Un novo tratamento reduce as lesións da endometriose en modelos animais

Unha farmacéutica xaponesa acaba de probar con éxito unha terapia con anticorpos que tamén mellora a fibrose asociada á doenza

A endometriose é unha enfermidade na que o tecido que normalmente recobre o interior do útero medra fóra da matriz e adhírese a outros órganos do corpo. Afecta a unha de cada dez mulleres en idade reprodutiva e causa dor debilitante, sangrado excesivo e inflamación. Agora, unha farmacéutica xaponesa acaba de probar con éxito un novo tratamento de anticorpos que consegue reducir as lesións e adherencias potencialmente dolorosas en modelos animais. Os resultados acaban de ser publicados en Science Translational Medicine.

Na actualidade, estanse a estudar tratamentos prometedores para aliviar a dor que produce a endometriose, e con menos efectos adversos que os medicamentos existentes. As terapias hormonais tamén son outra opción para axudar a atrasar ou deter o crecemento de novas adherencias, pero non poden facer que as lesións existentes desaparezan e tamén teñen efectos secundarios non desexados. Esta nova terapia, deseñada en Xapón, aínda non foi probada en humanos pero os resultados en modelos animais suxiren que podería tratar as lesións da entrometriose e da fibrose asociada.

Publicidade

Análise de 250 xenes

Máis polo miúdo, as inxeccións mensuais desta terapia con anticorpos reduciron as lesións de endometriose e a fibrose en monos. Varios dos individuos desenvolveran espontaneamente a enfermidade, pero a maioría tiña tecido endometrial implantado cirurxicamente para imitar a condición humana. Para iso, o equipo desenvolveu unha terapia baseada en anticorpos, denominada AMY109, despois de buscar diferenzas na expresión de case 250 xenes implicados na inflamación en mostras de tecido humano de 10 pacientes con endometriose e catro persoas sen a afección.

Nese pequeno conxunto de mostras, os niveis da molécula interleucina-8 (IL-8), que é un actor importante na resposta inflamatoria do corpo, correlacionáronse estreitamente coa inflamación da endometriose e as lesións fibróticas relacionadas coa enfermidade. Este resultado levou os investigadores a desenvolver AMY109, un anticorpo de acción prolongada que se une e bloquea a sinalización de IL-8. A súa secuencia está protexida por patente, o que limitará a capacidade doutros investigadores para probala nos seus propios experimentos.

Publicidade

As terapias con anticorpos adóitanse eliminar do corpo con bastante rapidez, o que require unha administración repetida. Neste caso, o equipo responsable da investigación informa que AMY109 permanece en circulación o suficiente como para que unha inxección mensual sexa suficiente. Ademais, probaron dúas doses diferente do fármaco, administradas durante 6 meses, e descubriron que en monos con endometriose inducida cirurxicamente, ambas as doses non só reduciron o volume das lesións senón que tamén diminuíron a fibrose en comparación cos controis.

A terapia con anticorpos AMY109 reduciu o tamaño das lesións de endometriose e os marcadores de fibrose en comparación co control (fila superior) aos seis meses.

Máis investigación

Ese posible vínculo entre a IL-8 e a endometriose necesitará máis investigación pero, tal e como conclúen os investigadores a partir destes resultados preliminares, “AMY109 pode representar unha terapia modificadora da enfermidade para pacientes con endometriose”. As terapias efectivas para a endometriose non poden chegar o suficientemente pronto para miles de persoas que viven coa afección e atopan que a cirurxía só alivia temporalmente a súa dor. De feito, algúns expertos en saúde cren que repetir a cirurxía para extirpar tecido fóra de lugar pode empeorar a situación.

En 2021, investigadores da Universidade de Oxford informaron os últimos achados das súas investigacións sobre a xenética da endometriose: identificaron unha variante xenética que a miúdo se atopa en formas máis agresivas da afección, que penetra profundamente nos órganos e tecidos circundantes. Máis estudos coma este poderían conducir a mellores tratamentos e unha comprensión de como progresa a enfermidade. Cantas máis vías de investigación se busquen, mellor.


Referencia: A long-acting anti–IL-8 antibody improves inflammation and fibrosis in endometriosis (Publicado en Science Translational Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual

Un equipo de Coruña aposta por células nai para reducir síntomas en endometriose e artrose

O proxecto de María Arufe e Juan Fafián busca novas terapias para tratar enfermidades crónicas inflamatorias, con técnicas que poderían mellorar a vida de milleiros de pacientes

12 mitos sobre a endometriose

Unha paciente típica adoita ter regras moi dolorosas, e pode sufrir problemas dixestivos, dor coas relacións sexuais e infertilidade, entre outros síntomas