A Comisión Europea expedienta a España por non aplicar a normativa do radon

A directiva europea que obriga a tomar medidas contra a exposición a este gas, con notable presenza en Galicia, aínda non se aplicou no Estado español

Levaban tempo avisando os expertos de que España debería adoptar a súa normativa á directiva europea para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes, que tiña como data límite febreiro de 2018. E esta semana, a Comisión Europea lanzou unha nova advertencia ao abrir un expediente a España, xunto a Austria, Bélxica, Estonia e Hungría, así como dictámenes motivados a Chipre, Grecia, Malta e Portugal “para pedir a transposición completa á súa lexislación nacional”. Son os únicos estados membros que non aplicaron a norma, que vén a modernizar e consolidar as normas básicas de protección da cidadanía fronte ao radon e outros elementos que poden xerar problemas de saúde.

Agora, España e o resto de estados membros aos que se lles remitiron “cartas de emprazamento” teñen dous meses para responder aos argumentos da Comisión Europea. Entre as actuacións, estes estados deberían desenvolver un plan nacional sobre o radon, do que actualmente carece España. De non ser así, a Comisión podería pasar ao seguinte chanzo do procedemento, o do dictamen motivado, no que están os outros países, nos que se inclúe Portugal. Neste punto, os países que non atendan as demandas poderían ser levados ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Publicidade

O problema do radon é especialmente sensible en Galicia, unha das zonas da península Ibérica con maiores concentracións deste gas, un importante factor de risco para o cancro de pulmón. Desde a USC, o Laboratorio de Radon de Galicia ten realizado miles de medicións no país que constataron os altos niveis de exposición ao composto. “Paréceme un pouco triste que desde 2014 os sucesivos gobernos non puideran aproveitar o coñecemento científico existente, que é moito e bo, para protexer aos cidadáns en xeral, e aos traballadores en especial, do risco do radon”, expón Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela. Nos últimos anos, despois da publicación da directiva europea en 2014, os investigadores da USC teñen reclamado en varias ocasións que se tomen medidas ante o problema da concentración de radon en Galicia.

A aplicación das esixencias da Comisión Europea é complexa, segundo recoñece Ruano, debido aos diversos aspectos legais pendentes de resolver, e que ademais afectan a diferentes ministerios, como Sanidade e Fomento (neste caso debido ás modificacións que se deben realizar nas normas sobre edificación para incorporar medidas de prevención).

Publicidade

Comproba neste mapa os niveis de radon no teu concello

O problema do radon

O radon é un gas nobre que está presente en maior concentración nos solos graníticos, sobre os que se asenta gran parte do territorio galego. A través dun proceso natural, o uranio tamén presente nesta rocha, descomponse e dá lugar ao radon, un gas radioactivo que é incoloro, inodoro e insípido, que pode ascender ás vivendas polas fendas da construción ou os diversos condutos.

Ao aire libre, o gas acaba diluíndose na atmosfera, sen maior incidencia, pero ao acumularse en determinados espazos, pode acadar concentracións daniñas para a saúde. A través do sistema respiratorio, o radon accede aos pulmóns. Alí descomponse e produce partículas alfa que se fixan ao tecido pulmonar e poden causar mutacións. No peor dos casos, desenvólvense tumores e, finalmente, cancro. Así e como a inhalación deste gas se converteu na segunda causa de morte por cancro de pulmón, só por debaixo do tabaco. Entre os non fumadores, é o principal factor de risco.

A normativa que pide agora aplicar a Comisión Europea fixa o límite nunha concentración de 300 Bq/m3, aínda que algúns estudos recomendan baixar máis este limiar porque o radon residencial duplica o risco de cancro de pulmón nas persoas expostas a niveis superiores a 200 Bq/m3 en comparación cos expostos a niveis inferiores a 100.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego avanza no estudo do cancro de pulmón microcítico, un dos máis letais

Investigadores do IDIS participan nun proxecto nacional para afondar na distribución, tendencias e carga do tumor e así mellorar a supervivencia e calidade de vida dos pacientes

‘Nature’ recoñece un estudo galego sobre mala praxe científica

As retractacións de artigos biomédicos cuadriplicáronse nos últimos 20 anos, segundo a análise liderada polo investigador da USC Alberto Ruano

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Os galegos, os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo

Un equipo da USC estudou a presenza deste gas en 3.100 centros laborais en España. O 89% están radicados en Galicia