O solpor unirá a Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura o 23 de xullo

O municipio galego acollerá un acto de reunión entre territorios, que visualizarán ao mesmo tempo o solpor e o amencer desas partes do mundo nunha videoconferencia conxunta

O vindeiro 23 de xullo, poñerase o sol en Fisterra aproximadamente ás 22:00h, xusto no mesmo momento no que sairá na localidade xaponesa de Nachikatsuura, no que serán ás 05:00h xa do día 24 en Xapón. Esta coincidencia, que só se produce dous días ao ano, é o motivo de unión entre ambos territorios, que contemplarán ao mesmo tempo o solpor fisterrán e o amencer nipón, mediante videoconferencia, nun evento que se celebrará simultaneamente nos dous lados do mundo.

O Semáforo de Fisterra será o escenario no que se poderá visualizar esta dobre estampa, nunha pantalla partida que amosará nun lado o sol saíndo polo Océano Pacífico e, no outro, o mesmo sol afundíndose no Atlántico, nun acto que contará con intervencións de representantes de ambos países.

Publicidade

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa, coordinada polo físico e catedrático da USC Jorge Mira, que parte dun estudo seu. O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca: “Queremos celebrar este vínculo que une dous territorios a máis de 10.000 km de distancia”.

A relación entre dúas realidades

Unha unión “que vai máis aló”, apunta Regueira: “Compartimos moito máis que eses dous días nos que coinciden o solpor e o amencer: orgullo da nosa autenticidade como territorio, unha identidade que representa a nosa razón de ser e un respecto absoluto pola contorna. Cuestións que defendemos dende a Deputación como fitos irrenunciables e transversais, e que definen as nosas estratexias turísticas”.

Publicidade

Ademais, ambas localidades comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o vindeiro 23 de xullo en Fisterra celebrarase “a unión entre Fisterra e Nachikatsuura, Galiza e Xapón”, nun evento institucional no que se poderá visualizar nunha mesma pantalla, de xeito simultáneo, o sol nacente xaponés e o mesmo sol desaparecendo en Europa.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Onde se ve o mellor solpor dende o teu concello? Compróbao neste mapa interactivo

A aplicación Sunset Atlas calcula a visibilidade do horizonte nun punto exacto a través de datos do relevo e da vexetación

O cambio climático acaba con toneladas de ostras e mexillóns en Galicia e Xapón

A investigación sobre especies máis resistentes á calor e á baixada de sanidade é un campo que merece máis investimento do que recibe. Por Antonio Figueras

Unha eclipse e o último solpor: a Costa da Morte vivirá un espectáculo astronómico único en Europa

O proxecto Atlantic Sunset sitúa Galicia entre os mellores enclaves do continente para a observación do fenómeno cunha magnitude de totalidade próxima ao 99%

De Vigo a Xapón para estudar novas estratexias naturais contra as mareas vermellas

A investigadora Rocío Blanca Sújar explora o potencial das macroalgas no control tóxico das proliferacións de algas nocivas