Retratan sobre Galicia o cometa Giacobini-Zinner

Imaxe do Giacobini-Zinner captada sobre Ribeira o pasado 10 de setembro. Foto: Marco Antonio Vilar.
Imaxe do Giacobini-Zinner captada sobre Ribeira o pasado 10 de setembro. Foto: Marco Antonio Vilar.

O pasado 10 de setembro, un cometa alcanzou o seu perihelio (o punto da súa órbita máis próximo ao Sol) e situouse a 0,4 unidades astronómicas (UA) – algo menos de 60 millóns de quilómetros de distancia – da Terra. Era o cometa 21P/Giacobini-Zinner, pero a nova pasou desapercibida para a maioría da xente xa que non era visible sen instrumentos ópticos.

Porén, moitas veces adoita haber algún entusiasta mirando ao ceo, ben atento, e esta vez estaba en Castiñeiras, no municipio de Ribeira. Marco Antonio Vilar, apaixonado da astronomía e divulgador científico a través da empresa Mundo Estrellado, captou unha imaxe e un ‘timelapse‘ do Giacobini-Zinner ás 3 da madrugada dese día.

Publicidade

Empregando o teleobxectivo do seu equipo como telescopio, Antonio Vilar puido captar durante case unha hora o desprazamento do cometa, ata compoñer o vídeo que se pode ver baixo estas liñas.

Foron arredor de 140 fotografías, cuns 30 segundos de exposición, para captar toda a luz posible, pero evitando que o cometa aparecese movido.

Publicidade

A imaxe tomada por Marco Antonio Vilar foi difundida polo portal Ceos Galegos, impulsada por Dosi Veiga. Nesta web, Veiga explica que “o cometa foi descuberto por un astrónomo francés chamado Michel Giacobini en decembro de 1900″. 13 anos máis tarde, o seu colega alemán Ernst Zinner volveu ver pasar o meteoro, polo que foi bautizado co apelido de ambos. “Hoxe sabemos que o cometa completa unha órbita elíptica ao redor do sol cada pouco máis de seis anos”, explican desde Ceos Galegos.

O cometa 21P/Giacobini-Zinner mide apenas dous quilómetros de diámetro. E cando se achega ao Sol, por efecto do vento solar, “deixa unha nube de pequenos refugallos que son responsables da chuvia de meteoros das Dracónidas“, que precisamente se pode ver durante estes días de outubro cara a constelación do Dragón (de aí o seu nome).

Mundo Estrellado

Marco Antonio Vilar e a súa dona, Lucía Canda, botaron a andar hai uns anos a empresa Mundo Estrellado, que comercializa produtos para a observación astronómica. Durante os meses de verán tamén organizan visitas guiadas no mirador da Pedra da Rá, mentres que no inverno realizan actividades de divulgación astronómica en centros educativos co seu planetario portátil.

Antonio é desde cativo un entusiasta da astronomía, e colabora tamén xunto a Lucía coa asociación Sirio de Pontevedra nas actividades que desenvolven no observatorio de Cotobade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto un sistema planetario ‘ao revés’ que desafía as teorías da formación astronómica

O achado dun mundo rochoso na periferia da estrela LHS 1903 suxire que os planetas tamén poden formarse de forma secuencial en contornas sen gas

Descubertas novas pistas sobre a orixe de Theia, o hipotético planeta que formou a Lúa

Unha análise de isótopos de rocas lunares e terrestres revela que o obxecto celeste chocou contra a Terra e deu lugar ao noso satélite fai 4.500 millóns de anos

Astronomía de multimensaxeiro: o Universo contado en luz, ondas e partículas

O IGFAE participa en grandes colaboracións internacionais para combinar múltiples sinais cósmicos co obxectivo de comprender mellor os fenómenos máis extremos e invisibles do cosmos

Un equipo da UDC reconstrúe 10 millóns de anos de historia dun cometa interestelar

A investigación, liderada polo CITIC, amosa como foi a traxectoria do astro na Vía Láctea, recoñecido como o terceiro obxecto interestelar detectado