Xoves 25 Abril 2024

Ata 15 graos de diferenza entre a costa galega e o Mediterráneo español

Os ventos do norte e nordés provocan o fenómeno do afloramento en Galicia, que mantén a temperatura a auga a niveis normais, incluso nas ondas de calor

Durante este verán o Mediterráneo está a dar cifras récord de temperatura na súa superficie con ata 30 graos centígrados nalgúns puntos das Illas Baleares. No Golfo de León —situado entre España, Francia e Italia— esa diferenza é de máis de 6 graos con respecto á media para estas datas. Como consecuencia, xérase unha maior humidade que provoca unha sensación térmica aínda máis abafante, con días e noites máis incómodas do habitual. Unha situación que dista do que acontece en Galicia, posto que o fenómeno do afloramento inflúe moito na temperatura do mar. Cando hai episodios fortes pode chegar aos 15 graos.

Por outra banda, o proceso de “tropicalización” do Mediterráneo —xa que estas temperaturas da auga son propias do Mar Caribe— ten grandes riscos. Con tal situación atmosférica é máis doado que se dean episodios de fortes precipitacións, coma unha DANA (depresión illada de niveis altos, nas súas siglas en castelán).

Publicidade

Está a aumentar tamén a temperatura do mar en Galicia?

Segundo Garbiñe Ayensa, xefa de Unidade de Documentación e Apoio Científico do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), é cedo para establecer unha tendencia da temperatura das augas galegas este ano. A última análise comparada do 2018 sinalaba unha dinámica á alza dos días con temperatura da superficie marítima superior aos 18 ou 19 graos centígrados.

Juan Taboada, físico e coordinador de Meteogalicia, explica que, aínda que xullo foi un mes moi quente, polo momento non se rexistran cambios significativos que poidan afectar á meteoroloxía. A temperatura da auga do Mar Cantábrico ou do océano Atlántico non está marcada pola incidencia da radiación solar nin da calor da atmosfera, como sucede no Mar Mediterráneo, que é unha masa de auga maiormente pechada con menores dinámicas.

“En Galicia, aínda que teñamos veráns moi cálidos ou unha anomalía de temperatura moi alta, esa calor non se traslada á auga do mar. Débese a que a posición do anticiclón das Azores adoita xerar ventos de compoñente norte ou nordés que provocan que a auga superficial das nosas costas se desprace cara a plataforma continental, e deste xeito aflore auga sub-superficial que está máis fría”, explica Taboada. Este fenómeno é o que se coñece por afloramento. “Tivemos días de anomalías, cunhas semanas de moita calor que fixeron que a temperatura da auga subira lixeiramente, pero os niveis continuaron bastante baixos”.

Antes as rías podían renovarse en 8 ou 9 días e agora están a facelo en 20

Como o afloramento inflúe moito na temperatura do mar, na Coruña e en Pontevedra as augas adoitan ser máis frías, cunha media de 18 graos e episodios de 15 graos cando hai un afloramento forte; e de 20 ou 21 graos cando os ventos veñen do leste. A costa lucense, por outro lado, é a zona máis cálida da comunidade, con 20 graos de media. Neste punto, o vento en lugar de desprazar cara ao sur a auga superficial (a máis quente) e renovala con auga fría, acumúlaa na costa.

O fenómeno de afloramento implica tamén unha renovación dos seus nutrientes, mellorando a produtividade do mar. “Nas augas sub-superficiais existen moitos nutrientes que polas condicións de luz non son aproveitados polos microorganismos”, di Taboada. Cando chegan á superficie grazas ao proceso de afloramento, comeza a crecer o plancton e ponse en marcha toda a cadea trófica. “Un menor afloramento faría que a temperatura da nosa auga subise, e sería bo para o turismo ou para os bañistas, pero teriamos augas menos produtivas”, sentenza.

Estudos coma o que está a desenvolver o proxecto Mytiga nas Rías Baixas sinalan que o proceso de afloramento é cada vez menor. Segundo as súas observacións, antes as rías podían renovarse en 8 ou 9 días e agora están a facelo en 20, coa consecuente falta de abastecemento de nutrientes e os prexuízos para a vida acuática e a economía pesqueira.

Auga máis quente, maior inestabilidade meteorolóxica

Cando a temperatura da superficie do mar é maior, tamén o é a do aire que está sobre ela. Isto provoca fenómenos convectivos que poden desembocar en tormentas. En Galicia, como a auga é máis fría, o proceso é o de estabilización, posto que a temperatura da auga equilibra nos días quentes a temperatura crecente do aire. “Porén, o que si pode suceder é que o aire frío que está sobre o mar pode condensar a humidade e xerar brétemas”, explica Taboada. Un fenómeno que sucede habitualmente nos días cálidos e vento cara a terra.

As tormentas no noso territorio afectan moito máis ao interior que á costa, a diferenza do Mediterráneo nas que a auga quente xoga un papel desestabilizador. “É moi difícil en Galicia ver unha tormenta que se xere no mar porque no noso territorio as tormentas xéranse cando o aire moi cálido que se sitúa sobre unha superficie de terra quente sube”, di o experto. Ao atoparse con aire frío na atmosfera condénsase e dá lugar a estes fenómenos, que poden ser moi fortes e chegar ata a costa, como sucedeu hai unhas semanas.

Ao igual que o nivel da auga do mar, a temperatura está subindo de forma global polo cambio climático. Aínda que está a debate dentro da comunidade científica como vai afectar esta situación ás augas galegas debido ao fenómeno de afloramento. No que si que hai acordo é en que haberá máis episodios de meteoroloxía extrema. “Os seres humanos mudaron a composición da atmosfera, e isto provocará ondas de calor como as da semana pasada máis frecuentes, máis tormentas ou máis secas”, conclúe Taboada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores

Un tren de borrascas regará Galicia durante toda a semana

As precipitacións de principios de abril virán acompañadas dun importante ascenso térmico a partir do mércores