A USC aposta polo solpor como recurso económico alternativo ao turismo tradicional 

Os profesores Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois buscan aproveitar a beleza natural das máis particulares postas de sol do Atlántico

Promover a contemplación do solpor como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico é o alicerce do proxecto ATLANTIC_SUNSET, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois. O consorcio integrado por oito institucións de catro países e liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), acaba de obter máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 que ten como obxectivo apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas. Este é unha das cinco propostas para as que a USC recibiu financiamento ao abeiro desta convocatoria.

ATLANTIC_SUNSET é o primeiro proxecto europeo que se desenvolve no marco desta temática e constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible deste recurso fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. De feito, o proxecto, asentado na experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia no ámbito da física e da xeografía, busca “aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial”, explican.

Publicidade

O proxecto constitúe unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol e servirá para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, “considerando a complementariedade temporal e espacial, a inclusión e a innovación social”, afirman os responsables do proxecto.

Orixe

A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de ATLANTIC_SUNSET vincularase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués, alén de “afinar lugares noutras xeografías onde acontece tan particular evento”, engaden. “Isto só sucede en certas localizacións extremas do continente e das illas e cunha estacionalidade moi determinada, converténdoo nun espectáculo que cada ano atrae a máis e máis turistas chamados pola crecente demanda de astroturismo, co compoñente intrínseco de sustentabilidade que esta modalidade implica”, aseguran.

A investigación permitirá afondar nos máis emblemáticos solpores do Espazo Atlántico, os lugares onde o sol se pon máis tarde nun ou máis días durante o año, ademais de analizar o seu impacto no turismo, na cultura e na actividade económica. Deste xeito, identificaranse algúns dos mellores lugares para gozar do intre do crepúsculo, levaranse a cabo estudos en colaboración coas comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e elaborarse un plan turístico que se comercializará entre as redes de visitantes potenciais.

Ademais da USC e da Fundación CEER, integran o consorcio Wireless Galicia e Universidad de Sevilla, en España; Universidade do Porto, en Portugal; Université d´Angers, en Francia; e University of Galway, en Irlanda. Ademais, o proxecto está apoiado por un grupo diverso de entidades asociadas como Turismo de Galicia, CMAT (Costa da Morte), Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwall, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte e Cornwall Council.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago descobre unha nova terapia contra un cancro agresivo de tiroides

Un estudo do CiMUS publicado na revista 'Nature Communications' elimina de forma selectiva as células cancerosas sen danar as sas

O que hai que ter en conta para escoller unhas boas lentes de sol

Hoxe en día podemos atopar lentes de sol a prezos moi alcanzables en bazares ou internet pero a calidade visual que proporcionan é nefasta

Móvese como unha araña e salta para picar: así é a carracha que transmite Crimea-Congo

O período de actividade da especie 'Hyalomma marginatum' en Galicia vai dende abril ata finais de agosto, cunha diminución da poboación nos meses de máis calor

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis