Un potente anticiclón anticipa a primavera en Galicia e eleva os termómetros ata os 21 graos

A AEMET advirte que as temperaturas son "extremadamente cálidas" para esta época, que debería ser a máis fría do ano

A segunda quincena de xaneiro debería de ser a época máis fría do ano, pero os termómetros de 2024 non fan honor ao calendario. Un potente anticiclón, acompañado dunha masa de aire subtropical, está anticipando a primavera en Galicia e no resto da península, rexistrando valores que superan os 20 graos e que se consideran inusuais para esta época do ano. De feito, segundas as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), este venres dispararanse os termómetros e rexistraranse temperaturas “extremadamente cálidas para estas datas” segundo o índice EFI. En Galicia, Vigo e Pontevedra acadarán os 20 graos e o resto de cidades galegas roldarán os 19.

“Unha situación como a actual, de ocorrer en verán, daría lugar a unha importante onda de calor con excesos térmicos marcados”, di o meteorólogo Duncan Wingen nun artigo publicado en Meteored. Segundo explica o experto, os termómetros están unha media de 10 graos por enriba do que sería esperable para a segunda quincena de xaneiro. De feito, en Murcia poderían acadar ata os 27 graos. A responsable desta situación anómala é unha gran dorsal anticiclónica que abrangue toda a península e que está bloqueando a entrada de borrascas polo Atlántico. De momento está estancada e non se prevén chuvias no curto prazo.

Publicidade

De feito, Galicia vivirá unha fin de semana máis primaveral que invernal. As altas presións dominarán o escenario atmosférico ata ben entrada a próxima semana. Para este venres prevese un descenso das mínimas, que serán bastante baixas en comparación coas máximas. Por exemplo, Lugo caerá aos 5 graos de noite e non descenderá dos 17 graos durante o día. Esta gran diferenza entre temperaturas é o que se denomina “amplitude térmica”, segundo explican dende a AEMET. “Adóitase producir cando o vento está en calma e o ceo despexado. En inverno e principio de primavera nótase moito porque en zonas de interior pola mañá hai que saír con abrigo que ao mediodía sobra”, apuntan nun fío de X (antes Twitter).

A situación manterase estable durante a fin de semana e segundo a previsión de Meteogalicia, as máximas aumentarán lixeiramente durante a xornada do sábado, cando cidades como Vigo e Pontevedra acaden os 21 graos. “Ambiente moi agradable”, din dende o servizo meteorolóxico, que prevé máximas que non descendan dos 18 graos en ningunha cidade galega. O escenario será semellante ao medio prazo, dado que Galicia continuará baixo a influencia das altas presións. Dende Meteogalicia sinalan que a probabilidade de chuvia será baixa en xeral, e que tan só aumentará o martes no litoral atlántico.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol