O avance da campaña de inmunización contra a Covid-19 mantén, e mesmo acelera, o ritmo previsto pola Unión Europea e os estados membros, co obxectivo de protexer a arredor do 70% da poboación antes de que finalice o verán. Porén, case todos os ensaios clínicos realizados nunha primeira etapa priorizaron o grupo de persoas maiores de 16 ou 18 anos, o que limita a administración das vacinas en nenos e adolescentes. A Axencia Europea do Medicamento xa autorizou a finais de maio o uso da fórmula de Pfizer-BioNTech, coñecida como Comirnaty, para persoas de entre 12 e 15 anos. E ao tempo continúan as investigacións para que a inmunización se estenda ao resto de menores.
Neste sentido, un estudo mundial abordará nas vindeiras semanas a seguridade e funcionamento da mesma vacina de ARN mensaxeiro en máis de 4.600 nenas e nenos. Entre eles tomarán parte 55 menores de Galicia. Algúns deles xa recibiron este luns a primeira dose de Comirnaty, nunha proba que estará coordinada pola Unidade de Investigación en Vacinas e Ensaios Clínicos Pediátricos del Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. O seguimento realizarase desde o Hospital Clínico de Santiago, o único galego que participa neste proxecto.
Este luns 7 de xuño, os primeiros voluntarios xa recibiron a primeira dose da vacina ou do placebo, e nesta mesma semana completaranse as 25 inmunizacións previstas nesta primeira fase, en nenos de entre 5 ata os 12 anos. En fases posteriores, irase desescalando en idades ata chegar a nenos de 6 meses de idade e aos 55 participantes, segundo explica o Sergas.
O obxectivo é “obter a información necesaria para completar a ficha técnica da vacina e dispoñer de todo o rigor de seguridade e funcionamento para que chegado o caso, cando se indique e se é necesario, se poida vacinar á poboación pediátrica coas mesmas garantías coas que o estamos facendo coa poboación adulta”, explica o investigador Federico Martinón, que coordinará o ensaio, responsable do centro colaborador da Organización Mundial da Saúde (OMS) en seguridade vacinal de Santiago de Compostela, e membro do comité asesor de vacinas da mesma OMS.
O estudo seguirá o método do dobre cego: unha parte dos rapaces e rapazas recibirán nun primeiro momento, un placebo. Os participantes recibirán unha inxección cun intervalo aproximado de tres semanas e aqueles que reciban placebo (un terzo) terán oportunidade de recibir a vacina dentro do estudo.
No ensaio do Sergas participarán 55 nenos sans que formarán parte do estudo mundial no que está previsto que se inclúan 4.644 rapaces, 557 deles en España. Para levalo a cabo, páutanse visitas de control e haberá un período de seguimento de cada neno de dous anos. Aos pais e coidadores pediráselles que rexistren calquera cambio na saúde dos nenos nun diario electrónico que se lles facilita.