Aínda non sabes onde ver a eclipse en Galicia? Estas son as cinco mellores aplicacións para descubrilo

A previsión meteorolóxica, a orografía e a posición do Sol son algúns dos factores que permiten consultar para escoller o punto de observación

En menos de 48 horas, Galicia será un dos territorios privilexiados dende onde poder observar a eclipse total de Sol, considerada por moitos o evento astronómico do ano. A causa da presunta nubosidade que afectará á banda de totalidade —as zonas onde a Lúa cubrirá por completo o Sol—, sobre todo no litoral da Coruña e Lugo, cada vez son máis as persoas que teñen dúbidas sobre onde é o mellor sitio no que poder ver o espectáculo. Por iso, dende GCiencia levamos a cabo unha recompilación das cinco mellores aplicacións para afondar na procura do lugar perfecto.

Visualizador de eclipses do IGN

A páxina web Trío de Eclipses, lanzada polo Goberno a través do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), ofrece información rigurosa á cidadanía sobre as tres eclipses solares consecutivas que se vivirán en España: o 12 de agosto de 2026 —que pasará por Galicia—, o 2 de agosto de 2027 e o 26 de xaneiro de 2028.

Publicidade

Coa colaboración do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), lanzan un visualizador interactivo para coñecer os principais detalles para o vindeiro mércores; entre eles, a previsión da nubosidade. O mapa amosa a presenza de nubes baixas no litoral, sobre os concellos das comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños, A Coruña, Ortegal e a Mariña lucense. Este tipo de cúmulos impiden a visibilidade do fenómeno astronómico ao ser densos e impedir a vista do astro, o que é determinante para a selección.

Capas de nubosidade e escuridade para a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto no visualizador oficial do Instituto Xeográfico Nacional (IGN).
Capas de nubosidade e escuridade para a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto no visualizador oficial do Instituto Xeográfico Nacional (IGN).

The Eclipse App

The Eclipse App é unha ferramenta en liña que, a partir de rexistros históricos, amosa as maiores probabilidades de ceo cuberto no norte galego. A nubosidade histórica representa a frecuencia coa que o ceo estivo nubrado ao longo do tempo no momento no que se vai producir a eclipse; é dicir, o 12 de agosto a partir das 20:00 horas.

Publicidade

Con todo, non se trata dun prognóstico, como os da Aemet ou Meteogalicia, senón que é un cálculo aproximado do que pode ocorrer. Pero a aplicación permite acceder a tres tipos de mapa: por defecto, onde se amosa a traxectoria que seguirá a eclipse; a posición do Sol sobre o horizonte; e a nubosidade histórica.

Estes son os tres mapas que podes atopar en The Eclipse App: a banda de totalidade, a nubilidade histórica e a posición do Sol.
Estes son os tres mapas que podes atopar en The Eclipse App: a banda de totalidade, a nubilidade histórica e a posición do Sol.

Umbra

A aplicación Umbra foi desenvolta polo especialista en datos Lluis Gasso, e conta cunha ferramenta interactiva que puntúa máis de 40.000 miradoiros que se atopan dentro da banda de totalidade en función de tres parámetros —a altura do Sol, que o horizonte oeste se atope libre de obstáculos e a duración da totalidade—. Na medida en que estas variables permitan observar o fenómeno, asígnalles un valor sobre 100 puntos.

Segundo a información recadada, Lugo e as súas inmediacións son os lugares con mellores miradoiros, co Pico de Oroso á cabeza —terreo na fronteira con Asturias—, con 97 puntos sobre 100 e unha totalidade de un minuto e 46 segundos. Mentres, o mellor lugar da provincia da Coruña é Vixía de Herbeira, que conta con 96 puntos e sitúase a 605 metros de altitude. Finalmente, no norte de Ourense, por onde pasará o límite da banda de totalidade, O Penedo acada unha puntuación de 92 sobre 100.

A ferramenta analiza máis de 40.000 puntos de observación. Mapa: Lluis gasso
A ferramenta analiza máis de 40.000 puntos de observación. Mapa: Lluis gasso

Snowy

O sitio web Snowy ofrece información técnica e meteorolóxica para axudar aos usuarios a elixir o mellor lugar para ver o evento, cunha simulación exacta segundo a localización. Entre os datos que ofrece están a hora exacta antes, durante e despois da eclipse; o escurecemento en cada fase do fenómeno; o tempo en totalidade, a magnitude e a posición do Sol. Así, a plataforma permite observar un vídeo para ver de que forma varían os datos a medida que ocorre o evento que veremos o 12 de agosto.

A eclipse total de Sol do 12 de agosto poderase ver dende Galicia. Imaxe extraída do sitio web Snowy.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto poderase ver dende Galicia. Imaxe extraída do sitio web Snowy.

TresEclipses

A aplicación TresEclipses permite guiar a profesionais e afeccionados na procura do lugar perfecto dende onde ver a eclipse total de Sol. En vez de empregar parámetros únicos, combina diversos factores, como a meteoroloxía e a orografía, para axudar a decidir o terreo coa mellor visibilidade dentro da franxa de totalidade. Desta forma, non se limita aos puntos habituais, senón que sinala alternativas próximas co beneficio de agardarse unha menor afluencia de visitantes.

O funcionamento baséase no cruce de datos astronómicos precisos co modelado dixital do terreo: o sistema calcula a posición relativa do Sol e da Lúa en cada momento para determinar aspectos como a magnitude e a duración da fase central. Posteriormente, superpón esta información sobre o perfil do horizonte, estimando que montañas ou accidentes xeográficos poderían tapar o Sol nos momentos máis críticos da eclipse. Tal e como ocorre con Umbra, esta aplicación ofrece un Score de visibilidade que avalía os indicadores globais e ofrece unha lista cos candidatos máis axeitados dende onde poder observar o fenómeno astronómico do ano dende Galicia.

O simulador permite coñecer o estado do Sol e da Lúa durante a eclipse
O simulador permite coñecer o estado do Sol e da Lúa durante a eclipse

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais

Que historia ocultan as rochas? Unha nova páxina web galega ten a resposta

A iniciativa Xeogalicia ofrece artigos, mapas, guías e recursos educativos para achegar a xeoloxía de Galicia a todos os públicos