Xoves 25 Abril 2024

Catro investigadores galegos acadan 40.000 euros da Fundación BBVA

Diana Guallar, Olalla López Costas, Félix Freire e David Vilares poderán desenvolver durante os vindeiros meses os seus respectivos proxectos

A Fundación BBVA deu a coñecer este venres as persoas beneficiarias das bolsas Leonardo, que outorga a investigadores e creadores culturais de entre 30 e 45 anos. É unha das convocatorias máis recoñecidas de España, altamente competitiva e que recoñece a persoas en estadios intermedios da súa carreira que se caracterizan por unha produción científica, tecnolóxica ou cultural innovadora. De máis de 1.500 solicitudes, foron adxudicadas un total de 59 bolsas en 11 áreas de coñecemento. E catro delas recaeron en investigadores que desenvolven o seu traballo en Galicia: Diana Guallar, Olalla López e Félix Freire, da USC, e David Vilares, da Universidade da Coruña. As bolsas están dotadas cada unha con 40.000 euros, os proxectos poden desenvolverse nun prazo temporal de entre 12 e 18 meses.

A investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, Diana Guallar, destinará o financiamento obtido a un proxecto co que pretende profundar no estudo das modificacións químicas do ARN, un campo novo en expansión do que aínda se sabe moi pouco, e a súa relevancia en procesos patolóxicos derivados dos efectos que produce a obesidade durante o envellecemento. “É tal a importancia das modificacións do ARN na regulación de procesos fisiolóxicos e patolóxicos humanos, que en EEUU e China xa son liñas prioritarias de investimento. Non podemos quedarnos atrás. Este proxecto representa un empuxe na miña carreira para consolidarme como experta neste excitante campo de investigación tan prometedor na clínica e a industria farmacolóxica”, explica a investigadora da USC, que este xoves recibía o Premio de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias polos seus traballos para o descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular.

Publicidade

O proxecto “As epidemias da fame. Tuberculose e brucelose na Idade Media a través dos restos óseos” de Olalla López-Costas, conforma “unha aposta moi persoal porque estou convencida de que a Historia ten moito que dicir sobre as enfermidades infecciosas e como nos afectan aos seres humanos”, sinala a investigadora. A tuberculose e a brucelose con máis dun millón e medio de mortes ao ano na última década, considéranse baixo control. Porén, coa crise da COVID-19, “debemos ser conscientes de que o seu impacto deixará a moitas persoas expostas e máis sensibles”, apunta López-Costas, investigadora postdoutoral do grupo de investigación EcoPast da USC. “Estas dúas enfermidades tan relacionadas coas condicións de vida, a alimentación e a escaseza de recursos, son claras candidatas a avanzar. Pretendo estudar dende numerosas perspectivas estas enfermidades na época medieval para coñecer como vivían estas persoas, os tratamentos aos que se sometían e se se viron obrigados a emigrar”, engade. Este traballo transdisciplinar cun enfoque completamente único cara as enfermidades infecciosas do período medieval, baséase en tres puntos: a documentación histórica; o estudo osteoarqueolóxico e paleopatolóxico; e a análise arqueométrica e xeoquímica. A investigación enmárcase no seo dunha colaboración internacional entre o grupo EcoPast e o departamento de Arqueoloxía da Universidade de Estocolmo.

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, Félix Freire, poderá desenvolver en virtude desta bolsa, un proxecto baseado na aplicación de materiais intelixentes na síntese de compostos orgánicos, por exemplo fármacos. Estes materiais son polímeros —moléculas de gran tamaño— que adoptan unha estrutura de tipo helicoidal. Esta hélice é a responsable da función do material, que neste caso utilizarase como catalizador en síntese de compostos de interese biolóxico. A clave do uso destes materiais na síntese de compostos orgánicos é a súa capacidade de modular o sentido de xiro da hélice, unha vez foron obtidos no laboratorio. “Desta forma poderemos explorar como afecta devandito cambio na síntese de moléculas e determinar que sentido de xiro é o óptimo para a creación dun tipo de moléculas determinado”, explica o investigador da USC.

Pola súa parte, David Vilares Calvo, investigador postdoutoral no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, desenvolverá o seu proxecto “Transferencia de estrutura da linguaxe en modelos PLN para linguas con escaseza de recursos”. Esta bolsa da Fundación BBVA supón un novo pulo para a súa carreira, despois de recibir en 2018 o Premio Nacional de Informática na categoría de Mozos Investigadores, que outorga a Sociedad Científica Informática de España e a propia Fundación BBVA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afectou a contaminación por metais á xente do medievo? Así o investigará unha galega

Un proxecto liderado pola investigadora da USC Olalla López Costas acaba de ser distinguido cunha axuda ERC de dous millóns de euros

Unha nova técnica ideada no CiQUS: desenrolar hélices en polímeros por acción da luz

A revista "Angewandte Chemie" destaca o artigo, liderado por Francisco Rey Tarrío, polas súas achegas na determinación da estrutura de polímeros helicoidais

Catro novos grupos de investigación no CiMUS de Santiago

O centro singular de investigación da USC crea os equipos científicos liderados por Pablo Aguiar, Diana Guallar, Ricardo Villa e Ashwin  Woodhoo

O CiQUS de Santiago describre un ‘Xogo de Tronos’ a escala molecular

Emilio Quiñoá e Félix Freire publican na revista Angewandte Chemie unha investigación con resonancias bélicas entre soldados e sarxentos moleculares