O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), inicia o proxecto de investigación “PALCOS. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega”, financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas do ano 2022.
O proxecto está liderado polo antropólogo e etnomusicólogo Iñigo Sánchez-Fuarros quen, en 2020, incorporouse como investigador Ramón e Cajal ao INCIPIT procedente da Universidade Nova de Lisboa, onde desenvolveu e consolidou unha liña de investigación sobre o impacto do turismo e a xentrificación nos ambientes sonoros da capital portuguesa.
O equipo de investigación está formado por especialistas en antropoloxía, arqueoloxía, xeografía, estudos culturais, arte sonora ou arquitectura, e inclúe investigadoras e investigadores do INCIPIT e doutras institucións nacionais e internacionais, como a Universidade de Oxford, a Universidade de Lisboa, a Universidade de Londres, o Centro de Ciencias Humanas e Sociais (CSIC) e a Universidade de Santiago de Compostela.
Hoxe, luns 10 de xullo, terá lugar a actividade “Palcos con historia. Presentación do proxecto e roteiro polos campos da festa do Eixo”, dirixida ao público xeral e organizada polo INCIPIT en colaboración coa Asociación de Festas de San Cristovo do Eixo. Comezará ás 18.30 horas en Campo do Souto (Lugar Piñeiro Eixo, s/n) e prevese que conclúa ás 20.00 horas cunha visita ao área recreativa de Capela de Piñeiro.
“En Galicia, os palcos de música constituíronse como verdadeiros símbolos da vida en comunidade que se tece ao redor da festa en moitas parroquias e lugares. A súa presenza aínda hoxe en moitos campos da festa testemuña os profundos cambios a nivel social, económico e cultural que sufriron os territorios nos que se sitúan. En certo xeito, son repositorios materiais de memorias e saberes locais, que encarnan modos de facer e construír o espazo da festa. Neste sentido, os palcos de música e a súa contorna construída son bos exemplos desa arquitectura popular que habitualmente queda fóra dos debates patrimoniais ao ser considerados polos discursos autorizados como exemplos de “feísmo” urbanístico e, por tanto, exentos de calquera valor e/o necesidade de protección”, explica Iñigo Sánchez-Fuarros.
Neste contexto, o proxecto pretende mapear, catalogar e documentar os palcos de música construídos entre 1970 e os 2000 por todo o territorio galego, prestando especial atención á localización daqueles palcos máis modestos, eses que foron levantados polas veciñas e veciños con bloques, ladrillos ou encofrados de formigón, revogados ou sen revogar, ornamentados ou sen ornamentar, que estean en bo ou mal estado. O proxecto pretende así mesmo recoller as historias, memorias e relatos que circulan ao redor deles.
Un proxecto con tres fases
O proxecto estrutúrase en tres fases. Na primeira, pretende identificar, documentar e catalogar palcos de música e outros vestixios materiais do campo da festa. Para este fin, desenvolveuse unha plataforma web colaborativa na que calquera persoa poderá identificar, localizar e proporcionar información sobre os palcos de música da súa parroquia ou localidade. Xunto coa Cooperativa Rexenerando, e coa axuda de diversos colectivos, asociacións e institucións que traballan no ámbito do patrimonio, a dinamización comunitaria e a posta en valor do territorio, realizaranse unha serie de talleres orientados a presentar o proxecto e tecer alianzas con potenciais colaboradoras en cada unha das catro provincias galegas. O primeiro deles terá lugar o 19 de xullo na asociación cultural A Gentalha do Pichel no marco da súa Universidade Popular de Verán de 2023.
Nunha segunda fase, profundarase nunha selección de estudos de caso usando metodoloxías de traballo de campo etnográfico co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa. O equipo prestará especial atención a documentar o paso do palco efémero ao palco construído e, deste último, ao palco móbil, e estudar as implicacións que estes cambios teñen na forma de facer e vivir a festa.
Na terceira e última fase, o proxecto terá unha dimensión aplicada que se desenvolverá en estreita colaboración co Laboratorio de Experimentacións Etnográficas (EEL) do INCIPIT, unha recente infraestrutura científico-técnica concibida como un espazo de acción e reflexión sobre novas formas de creación etnográfica baseadas en metodoloxías artísticas, experimentais e multi-modais, e a súa aplicación á cadea de valor do patrimonio. Esta colaboración traducirase na produción dunha exposición final e a activación dalgún dos palcos en desuso.














