Xoves 5 Decembro 2024

Un censo sostén que o nordeste de Galicia ten unha das maiores densidades mundiais de lobos

Os biólogos Pedro Alonso, David Martínez e Miguel Hevia constatan a existencia de 16 grupos reprodutores nunha área de 2.900 quilómetros cadrados

O norte da provincia de Lugo e o extremo nordeste da provincia da Coruña rexistran máis de 20 grupos de lobos (Canis lupus) potencialmente reprodutores, o que converte a área nunha das que alberga maiores densidades de poboación do cánido en todo o planeta. Así o estiman os datos da mostraxe realizada polos biólogos Pedro Alonso, David Martínez e Miguel Hevia, que recolle a revista Recursos Naturais, publicada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC.

A análise realizouse durante 2019 e 2020 nunha superficie de 2.900 quilómetros cadrados, nunha liña que vai de Ribadeo á Pontenova, percorrendo logo o territorio en sentido oestea ata Abadín, Vilalba e Monfero. Tamén se inclúen datos da serra da Capelada e as nacentes dos ríos Mera, Sor, Landro, Eume, Ouro e Masma cara ao mar e co Eo como límite cara o leste. Os resultados, que probaron a existencia de 16 familias reprodutoras, supoñen un incremento respecto aos seis grupos contabilizados no último censo oficial da Xunta, que compilaba información de 2013, 2014 e 2015. Neste sentido, o novo estudo atopa indicios de presenza e evidencias da existencia de grupos familiares nas serras da Faladoira e Coriscada e áreas como O Vicedo ou A Mariña oriental, onde non se detectaran cánidos nos censos autonómicos.

Publicidade

Ademais da estimación de 22 grupos potencialmente reprodutores, apúntase á presenza doutros individuos solitarios na rexión, o que leva aos autores a concluír que o nordeste de Galicia ten uns “valores de desnidade dos máis elevados en toda a área de distribución mundial da especie”, con entre 4,99 e 11 exemplares por cada 100 quilómetros cadrados, cunha densidade media de entre 5 e 7.

O censo estima que hai entre 4,99 e 11 exemplares por cada 100 quilómetros cadrados na área de estudo

Segundo explica á USC o biólogo Pedro Alonso, o crecemento das poboacións experimentadas por esta especie non se cingue ao último lustro, senón que se estende cara ás últimas décadas. “Estes rexistros poñen en destaque a necesidade de actualización das estimativas de poboación da especie”, precisa.

Publicidade

O progresivo despoboamento das áreas rurais, o que implica unha redución do número de lobos que morren a consecuencia do furtivismo, é un dos factores que, segundo Alonso, favorece o incremento das poboacións de lobo no nordeste de Galicia. A existencia de alimentación abundante nos montes da contorna, a proliferación de plantacións de eucaliptos e o progresivo abandono da cría de gando no monte, sobre todo da cabana equina, son outros dos parámetros que, como valora Alonso, contribúen á expansión e propagación do lobo.

Alén de apelar á conveniencia de arbitrar mecanismos orientados a controlar a demografía de Canis lupus, Alonso relaciona a alta densidade de lobo nesta rexión do nordeste de Galicia coa acentuada redución das poboacións de bestas de cabalo galego de monte, en parte derivada da acción depredadora do lobo, o que diminúe as porcentaxes poldros que acadan a idade xuvenil e agrava aínda máis a diminución de eguas reprodutoras, cuxa poboación xa se reduciu á metade nas últimas décadas.

Neste sentido, os autores do traballo expoñen: “Ademais das implicacións que estes resultados comportan en materia de seguimento demográfico, cabe cuestionarse se un nivel de presenza do lobo como o aquí exposto se traduce nunha maior recorrencia de danos e nunha resposta social que poida poñer en perigo a persistencia do réxime tradicional de cría de cabalos en liberdade, sistema xa na actualidade afectado por distintas políticas sectoriais comunitarias e autonómicas”.

Para levar a cabo o censo, o equipo partiu do coñecemento previo das zonas de presenza da especie, acudindo a fontes como bibliografía, novas de prensa, referencias orais, estudios e inventarios faunísticos e revisión de información propia, e un traballo de campo consistente na procura, localización, gravación e seguimento de rastros e indicios de presenza en itinerarios preestablecidos, complementado con estacións de observación e de escoita nas áreas de maior frecuencia de paso e indicios de presenza de cánidos.


Referencia: Censo da poboación de lobos (Canis lupus) do norte de Galicia e estimativa da densidade (Publicado en Recursos Rurais. Revista do IBADER).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares