Atopan un xene que podería ser unha diana terapéutica na endometriose

Unha investigación xenética que durou máis de 20 anos observa unha redución da dor abdominal en ratos ao bloquear neles este punto do ADN

As causas que provocan a aparición da endometriose, unha doenza que afecta a un 10% das mulleres en idade fértil, seguen sendo en boa parte un misterio. A enfermidade, que se define polo crecemento de tecido endometrial fóra das paredes do útero, causa unha dor moitas veces incapacitante. Ademais, o retraso no diagnóstico e as dificultades no tratamento, que pode ser cirúrxico, hormonal ou analxésico, pero en moitos casos non é suficientemente efectivo, converten a doenza nun calvario para moitas mulleres. Mentres, a ciencia avanza na procura de novos enfoques fronte a endometriose, que acaban de ter un importante fito cos achados dun equipo internacional que publicou a pasada semana a revista Science Translational Medicine: o artigo describe como o xene NPSR1 podería ser unha diana terapéutica para tratar a dor xa que, segundo probas realizadas en ratos, o seu bloqueo inducía unha menor dor e inflamación.

O achado agora publicado procede dunha investigación iniciada nos anos 90 do século XX, liderada pola autora principal deste novo artigo, Krina Zondervan, científica da Universidade de Oxford. Desde hai tempo é coñecido que hai unha certa influencia xenética na endometriose, pero non se coñecía con detalle suficiente a zona do xenoma que estaba implicada nela. Despois de estudar miles de casos de mulleres, conseguiron chegar a unha rexión do cromosoma 7 na que se detectou unha variación que podería explicar a presenza dalgúns dos sinais da enfermidade no xene NPSR1. Posteriormente, observando o ADN dos macacos rhesus, un modelo habitual para os estudos xenéticos, detectáronse as mesmas variacións.

Publicidade

Para comprobar a influencia do xene na dor e a inflamación, desenvolveuse entón un traballo en ratos, nos que se bloqueou, en parte deles, a proteína que codifica o citado xene. Aínda que, como destacan os científicos, os ratos non teñen menstruación, si se puideron observar circunstancias semellantes provocando a dor no abdome dos animais usados no experimento. E constatouse que os ratos que tiñan bloqueada a expresión do xene NPSR1 tiñan menos dor abdominal.

Sábese, por estudos previos, que o xene NPSR1 está vinculado a doenzas inflamatorias como a asma, as alerxias, a enfermidade inflamatoria intestinal ou a artrite reumatoide; e é sabido que algunhas delas coexisten coa endometriose en moitas mulleres. Porén, os autores do traballo insisten en que queda moito por estudar e coñecer antes de que este achado poida dar os seus froitos no tratamento da enfermidade.

Publicidade

Camiño por percorrer

Nos últimos anos, e diante da dificultade de establecer unha orixe clara que poida axudar a tratar a endometriose, gañou forza na comunidade científica a idea de que se trata non dunha única doenza, senón que está composta por varios subtipos. Mesmo se postulou que as sucesivas etapas son xenéticamente distintas. As últimas fases caracterízanse cun maior número de lesións maiores e máis profundas, aínda que non sempre se corresponde cun aumento da dor. A forma na que se manifesta a patoloxía pode variar moito dunha a outra muller, polo que é difícil acertar cos diversos síntomas.

Isto viuse na citada investigación xene NPSR1: non todas as pacientes con endometriose tiñan unha variante deste xene, o que significa que, probablemente, o tratamento centrado no seu bloqueo non sexa útil para todas as persoas afectadas.

“Precisamos facer máis investigacións sobre o mecanismo de acción e o papel das variantes xenéticas na modulación dos efectos do xene en tecidos específicos. Porén, con este temos un novo obxectivo non hormonal que que parece apuntar directamente aos compoñentes inflamatorios e de dor implicados na enfermidade”, explica Krina Zondervan.

Outro dos retos, segundo destacou a Science a experta en endometriose Stacy McAllister, que non participou no estudo, é o de obter máis evidencias que permitan saber se o bloqueo do xene NPSR1 podería axudar tamén ao control da dor crónica, alén das dores agudas.

Do mesmo xeito, o feito de utilizar modelos de rato para marcar o camiño ten as súas limitacións. Os propios autores admiten que os resultados non achegan o espectro completo da enfermidade ou os matices patolóxicos que si se poderían observar en humanos.

Con todo, o coñecemento acadado con estes avances deixa un pouco máis preto a meta, aínda distante, de dar resposta á dor e padecemento que a endometriose causa a millóns de mulleres en todo o mundo.


Referencia: Neuropeptide S receptor 1 is a nonhormonal treatment target in endometriosis (Publicado en Science Translational Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

Por que a dor crónica provoca depresión nalgunhas persoas e noutras non?

As molestias agudas e persistentes xeran cambios no hipocampo, unha rexión do cerebro que actúa como centro de control e axuda a regular as respostas emocionais

Por que estudamos mutantes en bioloxía?

En bioloxía, usamos mutantes para entender como funcionan as células e que pasa cando algo falla

Un gran mapa xenético de Galicia localiza as mutacións máis frecuentes e asociadas a sete enfermidades

O catedrático da USC Antonio Salas esboza unha cartografía que pode servir como guía para a detección precoz, a prevención e a medicina personalizada