Publicidade

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid

Os hospitais de China están colapsados por unha pneumonía infantil de orixe descoñecida. A Organización Mundial da Saúde (OMS), en contacto coas autoridades chinesas, confirma que non se detectaron novos patóxenos, pero si unha circulación de adenovirus, gripe, virus respiratorio sincitial e da bacteria Mycoplasma pneumoniae; sendo todos eles comúns e causantes de infeccións no tracto respiratorio. “É normal que asuste pero, a priori, non hai razóns para a alarma. Sospeitamos que a causa da pneumonía infantil está nos patóxenos habituais”, explica o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital de Santiago (CHUS), Federico Martinón Torres. Apoiándose na información facilitada pola OMS, o experto galego cre que China está a vivir unha situación semellante á de España e Europa o ano pasado, cando se experimentou unha repunta das infeccións respiratorias despois do levantamento das restricións contra a covid.

O abandono das medidas de protección fronte ao SARS-CoV-2 tivo implicacións palpables sobre o resto de enfermidades. A situación derivada da volta á vella normalidade provocou o que, segundo Martinón, se denomina “gap inmunitario”, é dicir, unha fenda na inmunidade. “Durante a pandemia, o coronavirus impediu a circulación normal doutros patóxenos respiratorios e estacionais, producindo unha redución dos casos de enfermidade. Quedou moita xente sen exporse de maneira regular a eses patóxenos”, explica o pediatra do CHUS. Toda esa poboación, especialmente a máis vulnerable como son os nenos e os bebés, non desenvolveron unha inmunidade natural contra os patóxenos máis comúns da nosa contorna, como o virus sincitial e a gripe. Polo tanto, os casos acumuláronse. “Se normalmente tes 10 nenos enfermos, de repente tes 20. Isto explica un pouco o incremento, e tamén o que pode estar acontecendo en China”, argumenta Martinón Torres.

Publicidade

O pediatra do CHUS lembra que na tempada do ano pasado, os hospitais de Galicia, España e do resto de Europa tamén se colapsaron, con gromos de virus sincitial e, incluso, de escarlatina. “Foron intensos e duradeiros porque a xente volveuse expor de novo á circulación de patóxenos, incluída a poboación susceptible. Ademais, todos circularon ao mesmo tempo, o que deu lugar a máis casos de enfermidade. Non necesariamente máis graves, pero si con máis casos, que derivou no colapso a nivel sanitario“, lembra Martinón Torres. Dada a experiencia máis próxima, e seguindo a tese que baralla a OMS, é probable que a “explicación máis razoable” sexa a repunta de enfermidades respiratorias en China pola chegada do frío e pola fin das restricións covid, dado que o xigante asiático tardou bastante máis en recuperar a vella normalidade e optou, durante meses, pola política de covid cero. De todos modos, o pediatra galego é consciente de que a experiencia do SARS-CoV-2 queda moi preto no tempo e considera normal que a situación de China cause preocupación a nivel internacional.

Cales son os síntomas?

O Programa de Monitoreo de Enfermidades Infecciosas (ProMED) foi o primeiro en dar a voz de alarma sobre a repunta de enfermidades respiratorias en China, especialmente cun aumento alarmante dos casos de pneumonía en nenos. Segundo trasladou nos seus informes, os nenos infectados non cursaban con tos, pero si con febre alta. A causa aínda non está identificada de forma oficial, malia que as autoridades chinesas, segundo a última actualización de ProMED, apuntan a “unha combinación de patóxenos coñecidos” como responsables do aumento da incidencia de pneumonía en nenos. Segundo Martinón Torres, todos os que están en circulación segundo a OMS, como a gripe, o virus sincitial e o adenovirus provocan infeccións no tracto respiratorio inferior, provocando diferentes cadros clínicos que poden derivar en pneumonía. “Poden producila virus ou bacterias. Ás veces, incluso por unha colaboración entre patóxenos: o virus comeza a infección e a bacteria aprovéitase”, explica o xefe de Pediatría do CHUS.

https://www.gciencia.com/medioambiental/a-extincion-sen-remedio-da-pita-do-monte-en-galicia/
Federico Martinón Torres, xefe do Servizo de Pediatría do CHUS.

De momento, e segundo confirma Martinón apoiándose na información remitida pola OMS, os únicos afectados pola pneumonía de causa descoñecida son os nenos. “Moitos dos patóxenos en circulación teñen unha especie de valencia e de taxa de ataque na poboación infantil. Hai que esperar a que se coñezan máis datos, pero tamén poden transmitirse aos adultos“, puntualiza o pediatra. Pon o exemplo do virus sincitial, que afecta especialmente aos lactantes e aos nenos de menor idade, pero tamén ás persoas maiores. “Aínda que as patoloxías sexan coñecidas, a capacidade do sistema sanitario é limitada”, apunta Martinón, en relación á situación que está a vivir China. Aínda que hai que agardar a como evolucione a repunta de enfermidades respiratorias, o pediatra entende que o persoal médico chinés estea intranquilo e preocupado, independentemente de cal sexa a causa.

O que aprendemos da pandemia

“Quero pensar que si”, di Martinón, reflexionando se aprendemos algo da pandemia. Falar dunha enfermidade respiratoria de orixe descoñecida en China, retrotrae a un episodio recente da historia: cando un novo virus irrumpiu na provincia de Wuhan e revolucionou o mundo en cuestión de semanas. “A lección máis importante que debemos aprender é que calquera problema en calquera parte do mundo se pode globalizar”, lembra o pediatra galego, instando a manter unha vixilancia ininterrompida do que aconteza en cada punto do globo. De momento, Martinón mantén a calma ante a pneumonía que pon en alerta a China, e asegura que a situación non reviste maior preocupación nin gravidade. Polo menos de momento. Iso non implica, di o experto, que non haxa que seguir mantendo unha vixilancia exhaustiva dos virus que circulan, desenvolver plans de continxencia e, sobre todo, aprender o sucedido: “Non hai que ser agoreiros, pero si realistas. Debemos entender que nun mundo globalizado, calquera problema se volve internacional”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous estudos da USC logran avances cruciais no diagnóstico da pneumonía pediátrica

As investigacións lideradas polos profesores Antonio Salas e Federico Martinón mellorarían a precisión, personalización e eficacia dos tratamentos

Descuberto en China un novo virus do mesmo xénero que Crimea-Congo transmitido por carrachas

O patóxeno emerxente, denominado Xue-Cheng pola cidade onde foi descuberto, provocou dende febres agudas ata ingresos hospitalarios en 25 pacientes

É perigoso o virus respiratorio está a desatar a alarma en China?

A maioría de persoas poida que non oísen falar do metapneumovirus humano, mais é moi probable que estivesen infectadas por el nalgún momento

Un ensaio probará a vacina antigripal de alta carga en galegos de 65 a 79 anos

A segunda fase do estudo clínico GalFlu está dirixido a 70.000 persoas e nel participan a Consellería de Sanidade e o IDIS