Vacinación contra a varíola do mono: preguntas e respostas

A OMS vén de declarar o gromo como emerxencia de saúde pública internacional, que deixa 3.738 casos en España e 29 en Galicia

Hai unha vacina dispoñible para previr ou atenuar a varíola do mono.
Hai unha vacina dispoñible para previr ou atenuar a varíola do mono.

O aumento de casos de varíola do mono levou á Organización Mundial da Saúde (OMS) a declarar a emerxencia de saúde pública internacional. Trátase dunha enfermidade de orixe zoonótica viral que é endémica nalgúns países de África occidental e central. De feito, os primeiros casos en humanos detectáronse na República Democrática do Congo en 1970. Porén, en maio deste ano comezou a aparición e o aumento sostido de casos, sobre todo en Europa e América, sendo a primeira vez que se notifican cadeas de transmisión fóra das rexións endémicas. A día de hoxe, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, España rexistra 3.738 casos, dos que 29 están en Galicia. Con todo, existe unha vacina recomendada para a prevención ou atenuación da enfermidade. Isto é o que se sabe dela e cales son as recomendacións actuais.

Que vacina se usa?

Está a utilizarse unha vacina de terceira xeración que se comercializa en Europa co nome Imvanex e en Estados Unidos co de Jynneos. Ambas son fabricadas polos laboratorios Bavarian Nordic e apenas se diferencian nalgúns pequenos aspectos de preparación. Ao contrario que as máis antigas, trátase dunha vacina cun virus atenuado relacionado coa varíola que non se replica e non provoca enfermidade, polo que se considera máis segura. Aínda que xa estaba aprobada para o seu uso fronte á varíola, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) acaba de recomendar estender o seu uso tamén contra a varíola do mono.

Cal é a súa eficacia?

Aínda non se realizaron estudos de eficacia en humanos coa vacina Imvanex. Con todo, os estudos en animais mostran unha resposta e eficacia similares á das vacinas antigas. Aínda que non están desenvoltas especificamente contra a varíola do mono, senón fronte á varíola, as similitudes entre os virus permiten que se xere inmunidade contra ambos. Segundo unha análise durante un gromo que tivo lugar en Zaire nos anos 80, a efectividade das vacinas previas na protección fronte á varíola do mono é de aproximadamente un 85%.

Quen pode recibila?

Segundo a Sociedade Española de Epidemioloxía, non se recomenda a vacinación contra a varíola do mono para a poboación xeral, xa que o risco considérase baixo. Agora mesmo, a última actualización aprobada pola Comisión de Saúde Pública do 12 de xullo recomenda e prioriza a vacinación en distintos grupos de persoas segundo se trate de profilaxes preexposición (se non se tivo contacto coñecido con alguén infectado) ou posexposición (se houbo contacto).

Profilaxe preexposición:

— En persoas menores de 45 anos que manteñen prácticas sexuais de alto risco, fundamentalmente pero non exclusivamente GBHSH (Gais, Bisexuais e Homes que teñen sexo con Homes) que non pasaran a enfermidade nin recibiran a vacina da varíola con anterioridade.

— En persoas con risco ocupacional como persoal sanitario en consultas especializadas que atenden a persoas con prácticas de alto risco, persoal de laboratorio que manexa mostras potencialmente contaminadas ou persoal que se encarga da desinfección de superficies en locais específicos aos que acoden persoas que teñen múltiples parellas.

Profilaxe posexposición:

—En contactos estreitos de casos confirmados que teñan alto risco de enfermidade grave (poboación infantil, as embarazadas e as persoas con inmunodepresión), así como persoal sanitario e de laboratorio con contacto con casos confirmados e que tivesen algunha incidencia no uso de EPI (Equipos de Protección Individual).

Por que se prioriza a persoas menores de 45 anos?

En España, a vacinación contra a varíola era obrigatoria ata 1979 e administrábase aos 20 meses de idade. Nese momento saíu dos calendarios vacinais, ao considerarse a enfermidade erradicada. Asúmese que as persoas que foron vacinadas manteñen certo grao de protección tamén fronte á varíola do mono.

É segura?

O perfil de seguridade da vacina é favorable, podendo provocar efectos secundarios leves ou moderados, segundo a EMA. A Sociedade Española de Epidemioloxía emitiu un comunicado no que considera que o uso da vacina “é seguro e os seus efectos secundarios aseméllanse aos doutras vacinas, podendo causar cefaleas, náuseas, dor muscular, astenia —cansazo— ou dor na zona da picada”.

Está aprobada para todos os grupos de poboación?

En principio, a vacina non está autorizada para o seu uso na poboación infantil, embarazadas e mulleres lactantes. Con todo, como recolle a última actualización da Comisión de Saúde Pública, non se contraindica nestas poboacións e utilizouse en pequenos gromos ocorridos en Reino Unido en 2018 e 2019 sen que se notificase ningún efecto adverso. Recoméndase a súa utilización tras realizar unha avaliación individualizada en poboación infantil de calquera idade e en mulleres embarazadas en calquera trimestre de xestación, pois nestas poboacións a enfermidade pode ser máis grave e causar secuelas.

En quen está contraindicada?

En persoas con hipersensibilidade ao principio activo a algún dos residuos dos que contén rastros: proteína de polo, benzonasa, ou os antibióticos gentamicina e ciprofloxacino.

Cantas doses se administran?

A pauta estándar é de dúas doses administradas con polo menos 28 días de separación. Con todo, debido á escaseza de vacinas dispoñibles, no momento actual administrarase unha soa dose. No caso de profilaxe posexposición, administrarase unha dose nos primeiros 4 días tras o contacto estreito, aínda que poderá ofrecerse ata os 14 días, nese caso non sería tanto para previr como para atenuar a posible enfermidade. En persoas inmunodeprimidas si se administrarán dúas doses.

Estas recomendacións iranse adaptando en función da situación epidemiolóxica e a dispoñibilidade de vacinas.

Cantas doses hai dispoñibles?

Actualmente hai unha escaseza global de vacinas, que ademais son fabricadas por un só laboratorio. España adquiriu en xuño 200 doses de Imvanex por compra directa aos Países Baixos. Posteriormente, a Comisión Europea fixo unha compra conxunta de algo máis de 160.000 doses da vacina Jynneos a Estados Unidos, onde xa estaba aprobada fronte á varíola do mono desde 2019. En principio, un 10% corresponderá a España, que xa recibiu 5.300 doses. Nos próximos dous meses están previstos novos envíos. Ademais, España ten almacenadas dous millóns de doses dunha vacina antiga de segunda xeración. Con todo, o seu uso non está recomendado na situación actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.