Dos antigos lazaretos galegos ás modernas unidades de illamento: así evolucionaron as corentenas

San Simón, Tambo e o castelo de Oza funcionaron como centros sanitarios que illaban os pasaxeiros e a tripulación dos barcos para evitar a expansión de enfermidades infecciosas

A ría de Vigo acolle augas adentro un pequeno arquipélago composto polas illas de San Simón e San Antón, comunicadas entre elas por unha ponte de pedra franqueada por dúas impoñentes estruturas. Hoxe non existen obstáculos para cruzar dunha illa a outra, pero no século XIX había dous grandes portais que impedían o paso por unha simple cuestión de saúde pública. O arquipélago, ao igual que a illa de Tambo e o castelo de Oza, funcionou como lazareto durante boa parte do século XIX. Alí recalaban barcos, moitas veces procedentes de América, para realizar unha corentena e evitar a expansión de enfermidades infecciosas como a febre amarela e o cólera entre a poboación. Hoxe xa non existen os lazaretos, pero si sofisticadas unidades de illamento como a do hospital militar Gómez Ulla, en Madrid, no que permanecen catorces españois —entre eles un galego— en corentena a causa do gromo de hantavirus no cruceiro MV Hondius.

As imaxes da evacuación dos pasaxeiros durante a pasada fin de semana son unha boa mostra das estritas medidas de seguridade que se toman en crises de saúde pública como a do hantavirus, con sete casos confirmados e tres falecementos. O uso de máscaras e equipos de protección individual (EPI) evitan, entre moitas outras medidas, a transmisión dunha enfermidade vírica que, aínda que non é facilmente transmisible entre persoas, ten unha taxa de letalidade que pode acadar o 50%. Dende que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarara o gromo por hantavirus o 3 de maio, o MV Hondius funcionou como un “lazareto”, ata que se iniciou a evacuación dos pasaxeiros tras recalar o barco en Tenerife o domingo 10.

Publicidade

A illa de San Simón

Galicia pode rememorar con relativa facilidade a historia dos lazaretos, que sempre se instalaban en zonas afastadas dos núcleos de poboación e, sobre todo, nos portos, polo que as illas eran un escenario perfecto. O máis coñecido e o que máis tempo estivo en funcionamento foi o do arquipélago de San Simón, que se inaugurou entre os anos trinta e corenta do século XIX co obxectivo de reducir a carga do lazareto de Maó, en Menorca, que ata o momento era o único que había en España. O centro balear xa non só estaba saturado, senón que atendía fundamentalmente ao Mediterráneo, polo que un novo punto para recibir pacientes dende o Atlántico, sobre todo de América, era unha decisión necesaria. “Foi un importante e custoso proxecto de enxeñaría e arquitectura que permitiría a transformación da illa nun centro sanitario”, sinalan dende a web de Cultura da Xunta.

Pouco tempo despois de que entrase en funcionamento, decidiuse aproveitar a división das illas de San Simón e San Antón para acoller na primeira aos pasaxeiros sans e, na segunda, aos enfermos. A ponte que unía un centro con outro tiña dobre entrada para evitar na medida do posible a propagación das enfermidades infecciosas, e só podían acceder á segunda illa as monxas que coidaban dos doentes. Debido a esta dobre funcionalidade, o arquipélago foi modificando a súa arquitectura, ao construír instalacións tanto para os enfermos como para as persoas que recalaban na illa e permanecían sas ata pasar a corentena e a inspección sanitaria pertinente. Non obstante, o lazareto pechou as súas portas en 1927, ao igual que outros centros semellantes, debido aos cambios no tratamento e prevención de enfermidades infecciosas.

Publicidade

Vista das illas de San Simón e San Antón.

O castelo de Oza

A provincia da Coruña tamén tivo un lazareto que marcou a última década do século XIX e se instalou no antigo castelo de Oza. Segundo un artigo publicado na revista Eviterna polo investigador da Universidade de Santiago (USC) Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, o centro coruñés estivo en activo dende o 1889 ata o 1903. “A súa función destinouse á observación e tratamento das persoas e mercadorías que chegaban ao porto herculino nos buques, sendo sospeitosas ou estando infectadas principalmente por cólera morbo asiático, febre amarela ou peste levantina“, sinala no artigo. O enclave era idóneo porque estaba moi resgardado e entre os cabos de Fisterra e Ortegal non había ningún lazareto.

Un dos casos máis polémicos do centro de Oza foi o do buque La Navarre, que transportaba a case 800 pasaxeiros cun gromo de febre amarela. “O capitán do barco fuxiu do lazareto polas rúas coruñesas sen permiso de saída, un feito que causou gran rebumbio na poboación”, apunta o artigo. O suceso aconteceu en 1894, un ano antes de que se adquirise un aparello para a desinfección de espazos e obxectos que estiveran en contacto con persoas infectadas: “Eliminábanse aqueles microorganismos que poderían conservarse en chans, paredes ou teitos”. Mais a vida do lazareto de Oza non foi moi longa e pechou tras a Convención Sanitaria Internacional de París de 1903, na que se expuxeron novas teorías médicas e se obrigou a suprimir este tipo de centros, agás os de San Simón e Maó.

A illa de Tambo

Na ría de Pontevedra tamén houbo un lazareto, aínda que con menos tráfico que o de San Simón. O lugar elixido para o centro sanitario, que acollía sobre todo aos barcos que querían recalar en Marín, foi a enigmática illa de Tambo. Pensouse neste enclave porque en 1855 houbo un gromo de cólera e o gremio de mareantes de Pontevedra estableceuse na illa, polo que se suxeriu crear un lazareto que estivo en funcionamento dende 1866 ata 1879. As súas instalacións respondían á mesma lóxica que a do arquipélago de San Simón, cunha área para persoas sans ou asintomáticas, e outra para as enfermas. A terminoloxía empregada é o suficientemente ilustrativa: a zona limpa fronte á zona sucia.

Unha reportaxe publicada na web Cruceiros Rías Baixas baralla varias hipóteses que xustifican o peche do lazareto. En primeiro lugar, o escaso tráfico en comparación con San Simón: en 1879 recalaron en Tambo 94 barcos fronte aos 684 do arquipélago da ría de Vigo. Por tanto, non semellaba ser un negocio rendible. Outra das posibilidades é que os pescadores de Combarro faenasen na zona, estivesen en contacto con algúns enfermos e, por tanto, contribuísen á expansión da infección no continente. De ser así, o lazareto non cumpría coa súa función de cordón sanitario.

Os “lazaretos” de hoxe

Posto de control no hospital Gómez-Ulla. Foto: vídeo da inauguración da UATAN en 2015
Posto de control no hospital Gómez-Ulla. Foto: vídeo da inauguración da UATAN en 2015

Os 14 españois que viaxaban a bordo do MV Hondius, entre eles o ornitólogo galego Ricardo Hevia, están illados no hospital Gómez Ulla de Madrid onde cumprirán unha estrita corentena ata o 17 de xuño. Este centro sanitario conta cunha Unidade de Illamento e Tratamento de Alto Nivel (UATAN), concibida especificamente para tratar casos de enfermidades infecciosas de alta transmisibilidade, elevada letalidade ou de risco biolóxico significativo, como acontece co ébola, co virus de Crimea-Congo ou co propio hantavirus. Amais da unidade instalada no Gómez Ulla, hai outras seis localizadas en Andalucía, Canarias, Cataluña, Valencia, Madrid e País Vasco. Todas elas contan con varias habitacións individuais; pequenas fortalezas de alta seguridade.

En Galicia non existen unidades destas características, tal e como confirma a Consellería de Sanidade. Porén, conta con outras medidas intermedias: “A comunidade galega dispón nos seus hospitais de habitacións de illamento para empregar neste tipo de situacións no período que pasa dende que se produce a sospeita de infección ata que se confirma o diagnóstico e, entón, se traslade ao paciente ás unidades de illamento establecidas na rede UATAN”. Un protocolo creado ao milímetro que naceu froito da crise do ébola de 2014, tras o contaxio da sanitaria galega Teresa Romero mentres atendía un paciente enfermo. Todas son historias que tecen a historia recente, e que se remontan aos vellos lazaretos en ruínas nos que ruben as hedras de Tambo, Oza e San Simón.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española