Conta atrás para as Perseidas: que actividades hai en Galicia para a noite máxica do verán?

Os concellos galegos poñen en marcha programas e encontros o 12 de agosto para facilitar a observación das estrelas durante o pico de actividade das Bágoas de San Lourenzo

Queda menos dunha semana para a choiva de estrelas máis esperada do ano. As Perseidas poden verse no ceo nocturno dende o 17 de xullo, pero o momento máis espectacular será o próximo martes 12 de agosto, cando chegará o seu pico de actividade. Na noite do 12 ao 13 de agosto, poderanse observar ata 100 meteoros por hora, unha auténtica pasarela de estrelas fugaces que iluminará o ceo.

Aínda que factores como as condicións metereolóxicas, a contaminación lumínica e o lugar dende onde se observen teñen un papel fundamental, tamén é importante o momento preciso. Por suposto, con quen compartas a experiencia e que actividades acompañen a observación destes meteoros pode facer que a noite sexa memorable.

Publicidade

Por sorte, algunhas cidades de Galicia preparan plans especiais para celebrar esta noite, co obxectivo de lembrar as Bágoas de San Lourenzo para sempre. Se buscas inspiración, aquí tes algunhas ideas para vivir a choiva de estrelas dende Galicia.

Os destinos estelares de Galicia

A Fundación Starlight, unha entidade internacional, recoñece en Galicia varios lugares polos seus ceos de alta calidade e excelente conservación, promovendo así un turismo sostible centrado na observación de corpos celestes.

Publicidade

Entre estes destinos destaca o macizo de Trevinca (Ourense), pola súa elevada altitude e baixa contaminación lumínica, así como a Costa da Morte, con cantís, praias e cumes que ofrecen un escenario único para contemplar as estrelas.

Tamén forman parte desta lista lugares como Muras, Lalín, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, e os montes de Navia, Cervantes e Becerreá, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, todos espazos privilexiados para gozar das Bágoas de San Lourenzo.

VigoNature para toda a familia

A actividade de observación das Perseidas celebrarase o martes 12 de agosto, dende as 22:30 ata as 00:30 horas, e consistirá nunha sesión guiada por cinco expertos da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura. Nesta experiencia ubicada na Madroa (Vigo), os asistentes poderán contemplar as estrelas e o firmamento, aínda que as prazas xa están esgotadas.

Durante estas dúas horas, os participantes aprenderán a identificar as constelacións visibles e haberá xogos didácticos de astronomía para os máis pequenos. Ademais, empregarase un planisferio e un punteiro láser, nunha actividade pensada para toda a familia.

O aforo está limitado a 75 persoas e a entrada inclúe chocolate quente. Pero que pasa se hai ceos cubertos ou choiva? Hai un plan B: realizaranse proxeccións e unha charla divulgativa no auditorio.

Dende o mar

A naviera Mar de Ons repite ano tras ano unha experiencia máxica, ofrecendo rutas nocturnas para contemplar as estrelas e os principais eventos astronómicos do verán, como é o caso das Perseidas. Lonxe da contaminación lumínica, os barcos chegan ata o Parque Nacional das Illas Atlánticas, concretamente ás Illas Cíes.

As saídas están programadas para os días 11, 12 e 13 de agosto, dende o porto de Cangas ás 22:30 horas e dende Vigo ás 23:00 horas. Cada ruta ren unha duración aproximada de tres horas e está suxeita á formación dun grupo mínimo de participantes. Podes adquirir as túas entradas na páxina web da naviera.

E dende o observatorio de Forcarei?

En Lugo, Forcarei é unha das localidades galegas con menor contaminación lumínica, o que supón unha gran vantaxe para contemplar a choiva de estrelas. Por iso, a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura volve implicarse nesta actividade das Perseidas na contorna do observatorio astronómico das Casetas.

A actividade comezará arredor das 23:00 horas no espazo aberto que rodea o observatorio. O equipo explicará características do ceo nocturno do verán, identificará as diferentes constelacións e estrelas, e responderán ás dúbidas dos asistentes, ofrecendo nocións básicas de astronomía durante a espera.

A participación é gratuíta e non require inscrición previa. Recoméndase levar abrigo, manta, e tamén bebidas e aperitivos para facer máis amena a espera ata que os meteoros aparezan no ceo. Así, os asistentos poderán tumbarse e observar o firmamento.

Os consellos da Casa das Ciencias

Na Coruña, o planetario da Casa das Ciencias dedicará uns minutos nas súas sesións do sábado 9 ao domingo 17 de agosto para ofrecer recomendacións sobre como observar as Perseidas.

Entre as súas suxestións, tendo en conta que o fenómeno coincide cunha Lúa case chea, aconséllase situarse nun punto de observación con algún obstáculo, como un muro ou unha árbore, que poida bloquear a luz lunar.

Mentres, o Concello da Coruña lembra que as Perseidas duran varios días e recomenda aproveitar as primeiras horas das noites posteriores ao máximo, antes de que a Lúa saia polo horizonte.

Así que prepárate para mirar ao ceo, deixa que a maxia das Bágoas de San Lourenzo te sorprendan e aproveita cada momento desta noite única do ano.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

  1. Solo ponen las observaciones de la Fundacion Ceo Ciencia y Cultura! Las demas observaciones por toda Galicia?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla