33 cicatrices das mordeduras e golpes que levou. Manuel Rivas narrou a historia nun artigo no que, por boca de Suárez, lembraba o traslado en estado crítico a Baio, e logo a Santiago, onde salvou a vida no sanatorio do doutor Baltar grazas a unha transfusión de sangue. Cando foi atacado, Manuel estaba a piques de emigrar a Suramérica, onde xa estaba seu pai. Meses despois, cruzou por fin o Atlántico. En Montevideo, a comunidade galega escoitara falar del e esperaba a chegada do “o neno do lobo”.

Publicidade

Nota sobre a morte do neno atacado polo lobo en Castrelo (Vimianzo) en 1957. Fonte: "El Pueblo Gallego".
Nota sobre a morte do neno atacado polo lobo en Castrelo (Vimianzo) en 1957. Fonte: “El Pueblo Gallego”.

No punto máis ao suroeste dunha liña recta que cruza estes montes da comarca de Fisterra e Soneira, case dous anos despois do primeiro suceso en Castrelo, Manuel Sar Pazos, de catro anos, morría en Trasufre, na parroquia de Coucieiro (Muxía). Un lobo achegouse a el a outro neno da mesma idade, mordeu a Manuel na espalda e botouse ao outro rapaz. Ao lugar chegou un adulto que espantou o lobo, pero non foi posible salvar a vida do rapaz.

Pouco tempo despois, nunha batida das moitas que se puxeron en marcha despois dos episodios mortais na zona, deuse morte a dous lobos, e non hai constancia de novos ataques a humanos na rexión.

Ourense, 1974 e 1975

Tempo despois, a contorna da cidade de Ourense viviu as últimas interaccións entre lobos e humanos que acabaron coa morte destes últimos. O primeiro dos episodios tivo lugar na contorna de Rante (San Cibrao das Viñas) a aldea onde, precisamente, vive desde hai anos Marcos Rodríguez Pantoja, o coñecido como “neno lobo” de Sierra Morena, que pasou parte da súa infancia e adolescencia vivindo cunha manda destes animais.

Como en Vimianzo e Muxía, os ataques sucederon no verán e, neste caso, nun rango de tempo de menos de só sete días. Tres acometidas de cánidos acabaron con dous nenos de curta idade mortos e dúas persoas feridas.

O 3 de xullo, unha nena de 13 anos e unha muller de 59 que traballaban no campo foron atacadas. O lobo trabou á nena no peito e á muller na man antes de fuxir. Ao día seguinte volveu para capturar a José Tomás Martínez Pérez, de 11 meses, que estaba deitado nun campo preto de adultos e outros nenos que cavaban patacas preto do lugar de Currás. As testemuñas perseguiron o lobo, pero só puideron atopar o corpo do neno no medio duns matos.

Unha semana máis tarde produciuse unha nova vítima: Javier Iglesias Balvís, de tres anos, cuxos pais estaban emigrados en Alemaña e permanecía ao coidado da avoa, foi trabado polo lobo nunha leira do lugar de Outeiro Calvo. No momento do suceso, unha veciña estaba con el, mentres a avoa facía outras labores. A muller perseguiu a loba en estado de xestación (declarou que as mamas eran claramente visibles), pero apenas puido atopar o corpo a uns 250 metros do lugar.

Días despois, un parente de Javier Iglesias, Adolfo Balvís, abateu a unha loba na zona. A ela atribuíuselle a morte dos dous cativos. Porén, o episodio, que ocupou numerosas páxinas na prensa aquel verán, xerou un importante debate a nivel nacional, no que chegou a intervir Félix Rodríguez de la Fuente, que expuxo a posibilidade de que as mortes fosen causadas por cans asilvestrados.

O 14 de xullo de 1974, "El Pueblo Gallego" informaba da captura e morte dunha loba en San Cibrao, á que se lle atribuíu a morte dos nenos.
O 14 de xullo de 1974, “El Pueblo Gallego” informaba da captura e morte dunha loba en San Cibrao, á que se lle atribuíu a morte dos nenos.

Aínda se produciría un ano despois en Galicia outro suceso mencionado na literatura científica: o 2 de xuño de 1975, en Allariz, un neno de tres anos foi capturado por un lobo mentres xogaba nunha leira a carón da súa avoa. O avó, preto do lugar, perseguiu o lobo e espantouno. O neno apenas sufriu feridas nunha perna. Despois do ataque realizáronse batidas que acabaron coa morte de dous lobos nunha tobeira situada a apenas dous quilómetros de alí.

Aos episodios citados polos científicos hai que lembrar outro acontecido en Toén, tamén moi preto da cidade de Ourense, en 1968. Nunha entrevista con La Voz de Galicia publicada en 2018, Manuel Pereira e o seu pai Carlos lembraban como o primeiro se salvou cando, cun ano e medio, un lobo marchou con el nas fauces. Quedáronlle as marcas dos cairos a carón da boca e na espalda.

Chantada, 1880

Hai que mirar máis atrás para coñecer un dos sucesos máis mortíferos causados polo lobo do que se ten constancia. E aconteceu na contorna de Chantada no ano de 1880. Daquela, o virus da rabia estaba amplamente estendido nos lobos que campaban por Galicia. E así foi como se desatou o terror nesta comarca lucense. “Todo é terror”, contan as crónicas do momento. Durante o mes de agosto sucedéronse os ataques de lobos rábidos. 40 persoas foron mordidas, e preto de 15 morreron pola infección do virus. O investigador chantadino Alfredo Pardo investigou o episodio, e nun artigo publicado en 2014 contaba como o pánico foi tal que o gobernador civil chegou a mobilizar a comezos de setembro a todos os homes de 18 a 60 anos na zona, un total de 7.000, para bater un amplo territorio na procura dos lobos rábidos.

Cando e por que atacan os lobos a humanos?

Na mesma revisión que percorre máis de 400 anos de ataques de lobos a humanos, os investigadores apuntan a catro factores asociados con estes feitos: a infección co virus da rabia vincúlase á “meirande parte” destes episodios, como o acontecido en Chantada. Tamén distinguen os provocados por comportamentos humanos que poden provocar reaccións de defensa no lobo, como son o acoso a algún exemplar ou os ataques a tobeiras ou crías.

Porén, outra parte dos eventos, como os acontecidos en Ourense ou as comarcas de Soneira e Fisterra, vincúlanse a unha certa habituación dos animais á presenza humana e á modificación de hábitats que diminúen a presenza de presas para o lobo, circunstancia que os leva a depredar, en casos illados, a crías humanas. Con todo, destacan que estes sucesos descenderon “moi notablemente” ao longo do século XX polos enormes cambios socioeconómicos que experimentou case todo o planeta.

Son, con todo, episodios moi pouco frecuentes na actualidade. “Polas evidencias que se recollen nestes casos, estes ataques coinciden con factores como unha maior presenza humana nas aldeas, unha menor densidade de presas silvestres por mor dunha ocupación máis intensa do territorio e, por tanto, unha maior habituación do lobo á presenza humana”, explica o biólogo Pedro Alonso, experto no estudo do Canis lupus e autor dun recente censo sobre a especie no norte de Galicia.

“Non hai motivos para preocuparse” de ataques a humanos

Alonso engade que, neste contexto, “os nenos de curta idade podían ser unha fonte de alimento ‘accesible’ para algunhas mandas”. Así o sostén o devandito libro dos científicos noruegueses, no que se expoñía que ata un 90% das vítimas dos ataques predadores son menores de 18 anos, e especialmente menores de 10.

Así, apunta o biólogo que “hoxe as circunstancias son totalmente distintas; non hai a mesma presenza humana, a electrificación do territorio, a maior presencia do tráfico rodado, etc. impón límites á posibilidade de habituación do lobo”. Conclúe, por tanto, que “non hai motivos para estarmos preocupados“, aínda que incide Alonso na necesidade de “estar pendentes dos casos de predación sobre mascotas ou gando que se producen preto das casas, para que os axentes medioambientais os notifiquen e caractericen e se faga un seguimento destas situacións”.

Si hai un contexto distinto noutras partes do planeta, como Asia Central. Nalgunhas antigas repúblicas soviéticas, Irán ou Mongolia, os ataques de lobos, ou cans salvaxes, continúan sendo relativamente frecuentes, en forma de feridas e mesmo mortes.

Mais no caso de Galicia, como de boa parte de Europa occidental, son, segundo engade o experto, escenas “que en moitas aldeas cunha presenza constante do lobo se produciron sempre; pero cando hai casos máis próximos a vilas ou cidades, todo se magnifica e xérase un maior alarmismo“.

3 COMENTÁRIOS

  1. Esas noticias, antigas e sen ningún respaldo científico. O único que fan e avivar o odio ancestral cara a unha especie autóctona e Pilar fundamental na pirámide alimentaria do noso ecosistema.
    O lobo escapa do ser humano, e iso sábeo calquera que caía ao monte a intentar velo

    • Lobo disparado pistoleiro multado con miles e miles de euros por disparar a unha especie protexida.
      So como advertencia, por se alguén se sente azuzado a facer tonterias animados polo medo atávico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire frío do Atlántico norte deixará na ponte de decembro temperaturas xélidas en Galicia

Os valores máis baixos rexistraranse o domingo nas comarcas de interior e Lugo non superará os oito graos de máxima

Julio Vilas, deportista con discapacidade: “Tiven atrapamento umbilical, pero son afortunado”

O xogador do Amfiv Vigo, que compaxina deporte de elite con traballo a tempo completo, explica como é a súa vida cunha diversidade funcional física

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos