Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia

As intelixencias artificiais están revolucionando a medicina. Son capaces de distinguir tumores a nivel de expertos e identificar alteracións que o ollo humano non é quen de percibir a simple vista. Marisol Soengas, microbióloga e referente mundial na loita contra o melanoma, considera ilusionantes estes logros e explica que o futuro da oncoloxía está rexido pola visualización das células en zonas temperás, onde ciencia se adiante ao cancro e lle gañe o pulso. Soengas é investigadora no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e apunta que en Galicia hai moito potencial, aínda que debería mirar para outras comunidades e investir en infraestruturas para poder ser máis competitivos.

Na seguinte conversación falamos coa microbióloga do lugar que ocupa a nosa comunidade na investigación oncolóxica, as súas maiores eivas e fortalezas e tamén da falta de mulleres na ciencia en postos de responsabilidade.

Publicidade

—Cal é o espazo que ocupa Galicia na investigación contra o cancro?

—Nós somos a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA). Temos aproximadamente 1.500 socios. O terceiro grupo de socios máis importante é de Galicia. Temos en Madrid, Barcelona, en todas as comunidades. Hai investigadores motivados, moi activos a nivel científico e divulgativo. No eido do cancro en particular é moi importante en biomedicina, nanomedicina, biopsia líquida e distintos ámbitos da intelixencia artificial. Hai potencial. O que ocorre é que falta investimento e xestión. Iso non o dicimos nós, acaba de saír un informe da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) onde se detectou que Galicia está moi por detrás en inversións en I+d+i. Tamén hai que facer un esforzo en infraestruturas e implementar tecnoloxías que aínda non están operativas en Galicia. Hai grandes centros de excelencia, pero que podería haber máis.

Publicidade

—En que medida nos limita todo isto?

—Limítanos de maneira inmediata. Se non tes unha do investimento, infraestruturas sen conexión entre centros básicos e clínicos, o que ocorre é que xa non eres competitivo a nivel non só nacional, senón internacional. Se queremos chegar a grandes estudos colaborativos hai que partir dunha base sólida. Tamén afecta ás persoas afectadas con cancro. No informe da AECC, vese que Galicia ten unha poboación moi envellecida. Somos das primeiras comunidades en mortalidade por cancro. Hai que implementar mellores medidas de cribado, diagnóstico e tratamento. En Galicia, pola nosa idiosincrasia, preocúpanos que o acceso non sexa equitativo. Non é fácil para moita xente poder desprazarse. Hai tratamentos que chegan tarde a España, pero aínda máis a Galicia.

Hai tratamentos que chegan tarde a España, pero aínda máis a Galicia

—Despois da pandemia, que lles fai falta aos políticos para mudar o rumbo e investir en ciencia?

—É algo que non entendemos. Cando veñen as eleccións e en momentos de crise como foi a covid pedíase case resposta inmediata a solucións a problemáticas que estaban aí. Os políticos teñen que entender que para poder responder en situacións de crise dunha maneira rápida e efectiva debe haber un substrato. Para recoller hai que sembrar antes. Aos políticos fáltalles entender que a ciencia non é gasto, é inversión. É beneficioso para o sistema nacional de saúde e para as empresas. É rentable a todos os niveis.

—Comentaba antes a importancia de construír unha base sólida en investigación para reter talento. Agora mesmo non hai boas oportunidades?

—En Galicia hai centros singulares e potentes en Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense… o número de posibles investigadores é grande, e de feito temos moitos socios da ASEICA que traballan en cancro e que son de Galicia. A administración galega está facendo un esforzo por mellorar. Ás veces aspírase a traer grandísimos talentos internacionais, que tamén é beneficioso, pero sería tan importante ou incluso máis outro tipo de programas como teñen en Cataluña, como o programa ICREA, que pretenden atraer a investigadores que están comezando e que teñen un gran potencial. Galicia ten que mirar para outras comunidades e implementar as mesmas políticas. Fondos hai, reducidos, pero hai que distribuílos mellor.

—A intelixencia artificial está revolucionando a medicina. Como o está facendo na oncoloxía?

—Por unha parte, e é moi ilusionante, hai plataformas de análise de datos que son capaces, a partir de miles de centos de mostras de histoloxía, de distinguir lesións benignas de malignas. E cunha eficacia a nivel de expertos en patoloxías. O que ocorre é que estes programas que están aprendendo de intelixencias artificiais entrénanse con mostras perfectas, cunha calidade excepcional, moi sistematizadas. Unha vez que se pasa ao día ao día, as fotos que se toman nunha consulta por centros de saúde que non teñen experiencia, a fiabilidade é baixa. Hai que mellorar aínda a parte da captura de imaxe e a análise. Tamén estase utilizando para identificar patróns e alteracións dos propios tumores que nón non somos capaces de ver a simple vista. Estes programas van máis alá. Hai publicacións que apuntan que son capaces de establecer patróns que intentan predicir o risco de desenvolvemento de cancro. Tamén permítennos grandísimas bases de datos. Hai que facer unha chamada ás novas vocacións, hai moitas saídas en aspectos de matemática, enxeñería, física, para homes pero tamén para mulleres. Que elas se animen a incorporarse ás profesións STEM.

—Vostede sempre reivindicou o papel da muller na ciencia e xa só pola súa carreira está abrindo paso a moitas futuras científicas. É bastante común atoparnos nos congresos, simposios, incluso premios, un espazo específico para as mulleres na ciencia. Parece que non chega o momento no que estea normalizado que as mulleres forman parte do progreso científico e teñamos que deixar de explicar por que eses lugares tamén nos pertencen. Estamos aínda moi lonxe de chegar a esa situación?

—Estamos a un 70% de lonxe. Están mellorando as cousas, pero dunha forma máis lenta do que queremos. Hai mulleres que comezan medicina, tanto a nivel das universidades, como nos centros hospitalarios, pero vemos que en postos de responsabilidade non somos máis do 30%. As mulleres todavía non copan os postos de reitora ou de directoras de centros, aínda que Galicia é un pouco unha excepción, porque os institutos sanitarios si que están dirixidos por mulleres. En xeral, é impensable que non se intente un equilibrio entre home e mulleres nos congresos. Se vemos que unha sesión está masculinizada moistas asociacións imos protestar. Iso xa calou en xeral nas organizacións destes eventos.

En postos de responsabilidade, as mulleres non somos máis do 30%

—Vostede traballou con Margarita Salas. De que maneira lle marcou a súa figura?

—Margarita era unha persoa seria, no sentido de que para ela o importante eran os datos, a investigación. Nunca fixo unha distinción entre homes e mulleres. Para min a normalidade de ter unha xefa muller foi moi importante. Era o mellor laboratorio de investigación en bioloxía molecular naquel momento porque atraía ás mellores promocións de todas as áreas de España e a nivel internacional, e estaba moi ben estruturado. Sabía delegar moi ben, é unha cousa que eu aínda non conseguín. Tiña a investigadores sénior nos que confiaba plenamente, e estes eran os que nos supervisaban a nós, os que estabamos comezando. Todos viaxamos por distintos países e agora vemos que as xeracións agora están máis reticentes a saír, e iso que teñen máis oportunidades das que tivemos nós. O que adoito dicir é que si que está moi mal pagado, que é frustrante porque enfrontámonos moitas veces a experimentos que non funcionan. Temos que facer un poco de pedagoxía nas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia. A pesar destas dificultades, non cambiaría esta profesión.

—Que novos enfoques destacarías para o tratamento do cancro ademáis das técnicas de intelixencia artificial?

—Estase traballando por unha banda na visualización das células tumorais, en métodos de cribado e de identificación de marcadores en imaxe molecular para visualizar as células nas fases iniciais. Os tratamentos están intentando perseguir e atacar ás celulas tumorais antes de que se diseminen polo organismo. Intentar conxelar as células e identificales antes que de se diseminen. Estase avanzando moito a partir destas análises de grandes grupos de pacientes. Queremos ser capaces de dirixir mellor os tratamentos, ter unha medicina moito máis precisa, non só para atacar a célula maligna, senón para combater todo o mecanismo de soporte da célula. Están descubrindo novas formas de mellorar a activación do sistema inmunitario para que reaccione e ataque ás células tumorais. En resumidas contas, reducir os efectos secundarios, estender o tempo da duración dos tratamentos e a memoria inmune, que ocorra unha reactivación no tumor e que o sistema inmunitario sexa capaz de atacalo inmediatamente.

—O melanoma pódese controlar?

—Pódese controlar se se identifica a tempo, é un tumor moi particular. Lesións de máis dun milímetro de grosor teñen a capacidade de diseminación de metástase. Pero se este tumores se eliminan por cirurxía a tempo, a resposta é que máis do 90% dos pacientes van sobrevivir. O problema é que ese tempo de detección é curto. Hai uns 15 anos non había tratamentos e só respondían un 10% dos pacientes, e agora grazas á investigación temos a un 60-70% dos pacientes respondendo en estes ensaios que consiguen tratalos en fases más temperás.

—Como se relaciona na oncoloxía o cancro e o cambio climático?

—O cambio climático tennos que preocupar sexamos ou non científicos. No campo do cancro fálase menos do cambio climático, fálase máis dos efectos da alimentación ou da exposición solar, pero todo isto está relacionado co cambio climático. Temos máis horas intensas de sol e iso está aumentando a incidencia do cancro de pel. Pero o cambio climático afecta a aspectos da microbiota, de bacterias, microorganismos, e a nivel do intestino das mucosas, nas bacterias do tumor… Tamén está influíndo no tempo de resposta ás terapias. Hai resultados que mostran que a dieta mediterránea sempre foi, a nivel de saúde, moito máis beneficiosa, pero por exemplo dietas ricas en fibra responden mellor á inmunoterapia. Entón si que hai unha aplicación. Non tanto como cambio climático, pero si a actitudes de comportamento social.

—Como valora a divulgación científica?

—Para min é esencial. Isto apréndelo cando chegas a Estados Unidos e te das de conta de que podes estar traballando no laboratorio conseguindo resultados importantísimos, pero hai que comunicalos. Primeiro á comunidade científica, queiramos ou non, a nosa carreira depende das publicacións científicas. Hai que comunicar tamén ás axencias investidoras. Unha persoa que comunica ben a ciencia ten máis posibilidades de conseguir máis proxectos. Temos que comunicar a nivel social, tamén. A min preocúpame que a xente non entenda que hai que ir a facerse unha mamografía de forma necesaria a partir dos 40-50 anos porque iso pode reducir a incidencia de cancro. Temos a responsabilidade de comunicar a ciencia asequible de maneira fiable. E aquí temos que falar das pseudociencias, preocúpanos moito. As redes sociais consideron democratizar o acceso á información e hai moita que non é fiable. E incluso por culpa de xente que se presenta como experta en materias de saúde. Hai unha falta de cultura científica en divulgadores que non son profesionais. A nivel de profesionalización de xornalismo científico, en Galicia sodes moi potentes e temos que felicitarvos. Vemos por redes sociais desinformación que confunde e complica os tratamentos porque a xente deixa de tratarse con terapias aprobadas e proba cousas moi esotéricas que está demostrado que non funcionan. Vémolo Nos supermecados incluso con cremas, que venden expectativas como eliminar as engurras en dous meses, e todos sabemos que iso non é así.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación