O raro estreptococo que se propaga por Xapón: debemos preocuparnos en Galicia?

O epidemiólogo Juan Gestal chama á calma e apunta que dende a covid a sociedade é “moi sensible ante o anuncio de calquera gromo"

Xapón activou as alertas sanitarias ante a propagación dunha infección bacteriana rara e, en ocasións, moi perigosa. Trátase dunha cepa do estreptococo tipo A (Streptococcus Pyogenes) que se está expandindo de maneira veloz polo país nipón. Non é algo novo, xa que as autoridades o catalagaron hai máis de 30 anos, pero agora preocupa o seu ritmo de contaxio. O ano pasado identificáronse 941 casos desta infección e só entre xaneiro e febreiro deste ano rexistráronse 378. De maneira que todo apunta a que se superarán os datos do exercicio anterior. O epidemiólogo e profesor emérito da USC, Juan Gestal, resalta que de momento se descoñece se é unha cepa nova e chama á calma. “Dende a covid a sociedade é moi sensible ante o anuncio de calquera gromo, como coas pneumonías de outubro en China, pero eran algo propio da época”, apunta.

Aínda que as persoas de idade avanzada son máis vulnerables a esta infección, a cepa do grupo A está provocando máis mortes entre os pacientes menores de 50 anos segundo comunica o Instituto Nacional de Enfermidades Infecciosas (NIID, polas súas siglas en inglés) de Xapón. Das 65 persoas menores de 50 anos ás que se lles diagnosticou co shock tóxico estreptocócico (STSS), a manifestación máis grave da bacteria, faleceron aproximadamente un terzo. Os expertos do NIID explicaron que todavía é cedo para determinar os motivos detrás do repunte de contaxios, e dos 378 casos identificados, notificáronse en 45 das 47 xurisdicións territoriais do país nipón. O organismo comunicou a The Guardian que “aínda hai moitos factores descoñecidos” e que por iso mesmo “non estamos na etapa na que podemos explicalos”.

Publicidade

O estreptococo xa chegou hai moi tempo a Galicia. É a bacteria causante da amigdalite, a farinxite, a escarlatina e pode desembocar en infeccións máis graves como a fascite necrotizante. “Pode haber complicacións, pero a transmisión por gotas da que falan as autoridades xaponesas é sobre o Streptococcuus Pyogenes que afecta á gorxa. Tamén pode habelas por contacto por feridas pero non vai haber unha explosión deste tipo de casos”, alega o epidemiólogo. Para afectar a unha gran cantidade de poboación o contaxio tería que darse de maneira áerea. Unha das posibles causas que alegan os expertos para explicar o gromo actual en Xapón é o levantamento das restricións impostas durante a pandemia de coronavirus. Mentres tanto, as autoridades instaron á poboación a adoptar medidas preventivas como lavar as mans e ter coidado ao tusir, así como vixiar os cortes na pel ou as feridas nas membranas mucosas.

O ministro de Sanidade de Xapón, Keizo Takemi, apuntou que é probable que este gromo estea relacionado cun repunte das enfermidades respiratorias despois da fase postpandémica da primavera pasada. O estreptococo tipo A pode afectar a moitas persoas e manifestarse de maneira asintomática. As bacterias máis contaxiosas poden provocar a morte, sobre todo en maiores de 30 anos. Arredor do 30% dos casos de síndrome de shock tóxico estreptocócico (STSS) provocan a morte e esta é unha das complicacións sanitarias que se están dando no país. O tratamento da infección está baseado na inxesta de antibióticos, e nos casos máis complexos, é necesario extirpar o tecido infectado. Ken Kikuchi, profesor de enfermidades infecciosas na Universidade Médica de Mulleres de Tokio, recoñeceu a The Guardian a súa preocupación polo repunte de casos con infeccións graves. “O estado inmunolóxico das persoas despois de recuperarse da covid-19 podería alterar a súa susceptibilidade a algúns microorganismos. Necesitamos aclarar o ciclo de infección das enfermidades invasivas graves por Estreptococo pyogenes e controlalas de inmediato”, postulou.

Sintomatoloxía

A sintomatoloxía máis común é a febre, dor de gorxa, o avermellamento e a inflamación das amígdalas, a dor ao tragar e pequenas manchas brancas, de pus ou puntos vermellos no padal. Os estreptococos do grupo A viven no nariz e a gorxa e transmítense facilmente a outras persoas. O factor de risco máis común segundo o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC, polas súas siglas en inglés) de Estados Unidos é o contacto próximo cunha persoa enferma. De maneira xeral, segundo ao CDC, unha persoa enférmase entre dous e cinco días despois da exposición á infección. “As complicacións do estreptococo teñen unha frecuencia moi rara. Os especialistas de Xapón aínda non teñen claro de que pode tratarse, non debemos preocuparnos. Hai que esperar e en principio non debe ser motivo dunha alarma especial”, explica Gestal. No caso de que se trate dunha cepa nova, Gestal asegura que “pode chegar” a Galicia, pero o estreptococo tipo A xa chegou hai tempo.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O solpor unirá a Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura o 23 de xullo

O municipio galego acollerá un acto de reunión entre territorios, que visualizarán ao mesmo tempo o solpor e o amencer desas partes do mundo nunha videoconferencia conxunta

Que é o estreptococo ‘carnívoro’ que desata a alarma en Xapón?

O país asiático está a detectar unha tendencia a unha maior circulación dunha cepa hipervirulenta que xa deixa 378 casos no que levamos de ano

De Vigo a Xapón: así se adaptan as comunidades pesqueiras ao cambio climático

A investigadora da UVigo Xochitl É. Elías Ilosvay participa xunto a un grupo de expertos nun estudo na illa xaponesa de Shikoku

Esta é a bacteria que mantén en alerta os pediatras e causou varias mortes en España

Os expertos denuncian falta de datos oficiais e cren que a falta de exposición a patóxenos durante a pandemia provoca o aumento de infeccións por estreptococo A