Por fin chegou o momento: a conta atrás cara á eclipse total do 12 de agosto xa se mide en horas, non en días. Hoxe, o ceo galego será o escenario dun espectáculo de luces e —en especial— sombras que promete atraer visitantes de todas partes. Aínda que se agarda unha importante afluencia de persoas e vehículos, para moitos non será posible contemplar a totalidade en vivo. Así e todo, non hai por que perder o que se coroará como o fenómeno astronómico do ano: múltiples centros astronómicos porán a disposición do público retransmisións en diferentes plataformas, con YouTube sendo a máis escollida, que permitirán seguir a eclipse en directo dende calquera parte do mundo.
Observatorio Astronómico de Yebes, unha transmisión dobre
O Observatorio Astronómico de Yebes do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), situado en Guadalaxara, é o centro nacional escollido polo Goberno para seguir o evento. Ofrecerá dúas transmisións en YouTube: unha centrada no sinal H-alfa e outra que tomará as súas imaxes cun telescopio solar fixo en luz branca, o que, como sinalan dende o IGN a través das súas redes sociais, permitirá apreciar as manchas do Sol na fase parcial da eclipse e observar a coroa solar na durante a totalidade. A observación en H-alfa, pola súa banda, complementará as imaxes do filtro de luz branca ao captar fenómenos como as protuberancias solares (filamentos, praias solares, textura granulada do Sol…), etc. Os dous directos darán comezo ás 19:00 horas.
Os sinais enviados polo observatorio de Yebes tamén se emitirán na televisión nacional e estarán dispoñibles en RTVE play, onde haberá unha programación especial monográfica para cubrir o evento astronómico do ano. Na plataforma tamén se pode acceder a unha retransmisión con audio descritivo e a unha emisión dende un avión.
NASA
A axencia espacial dos Estados Unidos cubrirá o evento dende diferentes plataformas, as cales reúne no seu portal NASA live. A retransmisión comezará ás 19:15, hora peninsular, e poderá seguirse dende YouTube, Netflix, X (antes Twitter), Amazon Prime e NASA +. O directo contará con imaxes de diferentes cámaras situadas no camiño da eclipse e estará comentado por profesionais da astronomía que responderán as dúbidas dos usuarios de redes.
Instituto de Astrofísica de Canarias
O Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) tamén se suma aos centros que retransmitirán en directo a eclipse solar total. Será a través de YouTube e estará comentado pola xornalista científica Verónica Martín e a astrofísica Irene Puerto, ambas do IAC. A ubicación do punto dende o que se transmitirá o evento será o Cerro do Otero de Palencia. A emisión comezará ás 19:30 horas.
Axencia Espacial Europea
A Axencia Espacial Europea (ESA) retransmitirá o evento dende o Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, a través de YouTube. O directo comezará ás 19:30 horas e estará comentado pola científica espacial e divulgadora Maggie Aderin.














