A noite do xoves xa forma parte da historia da meteoroloxía galega. Despois de varios días de altísimas temperaturas, abafados por unha vaga de calor sen precedentes, ninguén pensaba que unha tormenta explosiva e inesperada fora sacudir Galicia. Un dos datos máis destacados, que dá conta da súa intensidade, é o rexistro de máis de 6.000 raios en todo o país, concentrados a meirande parte deles en tan só catro horas. “Foi unha situación extraordinaria”, trasladan dende Meteogalicia. Tamén aseguran que este tipo de formacións tormentosas “son moi complicadas de predicir”. De feito, ningún dos modelos prognosticaba unha situación semellante. “Tan só algún chuvasco puntual, sobre todo en zonas de montaña, pero nada comparable”, indican.
Dende a institución explican que esta tormenta extraordinaria, que se formou en cuestión de horas, ten un nome: Sistema Convectivo de Mesoescala. “É moi raro que se produza aquí en Galicia. De feito, eu non recordo nada igual”, apunta un dos meteorólogos. “É máis habitual a outra escala, noutras zonas onde se acumula moita calor, con varios días de elevadas temperaturas e con certa inestabilidade”, continúa explicando. Pon como exemplo a zona do Mediterráneo, onde son máis comúns este tipo de estruturas. Sobre todo, en épocas como a primavera ou o outono, malia que este tipo de sistemas tormentosos non son exclusivos de ningunha estación. “Pódense dar tamén en verán. Están asociados á inestabilidade”, matizan dende Meteogalicia.
Cales foron as causas?
Se esta situación é inusual no país, cabe preguntarse cales son as causas detrás deste fenómeno. “Unha delas foi a presenza dunha Dana que temos ao oeste da península e que está relativamente preto de Galicia. Aumentou a inestabilidade e é a causante de que estes días teñamos tan altas temperaturas”, apuntan dende a institución. Ademais, engaden: “A pesar de que é unha estrutura que parte dun desprendemento de aire frío en altura, o seu comportamento, o xiro que fai na atmosfera, favorece a entrada de aire cálido en superficie que procede directamente do norte de África”. Segundo continúan apuntando, chega directamente e non dá tempo a que baixen as temperaturas. De feito, os elevados valores que se rexistraron onte en toda Galicia permitiron a estensión desta tormenta explosiva por todo o país.
Amais disto, “estes períodos retroaliméntanse”. É dicir, un día cálido potencia unha noite cálida, e a noite cálida potencia que o día seguinte tamén o sexa. De feito, malia a tormenta de onte, as temperaturas seguen a ser hoxe moi elevadas en toda Galicia. Segundo a predición de Meteogalicia, Ourense volverá a máximas de 40 graos. A máis baixa rexístraa Vigo, que descende ata os 27 graos. De todas formas, o día no que se volveron bater todos os récords foi onte, xusto antes de que dera comezo a tormenta. “Rompemos as marcas non só nas máximas, tamén nas mínimas. A proximidade da Dana, esa fonte de inestabilidade, xerou as condicións idóneas para que se iniciase a estrutura. Revolveu tanto a atmosfera que creou a súa propia dinámica”, apuntan dende Meteogalicia.
Curta duración
Outra das características deste Sistema Convectivo de Mesoescala tan pouco frecuente en Galicia foi a súa curta duración. “Foi moi pouco tempo, unhas 12 horas”, calculan dende a institución galega. Polo tanto, foi un fenómeno “moi explosivo”. De todas formas, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), este tipo de sistemas poden durar máis de 24 horas, malia que non fose o caso de Galicia. “Estas situacións sempre xeran sorpresas. Pódense predicir condicións de inestabilidade, pero prognosticar que se vai producir un fenómeno así, non. É dicir, podes falar de de actividade tormentosa, pero pouco máis”, apuntan, reiterando a dificultade de que os modelos rexistren este tipo de estruturas. Non só en Galicia, tamén no Mediterráneo e en todas as zonas nas que se poden producir.
Polo tanto, esta tormenta explosiva, igual que a vaga de calor que abafa o país dende hai días, xa quedou gravada na memoria de tantos e tantos galegos. De feito, chama a atención a cantidade de raios rexistrados en tan só unhas horas. “De toda a serie de rexistros, é o quinto día no que máis raios houbo. O que máis, foron máis de 9.000, pero non estiveron causados por este fenómeno”, indican dende Meteogalicia. Tamén as temperaturas, posto que onte Ourense bateu de novo récord de máximas, chegando aos 44 graos. Segundo os servizo meteorolóxicos, o luns comezarán a remitir estes valores tan elevados e volverase á normalidade do verán galego. Pero a historia, nesta primeira quincena de xullo, xa está escrita.