Venres 19 Abril 2024

Un estudo da USC pon o foco sobre a presenza do radon nos postos de traballo

A investigación atopa concentracións do gas superiores aos niveis recomendados, o que pode ser un factor de risco para o cancro de pulmón

Desde hai anos, o Laboratorio de Radon de Galicia, con base na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, é un dos centros de referencia para o estudo da presenza deste gas nobre e radiactivo nas vivendas. Galicia, debido ao seu solo granítico, ofrece algunhas das concentracións máis elevadas da península Ibérica, como mostra o Mapa de Radon de Galicia. Ao ser o radon un factor de risco para desenvolver cancro de pulmón (é a primeira causa destes tumores en persoas non fumadoras), os científicos advirten da necesidade de tomar as medidas precisas para evitar a acumulación do gas nas vivendas. Agora, un novo estudo liderado polo investigador da USC Alberto Ruano analiza a situación nos lugares de traballo.

O traballo, publicado en Gaceta Sanitaria, desenvolveuse en seis comunidades autónomas de España, entre elas Galicia, con medicións durante tres meses e en diferentes sectores laborais, como a educación, a administración pública, a sanidade, o sector turístico e outras empresas privadas, coa colaboración de ISTAS, do sindicato Comisións Obreiras. É, segundo Ruano, un estudo piloto que podería marcar o camiño cara a investigacións máis amplas no futuro.

Publicidade

Os resultados teñen como feitos destacables algúns aspectos que subliña Ruano: “Por unha banda, como xa era de agardar, en Galicia atópanse algunhas das concentracións máis elevadas”, cunha media de 251 Bq/m3, e un 46% dos lugares de traballo por riba dos 300 Bq/m3 que marca como máximo recomendado, tanto nestes como en vivendas, a directiva europea 2013/59/Euratom (que debería estar aplicada no noso país desde febreiro de 2018). A OMS indica que, idealmente, a concentración de radon no debería superar os 100 Bq/m3, xa que algúns estudos expoñen que o risco de cancro de pulmón medra ata un 16% por cada 100 Bq/m3.

Por sectores, un 37,4% das medicións realizadas no sector da sanidade ofreceron concentracións superiores aos 300 Bq/m3, seguidos da Administración (23,5%), empresas privadas (22,7%) e educación (22,6%). Subliña Ruano a baixa concentración atopada no sector do turismo, “lóxica”, debido a tratarse de espazos máis abertos, maior ventilación e entrada e saída de persoas, e unha maior presenza de sistemas de climatización.

Por outra banda, a investigación tamén atopou diferenzas notorias respecto ao tipo de construción dos edificios. “No caso das construcións de pedra vimos que os niveis son maiores que nas novas, probablemente non tanto por ser de pedra senón porque son antigas e por tanto cun peor illamento do subsolo “, explica o investigador da USC.

Comproba neste mapa os niveis de radon no teu concello

Ante isto, os científicos galegos advirten, como xa fixeron en ocasións anteriores, que é preciso tomar medidas e facer cumprir a normativa europea, máis no caso de Galicia debido a tratarse dunha rexión con altos niveis de concentración do gas, e así o expón o artigo. “Existe un regulamento obrigatorio no que todas as administracións públicas autonómicas deben manter un rexistro de lugares de traballo onde se deben comunicar as concentracións de radon”, pero segundo denuncia o propio texto, ” a pesar de que pasaron seis anos desde a promulgación desa obligación (chamada instrucción IS-33 do Consejo de Seguridad Nuclear, algunhas rexións nin sequera teñen este rexistro”.

Desde a USC tamén apelan á responsabilidade dos empregadores, sexan do sector público ou privado. “Hai que ofrecerlle aos traballadores as condicións de traballo axeitadas, e iso tamén inclúe ter en conta os niveis de radon”, di Ruano. Neste sentido, destaca que a actitude adoita ser “dilixente” cando as empresas ou administracións deciden facer medicións para tomar as medidas precisas, pero ve preciso, de todas formas, aumentar a concienciación dos empregadores e dos traballadores arredor deste asunto.


Referencia: Indoor radon in Spanish workplaces. A pilot study before the introduction of the European Directive 2013/59/Euratom (Publicado en Gaceta Sanitaria).

1 comentario

  1. Moi bo artigo e moi interesante!
    Ainda estamos pendentes da aprobación definitiva do novo Código Técnico de la Edificación por parte do Ministerio (o borrador xa saiu a principios do ano pasado) que obrigue a tomar medidas en Vivendas novas e en rehabilitacións. Non obstante, faise preciso tomar medidas para minimizar a influencia deste gas mortal.

    Por se fose do voso interese, teño un Artigo no meu Blog no que falo promenorizadamente sobre o Gas Radón e cómo se chega a converter no “inimigo invisible” que entra nas vivendas galegas: https://controlygestiondeobras.es/gas-radon/

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os galegos, os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo

Un equipo da USC estudou a presenza deste gas en 3.100 centros laborais en España. O 89% están radicados en Galicia

Luces e sombras do cribado de cancro de pulmón: “Hai moitos falsos positivos”

O catedrático de Medicina da USC Alberto Ruano cuestiona un procedemento que pode ser moi caro e producir sobrediagnósticos

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo

O 18% das vivendas galegas analizadas superan os límites de radon recomendados pola OMS

O Laboratorio de Radon de Galicia amplía a 6.080 as medicións realizadas en todo o territorio galego