Es o que comes: unha base de datos permite estudar como rematan os microorganismos dos alimentos no noso microbioma

O estudo, feito por investigadores do CSIC, abre ás portas a avaliar a autenticidade e orixe dos produtos de consumo humano a través da xenética

Un equipo internacional de investigadores desenvolveu unha base de datos do microbioma da comida mediante a análise dos metaxenomas (termo que designa todo o material xenético do conxunto de microorganismos dun ambiente) de centos de alimentos.

Así, identificaron 10.899 microbios asociados a estes produtos, a metade dos cales eran especies descoñecidas, e mostraron que os microorganismos asociados explican o 3% do microbioma intestinal dos adultos e o 56% do microbioma intestinal infantil. O estudo publícase na revista Cell e a base de datos está accesible como un recurso de acceso aberto.

Publicidade

Os novos datos permiten identificar e controlar os microorganismos indesexables, estudar o movemento dos microbios ao longo da cadea alimentaria e a propagación de xenes de resistencia a antibióticos, ademais de mellorar os atributos saudables dos alimentos, entre outras aplicacións. Denominada Curated Food Metagenomic Database (CFMD), é froito do maior estudo sobre microbiomas de alimentos realizado ata o momento.

“Este recurso marcará un fito na investigación na microbioloxía dos alimentos”, sinala Abelardo Margolles, investigador do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias (IPLA-CSIC), que participou na súa elaboración. “Este recurso axudará aos expertos a enfrontar retos que ata o de agora eran moi difíciles de abordar debido á escaseza de metaxenomas de alimentos dispoñibles nas bases de datos.”

Publicidade

Secuenciación xenética masiva

A base de datos CFMD é froito do traballo do consorcio internacional MASTER, que analizou máis de 2.500 metaxenomas asociados a alimentos procedentes de ata 50 países, incluídos 1.950 metaxenomas secuenciados por primeira vez. Contén datos sobre 3.600 especies microbianas, incluíndo máis de 200 novas especies.

“Aproximadamente dous terzos das mostras foron de produtos lácteos e das instalacións nas que se elaboran; e analizáronse tamén bebidas e carnes fermentadas, entre outros alimentos”, indica Margolles.

“Os microbios alimentarios poden ter un impacto positivo na produción de alimentos ou negativo -debido ao seu deterioro ou á súa implicación na transmisión de enfermidades”, engade. “Tradicionalmente, os microorganismos alimentarios estudáronse cultivándoos en caldos ou placas de Petri, pero este proceso é lento e non todos os microbios son cultivábeis”.

A identidade microbiana dos queixos artesáns

O traballo do CSIC centrouse na análise de queixos artesanais asturianos. “Analizáronse ambientes de 28 queixerías pertencentes á Asociación de Queixeiros Artesáns do Principado de Asturias, e comprobouse que os queixos de cada instalación teñen características únicas”, revela Margolles.

“Isto é importante porque poderíase asociar a especificidade e a calidade dos alimentos locais ao seu microbioma, e mesmo posibilita utilizar o metaxenoma como un marcador de autenticidade do alimento, representado unha poderosa ferramenta para garantir a súa rastrexabilidade e orixe”, conclúe.

Referencia: Unexplored microbial diversity from 2,500 food metagenomes and links with the human microbiome. (Publicado en Cell)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Por que estudamos mutantes en bioloxía?

En bioloxía, usamos mutantes para entender como funcionan as células e que pasa cando algo falla