A erupción do volcán de Cumbre Vieja, na illa canaria de La Palma, está a supoñer unha importante despregadura de medios científicos e tecnolóxicos para tomar todos os datos posibles sobre o fenómeno. Cámaras de alta resolución ou térmicas, drones sobre o cono volcánico, imaxes satelitais de enorme precisión… E ata fotografías captadas polos poucos seres humanos que na actualidade viven fóra do planeta: na mañá deste venres, o astronauta francés Thomas Pesquet, actual comandante da Estación Espacial Internacional, compartiu novas imaxes tomadas durante un dos pasos da nave sobre La Palma.
Como xa fixera poucos días despois do comezo da erupción, Pesquet compartiu as imaxes nas que se pode observar a nube de cinzas pasando por riba do vapor de auga e outros gases que xera o volcán. Na fotografía pode percibirse, igualmente, o trazo final da coada de lava que chega ao mar, e que xa está a xerar unha fajana.
Pesquet compartiu igualmente imaxes nocturnas que salientan o brillo das coadas de lava.
Bright orange lava sticks out at night, and dark grey smoke and ash stands out during the day. The #LaPalma volcano in the Canary Islands is making itself known to the world. #TodosConLaPalma https://t.co/UU5DTPR4is pic.twitter.com/nF8r9a199C
— Thomas Pesquet (@Thom_astro) October 8, 2021
Alén das fotos tomadas desde a Estación Espacial, nestes últimos días o seguimento da erupción desde o espazo está a xerar outras imaxes impactantes. Varias delas, tomadas polos satélites da NASA, amosan, por exemplo, a traxectoria da columna de cinzas empurrada polo vento a través do Atlántico, en dirección nordeste:
E outra delas, tomada a pasada fin de semana, sorprendeu pola peculiar forma das ondas que xurdiron sobre o cono volcánico: unhas nubes concéntricas xeradas polo aire cálido que sae do interior da Terra e xera correntes que se desprazan de forma horizontal a máis de 5000 metros de altura.
O fenómeno tamén foi observado e descrito polo Centro de Investigación Atmosférica da Axencia Estatal de Meteroloxía (AEMET) en Izaña, na illa de Tenerife.
Este video @cielodecanarias muestra la interacción del penacho eruptivo del #VolcanLaPalma con la inversión de Tª del tope de la "Saharan Air Layer" que le obliga a un desplazamiento horizontal a 5300m snm. El volcán emite pulsos de diferente intensidad lo que provoca esas ondas! pic.twitter.com/CPclZzdS5V
— AEMET_Izaña (@AEMET_Izana) October 2, 2021