GCiencia inicia un percorrido en pódcast pola historia do Antigo Reino de Galicia

`Bailando con Reis e Raíñas' estará dispoñible luns, mércores e venres en distintas plataformas, integrado nun proxecto divulgativo audiviovisual

O pódcast forma parte dun proxecto que se completa con reportaxes escritas e audiovisuais.

GCiencia inicia o próximo luns o proxecto Reino de Galicia, unha iniciativa xornalística multimedia creada para divulgar a historia medieval galega desde unha perspectiva actual e descentralizada. A acción, que se desenvolve da man da Deputación provincial da Coruña, incluirá reportaxes escritas e audiovisuais, e un pódcast de 15 episodios titulado Bailando con Reis e Raíñas. Desde o luns 10 de outubro emitíranse os capítulos desta viaxe que permitirá a un público xeralista como o de GCiencia coñecer a rica e peculiar crónica do medievo galego e os seus antecedentes e derivacións, desde as súas raíces coas tribos que habitaban na Gallaecia, ata a desaparición da Xunta do Reino de Galicia coa reforma liberal de 1833.

A proposta de GCiencia foi premiada polo xurado creado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña e terá forma de microsite dentro de GCiencia, no que funcionará como un gran repositorio dos contidos dixitais multimedia.

O pódcast Bailando con Reis e Raíñas será o elemento central, con tres capítulos semanais que se publicarán luns, mércores e venres. O seu obxectivo é divulgar a historia do Antigo Reino de Galicia entre un público non especializado, pero con interese nas ciencias, incluídas as sociais. Dirixido e presentado por Víctor López, xornalista licenciado en Historia, botará man dunha orientación desenfadada, buscando o lado lúdico e divertido da historia, e co apoio de música galega actual, para evitar a imaxe afastada e aburrida que ás veces transmite a historia antiga e medieval.

Os novos trobadores poñen a banda sonora

“Os trobadores da nosa época son Grande Amore, Sleepy Spice, Lucía Aldao, Guadi Galego, Berto, Néboa, Antía Muíño… Conxugalos coa nosa historia antiga é unha forma de actualizar a partitura das nosas cantigas medievais e de poñer ao Reino de Galicia unha banda sonora actual”, afirma o director de Bailando con Reis e Raíñas, que vén de ser finalista dos premios Martín Códax da Música co espazo musical Ondas Indies.

O pódcast, de 15 episodios, está dirixido por Víctor López, xornalista licenciado en Historia

A selección de temas que tratarán os capítulos do pódcast, que terán entre 30 e 45 minutos de duración, rexerase por un enfoque social, que poña en valor a mirada galega cara á súa propia historia, o papel das mulleres na historia e a súa ausencia no relato oficial. “O papel das mulleres, a pesar de estar nunha sociedade claramente rexida por homes, é moito máis protagonista do que a historia nos amosou. As Castro, as Guterres, eran mulleres que como raíñas adoitaban ser moito máis cultas que os homes, pois non tiñan que loitar nin prepararse para a loita, polo que aprendían a ler, idiomas, música, a tocar un instrumento… Os mosteiros, conventos, abadías e demais variantes eran en moitos casos o derradeiro reduto de poder e liberdade feminino. Moitas mulleres que non querían casar e ter unha vida dependente dun marido, pai ou irmán, ingresaban nun convento. Especialmente mulleres nobres, claro, pois tiñan que contribuír coas súas posesións”, destaca López.

Os audiovisuais —que se publicarán durante catro domingos, a partir do 16 de outubro— consistirán en reportaxes de ao redor de cinco minutos de duración con similares obxectivos, que servirán para complementar os episodios dos distintos programas do pódcast. Cada un deses capítulos virá acompañado dunha reportaxe que se publicará en GCiencia, na que se inserirán os contidos audiovisuais. Toda a oferta de Reino de Galicia estará tamén dispoñible nas distintas redes sociais de GCiencia, que suman máis de 110.000 seguidores, así como no boletín diario do portal da ciencia galega, que supera os 2.500 subscritores.

A historiografía española ocultou a Galicia no seu relato

Segundo o director de Bailando con Reis e Raíñas, esta contribución é fundamental para trocar o agochamento que a historiografía española fixo do Antigo Reino de Galicia. “A historia de Galicia é descoñecida pola maior parte dos galegos. O problema de base é a ocultación que a historiografía española fixo para o seu relato de Estado. Os plans de estudos da Ensinanza Secundaria e da Universidade non contemplaron antes nin agora como materias troncais, nin como temas independentes, os sucesos acontecidos nos trece séculos da historia do Reino. Din que un pobo que non coñece a súa historia está condenado a repetila. Confiemos en que esta frase nos permita entender que Galicia non debe quedar máis marxinada da historia peninsular. Os pasos son lentos si, pero pouco a pouco vanse dando”.  

A serie de reportaxes escritas respectarán o estilo divulgativo característico de GCiencia, considerado en 2019 o Mellor Novo Medio de Divulgación do Estado polo xurado dos premios Prismas, o máis importante dos que se reparte no campo da difusión da cultura científica en España. Con ata 5,5 millóns de visitas mensuais, GCiencia é o primeiro dixital galego en redes sociais e conta con outros galardóns, como o Premio da Crítica de Galicia e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.