Poder feminino na Compostela medieval: da asistencia social ao impulso de obras públicas

A investigadora da USC María Luz Ríos constata que as mulleres das familias ricas e nobres exhibían o seu elevado status pero tamén facían outras tarefas, como a xestión de hospitais

As mulleres das familias fidalgas e burguesas tiveron un papel importante na sociedade santiaguesa na Idade Media. Nela foron quen de exhibir o seu status social e preservar a súa memoria e a da súa liñaxe a través de accións como a promoción da asistencia social, fundando e xestionando hospitais ou lembrándose das persoas menos favorecidas nas súas mandas testamentarias. Así o explica María Luz Ríos Rodríguez no libro Mujer, vida y memoria en la Compostela medieval, que publicou recentemente Edicións USC.

Ríos Rodríguez, doutora en Historia Medieval pola USC, culminou a súa traxectoria docente e investigadora como catedrática de Historia Medieval na Universidade compostelá. Nesta obra analiza polo miúdo os datos que achegan os documentos da época para poñer no foco de atención o papel social das mulleres das familias máis relevantes da cidade, tema que non fora suficientemente estudado pola historiografía ata tempos recentes. Segundo explica, os seus roles “son semellantes aos das mulleres de familias ricas e nobres doutros puntos de Galicia”, mantendo sólidas relacións sociais; son conscientes, ademais, do seu elevado status, e de que a súa imaxe é relevante para mostrar o seu poder: a súa elevada posición na sociedade transmítese a través de detalles coma as doas —adobíos e xoias— das damas, as súas vestiduras ou os lugares onde viven ou onde se enterran, ás veces coa elevación de monumentos funerarios.  

Publicidade

Preservación da memoria familiar

Pero o feito de que sexan mulleres nunha boa posición social non quere dicir que esqueceran as persoas menos afortunadas: “Promoven a realización de obras de asistencia social ou fundacións relixiosas como igrexas e mosteiros, e aseguran con elas a preservación da súa memoria e da súa liñaxe”, ao tempo que “buscan a súa salvación espiritual” nunha época na que a relixión xoga un papel moi relevante na vida individual e social; ademais, nos seus legados testamentarios non esquecen as persoas desfavorecidas. Pero tamén procuran a realización de obras públicas como as relacionadas coa condución de augas, caso de Maior Aras, que por un lado benefician a toda a cidadanía pero por outro tamén lle supoñen unha mellora nas súas propiedades, xa que posúe hortas fóra das murallas compostelás que recibirían así auga para a rega.

O cambio tras a implantación do dereito romano

O poder feminino descansa en bens mobles, inmobles e semoventes. A orixe dos bens e o status social marca a diferente capacidade de uso: por exemplo as mulleres casadas reciben un dote como arras do seu marido ou da súa familia; estes dotes son de libre disposición das mulleres, pero ten que consentir o uso dos bens o seu marido. O poder que posúen as mulleres de maior status social, con todo, diminuirá a partir do século XIII cando se implanta para a distribución das herdanzas o dereito romano, que non é igualitario e que permite establecer unha mellora para un dos herdeiros, que frecuentemente será un varón. A pesar diso, hai casos coma o de Sancha Martín de Tudela que establece a mellora sobre a súa filla María.

Publicidade

O papel das mulleres compostelás no complexo sistema de asistencia social da cidade medieval foi moi importante: á beira das iniciativas da Igrexa sitúanse as de monarcas e nobres, e desde o século XII a burguesía súmase e mulleres e homes atenden por igual as necesidades da poboación máis desfavorecida: viúvas, orfos, pobres e peregrinos, sobre todo. As mulleres son quen de xestionar establecementos coma o Hospital Maior, que estaba situado entre San Martiño Pinario e a Acibechería e cuxa portada preside hoxe a fachada principal de San Xerome, o edificio do reitorado da USC; Elvira Pego xestiona ese hospital arredor de 1480.

María Luz Ríos Rodríguez estudou a biografía das compostelás máis relevantes na Idade Media.

Mulleres relevantes

Na segunda parte do volume Luz Ríos presenta a historia de mulleres concretas. Entre elas podemos citar a Teresa Sánchez de Ulloa, dona do cambiador Pedro Vidal: un casamento que exemplifica ben a unión entre burguesía e fidalguía, pois os privilexios das familias nobres eximen os burgueses de pagaren impostos; ou Leonor González, que levanta unha capela no cemiterio de Santiago na Quintana de Pazos, cuxo tímpano está hoxe no Museo da Catedral.

Outra figura salientable da época medieval é Teresa Sánchez de Gres, santiaguesa que enraíza por matrimonio nas terras de Deza e Orcellón, outorga testamento en Santiago pero lembra nel o clero pobre e os campesiños daquelas bisbarras. E Marina Fernández de Tudela, “unha muller de extraordinaria determinación”, funda un hospital para pobres en Santiago, en Santa Cristina da Pena, en 1333, e dótao con rendas que producen propiedades situadas arredor da cidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non estaban tolas

Rescatados 23 testemuños de violencia machista dos arquivos do psiquiátrico de Conxo

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Mesa redonda: como derrubar os estereotipos da muller científica

A segunda sesión do ciclo contará coa participación das investigadoras galegas Laura Castro, Gloria González e Beatriz Fernández